“Xa hai microplásticos en todos os alimentos”

Jesús Gago, experto do Instituto Español de Oceanografía, advirte que o planeta vai cara un crac ecolóxico no 2029

Jesús Gago é un investigador, oceanógrafo e químico do Instituto Español de Oceanografía. Unha referencia na actualidade sobre a contaminación dos plásticos no océano. Os datos coñecidos de que se producen uns 348 millóns de toneladas de plástico por ano, das cales unhas 300.000 toneladas acaban flotando nos nosos oceános, conducen á preocupación. Por iso a súa opinión sobre a contaminación nos alimentos que nos chegan desde o noso medio mariño pode resultar tan importante.

-Estivo liderando o programa Baseman. Que conclusións sacaron?

-Así como no referente a nutrintes ou a metais pesados hai unha serie de protocolos que están estandarizados desde hai moitos anos, o tema dos plásticos é algo que emerxeu case nesta década. No século pasado o primeiro estudo serio sobre o plástico é de 1972, era do mar dos Sargazos nas Illas Bermudas. E o primeiro traballo como tal sobre os microplásticos é do 2004. Estamos falando dunha ciencia que ten menos de 15 anos.

-Que se pode considerar como un microplástico, en que tamaño?

-En principio serían aqueles plásticos por debaixo dos cinco milímetros. Hai discusión no tema dos tamaños e do límite. Nós usamos unha lupa micro para identificar unha partícula plástica, despois hai que facer unha identificación química. Todo isto leva moitísimo tempo e queda moito percorrido por facer.

-Hai microplásticos en sedimentos mariños, nas praias, nas augas superficiais. Un 15% dos peixes que consumimos teñen microplásticos no seu estómago. Un estudo seu que falaba dos que hai nos mexillóns de rocha tivo moita repercusión mediática…

-Á xente chámanlle a atención os microplásticos que están nos mexillóns, ou no estómago da pescada, que precisamente iso non se come, pero non lle preocupan os que están no mel, na auga ou na cervexa, según estudos dos propios alemáns. No mar atopamos sustancias con aditivos químicos como o biophenol A, ou outras sustancias, como os metais pesados, que si poden ter consecuencias sobre a saúde humana. Non son os plásticos, pero si o que se lles engade a estes nunha sopa de sustancias químicas.

-En Galicia o problema é menor?

-Podemos dicir que si pero non é grazas ao noso comportamento. O medio mariño que temos é extraordinario, pero o noso coidado deixa moito que desexar. Hai anos había un vertedoiro aberto na zona de Baiona, nos anos 90 entrabas pola ría e vías que alí tiraban de todo. No vertedoiro de Bens en 1996 estímase que caeron 200.000 toneladas de lixo directamente ao mar. Grazas ao afloramento e a eses ventos do norte que soplan 6 meses ao ano hai un fluxo da auga mariña galega que pode ser superior a 1.000 metros cúbicos por segundo e por quilómetro de costa. Este fluxo non o teñen o río Nilo nin o Amazonas. A auga da ría de Vigo pódese renovar en menos de 15 días. Isto é o que fai que aquí o problema sexa moito menor.

-Agora están co inicio dun novo proxecto co Consello Regulador do Mexillón…

-A intención é facer unha acuicultura máis ecolóxica. Evitar a perda de materiais plásticos, reemplazalos alá onde sexa posible. Xeran lixo, pero ten todos os vimbios para ser totalmente ecolóxica. Eles non lle dan ningún antibiótico ao mexillón, nin lle dan pensos, crecen de forma natural. O profesor Ramón Margalef comparaba o afloramento cos tractores. Nun campo de millo tes que sembrar, arar, botar fertilizantes; cos mexillóns non hai que facer nada. Xa fixemos unha guía de boas prácticas para acuicultura.

-E o sector pesqueiro está concienciado?

-Hai uns anos ninguén estudaba o lixo mariño. O sector pesqueiro agora está preocupado porque viron que o consumo de peixe baixou, cunhas porcentaxes que se moven entre o 20 e o 40%. Precisamente os informes negativos que saen dos microplásticos no mar non lles fai ben para as vendas. Agora eles saben que teñen que perder as menos redes posibles, que facer unha guía de boas prácticas. Traballan diariamente no mar e por iso teñen un impacto como actividade de extracción que é. Hai anos falaba cos gardacostas de Galicia e dicían que comisaban milleiros de aparellos no mar.

-Cales son as especies máis ameazadas en Galicia?

-Todas as filtradoras, todos os moluscos: mellixón, berberecho, ameixa…, máis que os peixes. Habería que facer a pregunta á inversa, afectados de que. Podemos chamalos troianos, o cargamento que levan con eles, que fan de esponxa. Pero non é que se vexan afectados polos microplásticos, non hai motivo para alarma neste momento. Eu ata o día de hoxe non escoitei a ninguén que dixera “estou enfermo por microplásticos”. Incluso os respiramos das alfombras, da roupa sintética, pero ese non é o gran problema, senón outras sustancias que inxerimos que son moito máis nocivas.

-Pero non só os alimentos que veñen do mar conteñen microplásticos?

-Xa hai microplásticos en todos os alimentos que consumimos a día de hoxe, pero hai que ser precavidos na divulgación, non imos morrer todos. Hai un informe da OMS feito en 259 botellas de auga de 19 localizacións en nove países e con diferentes marcas, e atoparon un promedio de 325 partículas de plástico por litro de auga analizado. Na auga potable! Hai a imaxe de que todo o que consumimos do mar está contaminado, cando isto é falso. Nun informe feito en Canadá sobre as bolsiñas de té, que é algo que hai xente que toma varios diarios, descubrimos a cantidade de partículas de microplásticos que inxerimos por esa vía.

-Que medidas ves para corrixir esta contaminación?

-Hai un clásico no tema medioambiental que é a parálise por análise. Os plásticos están no estómago de peixes, de delfíns, no fondo dos mares. Atoparon microplásticos ata en pingüinos na Antártida. O que hai é que evitar que cheguen aí cunha xestión adecuada e lexislación. Aquí houbo barra libre e hai que xestionalo mellor. Se das unha volta por Noruega non hai botellas tiradas, porque teñen un valor, xa non hai kits de champú ou xel, senón un dispensador. Así quen queira un kit que o pague, e reduciríase ese consumo. Eu tomo auga da billa e non embotellada, probablemente con iso fagas máis que levando unha bolsa de tea ao supermercado.

-E con estas pequenas medidas xa chegaría?

-O primeiro sería controlar o consumo. Somos plástico adictos. Xa non chega coas tres R, reducir, reciclar e reutilizar. Ti tes unha plancha avariada na casa e sae máis barato comprar unha nova que arranxala. Hai que ir a polas dez R: reparar, rehusar, recuperar…, hai que facer cambios no modelo económico. A solución non é única. En 1929 houbo un crac económico e imos a un crac ecolóxico en 2029. Desde distintas ONG e asociacións de todo o mundo realízanse retiradas dos plásticos periódicas en fondos, costas, praias e outros lugares, e os gobernos están a tomar medidas de limpeza a modo xeral… Pero quizá o que sería moito mellor é evitar desde o principio que os plásticos cheguen aos océanos, e non ter que retiralos despois, porque xa está a custar retirar as 8 toneladas que chegan ao ano aos océanos. Precisamos educación nos colexios, que se conciencie aos nenos xa desde pequenos con ensinanza sobre os residuos. No caso contrario, xa o dixo a ONU, no 2050 teremos máis plásticos que peixes no mar, se utilizamos as cousas cun só uso. Hai que introducir conceptos como o decrecemento positivo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *