Da granxa ao consumidor: as alternativas galegas ao leite envasado

A gandería Conde Xesteira leva dez anos vendendo leite fresco en máquinas expendedoras ao prezo dun euro o litro

Jesús Conde levando ás súas vacas de Conde Xesteira

Hai máis de 10 anos, o 26 de decembro de 2009, a gandería Conde Xesteira foi pioneira na instalación dunha máquina expendedora de leite xunto ao novo mercado de A Estrada. Pasada esta década, o experimento quedou comprobado que funciona. Entón o litro de leite costaba 1 euro, e agora segue valendo o mesmo. Ademais xa non son a única marca que vende deste xeito na praza estradense.

Os clientes amosan unha fidelidade a esta forma de obter leite fresco cada mañá. Introdúcese a moeda, apértase o botón e a botella énchese de leite saudable, procedente directamente das vacas que pastan en prados da aldea estradense de Lamas, onde Jesús Conde e a súa muller Elvira Santiago fixéronse cargo hai máis de 25 anos dunha explotación familiar. Agora teñen 97 vacas, pero para muxir non chegan ás 50.

Trátase de leite fresco pasteurizado, mais cunha gran diferenza respecto a outros do mercado. O pasteurizador eleva a temperatura a 74 graos durante 20 segundos, e arrefríao de inmediato a 4 graos, que é a temperatura á que se garda na máquina. “Así matas o 99,99% das bacterias, cando menos as que fan dano, pero sen eliminar vitaminas ou nutrientes. Cando quentas o leite a máis de 90 graos, queimas propiedades e varías o sabor”, explica Jesús Conde. Outras marcas elevan a temperatura a 80 ou 85 graos. “Aí mátase todo. Matas o malo, pero tamén as cousas boas, e non é a idea estropear un produto que custa moito traballo producir. Sei dalgunha empresa leiteira que sube a 110 graos, e logran que o leite teña unha vida de 20 días. Tamén coa uperización consegues que o leite dure 5 meses, pero o noso é algo completamente diferente”.

Máquina expendedora de Conde Xesteira en A Estrada

E tanto que si, como que o leite de Conde Xesteira ten só 6 días de caducidade, aínda que podería aguantar 8 ou 9, pero é que ademais cambian cada 3 días o leite das máquinas. “Cando se tenta facer algo diferente, hai que facelo con todas as consecuencias. Sei que todo o leite que vendo ten unha calidade excepcional. Para min isto é leite de vaca, e o outro é leite de cartón”, asegura sorrindo o produtor estradense.

Teñen moi claro que a súa clientela son matrimonios novos con fillos pequenos e persoas maiores que buscan unha alimentación máis saudable. “O calcio que lle aporta o leite ás persoas maiores constitúe case o 100% das súas necesidades. Polo tipo de pasto que lle damos á vaca, este leite é moi rico en Omega 3. Tiven algún cliente ao que o médico lle retirou a medicación do colesterol, tras comprobar o bo efecto que lle facía o noso leite tomándoo durante un mes”. Para iso fan un leite baixo en graxa, cunha porcentaxe do 3,2%, pero alto en proteínas. Cada 30 minutos, a máquina remove o leite coa axuda dun axitador, para que o produto se manteña homoxéneo, sen que a graxa flote.

Deste xeito venden arredor de 2.000 litros mensuais en botellas de plástico ou de cristal reutilizables

A máquina ten unhas chaves moedeiro que están repartidas entre 250 clientes. O resto poden acceder a través da máquina, ou noutros dous puntos de venda. En total venden deste xeito arredor de 2.000 litros mensuais, máis outros 45.000 que venden directamente á fábrica. En canto aos recipientes, a botella de cristal dun litro véndese a 1,20 euros, e a de plástico de 1,5 litros, que se pode reutilizar ata un mes, a 0,40 euros.”A idea é que se gaste o menor número de botellas posible. Iso quere decir que a xente está aprendendo a reciclar, e nos últimos anos notamos unha variación nisto”.

Ata agora, cando chegaba o mes de febreiro, notaban unha baixada no consumo, pero despois de ver a evolución dos meses previos, non teñen a sensación de que vaia baixar neste 2020. Non notaron a costa de xaneiro. O verán é o momento no que máis se vende, “por aquilo dos turistas, aos que lles fai graza probar o leite deste xeito”. O día que menos vendían adoitaba ser o xoves, por ser o día despois da feira, pero ata nisto parece que agora non notan baixón. “Xa non hai día no que a xente non veña a polo leite, algúns din que engancha”, conclúe o gandeiro de A Estrada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *