Na busca de dez proxectos de innovación alimentaria

Un total de 38 candidatos aspiran a formar parte da segunda edición de BFFood, a aceleradora do sector alimentario galego

Muutech foi unha das elixidas na anterior edición dos BFFood

A innovación alimentaria é un factor esencial para ser competitivo no mundo empresarial. Tendo en conta que agora mesmo a industria alimentaria supón o 22% da industria manufacturera española, e que da emprego a medio millón de persoas, non é de estrañar que que a innovación sexa tan importante para ser puxante neste sector. Por isto é tan importante como trampolín o Business Factory Food ( BFFood), a aceleradora vertical do sector alimentario galego impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada pola Agrupación industrial Alimentaria de Galicia (Clusaga), que este ano recibiu 38 novos proxectos para participar na segunda edición do seu programa de aceleración.

As candidaturas están sendo avaliadas nestes días e dez pasarán a formar parte do programa de aceleración. A elección dos proxectos seleccionados terá lugar o próximo 28 de xaneiro na celebración do pitch day. O prazo para a presentación de candidaturas finalizou o pasado 30 de novembro con máis da metade procedentes de Galicia. Catro proxectos presentáronse desde fóra da comunidade galega, concretamente desde Andalucía, País Vasco, Cataluña e Murcia. Ademais, nesta edición, BFFood traspasou fronteiras e recibiu candidaturas desde Arxentina e #Ecuador. Os proxectos presentados a esta segunda edición de BFFood deron resposta aos sete retos do sector alimentario expostos polas empresas tractoras. De maneira especial, sobresaíron as iniciativas vinculadas á sustentabilidade, packaging, valorización de residuos e co-produtos e desenvolvemento de novos produtos alimenticios.

En tan só 9 meses, BFFood recibiu case cen candidaturas nas dúas edicións do seu programa de aceleración. Uns datos que poñen de manifesto a “importancia de apoiar e fomentar o emprendemento innovador que incremente a competitividade sectorial en Galicia”, tal e como sinala Javier A. Osuna, responsable da aceleradora.

En só 9 meses, BFFood recibiu case cen candidaturas nas dúas edicións do seu programa de aceleración

Todos os proxectos seleccionados deron resposta aos retos establecidos polas empresas tractoras da aceleradora nas áreas de dixitalización e automatización; calidade e seguridade alimentaria; loxística; sustentabilidade e packaging; desenvolvemento de novos produtos; e innovación de procesos e comercialización. Estes retos, á súa vez, correspóndense coas inquietudes da industria alimentaria galega e as necesidades de innovación, crecemento e mellora sectoriais.

Mentorización e apoio económico

Os proxectos seleccionados na segunda edición da aceleradora dispoñerán do apoio económico da Xunta de Galicia. En concreto, accederán a un financiamento por parte de GAIN de 25.000€ a fondo perdido e dun préstamo participativo que podería conlevar unha opción de capitalización de ata un máximo de 50.000€, a través de Xesgalicia.

BFFood ofrecerá aos dez proxectos seleccionados un completo plan para o desenvolvemento e lanzamento do seu produto ou servizo cunha duración de nove. Contarán con titorías e mentorización por parte das empresas tractoras líderes da industria alimentaria, acceso a espazos de traballos, catálogo de infraestruturas, medios e servizos técnicos e networking coas distintas institucións, entidades e proxectos.

Adegas Martín Códax, Cafés Candñeas, Calvo, Corporación Alimentaria Peñasanta ( CAPSA FOOD), Clavo Food Factory, Cooperativas Lácteas Unidas ( CLUN), Congalsa, Dairylac, Gadis, Kiwi Atlántico, Quescrem, Grupo Nova Pescanova, Torre de Núñez e Viña Costeira son as empresas tractoras que mentorizarán e apoiarán esta segunda edición de BFFood. Entre as entidades colaboradoras atópanse, ademais, as tres universidades galegas, a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias ( AGACA), ANFACO- CECOPESCA, o Instituto Tecnolóxico de Galicia ( ITG) e a Fundación Empresa-Universidade Galega ( FEUGA).

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *