Hai pouco máis dun ano os irmáns Villasenín, Andrés e Fran, decidiron que o seu soño de montar un lugar de comidas tiña xa chegado ao momento de cumprilo. O nome xurdiu despois de poñer unha lista sobre a mesa. Como lles gusta tanto a música sempre caían no musical. Despois de barallar o nome de Barracuda, decidiron que non porque xa había un en Vigo, e optaron por Flamingo. Este é o nome dun local emblemático de jazz de Londres onde tocaban por primeira vez os artistas americanos de blues e soul a principios dos 60. Ademais querían un local no que se lle rendira unha homenaxe á súa familia que sempre tivo tradición de cociñeiros. O bisavó cociñaba no Seminario de Santiago e cando viña xente importante a Compostela dicían que fora el ao Hostal dos Reis Católicos a cociñar. Súa avoa, a nai, as tías, todas tiñan man na cociña tamén. Andrés e Fran non, pero eles son “admiradores”.
Andrés foi a cara A de A Reixa pub durante 22 anos -a cara B segue sendo Miguel-, e Fran traballara como camareiro neste pub santiagués, ademais de seguir como dono na actualidade da tenda que leva o mesmo nome, pero nunca en nada que tivera relación coa gastronomía. “É un mundo novo. Ao non ser cociñeiro é moito máis complicado. Tes que ter unha moi boa sintonía cos teus cociñeiros para mercar e preparar os escandallos. Non me sobraba ter feito algo deste ramo pero aprendo preguntando moito aos que saben disto”.

Andrés e Fran na porta do Flamingo
Andrés asegura que querían facer unha taberna de barrio. Cunha carta curtiña na que apenas hai dez pratos. O primeiro foi atopar os cociñeiros e deron coa triple M: Melide, Málaga e Marrocos que son os lugares de onde proceden…. “Do que se trata é de que todo estea bo e que sexa produto como se fose para a nosa casa”, comenta Andrés. Cada día poñen un prato diferente, que van mudando entre carnes e peixes. O produto queren que sexa galego e de proximidade. “E máis barato mercar unhas vieiras peruanas que de Cambados, pero eu prefiro comprar o de aquí. Prefiro non telas, a ter que comprar as de fóra. Tamén hai cousas de fóra que son boas pero se as hai aquí mellores temos claro que mellor facer o gasto nos nosos produtores”. Para Andrés o cambio de vida resulta máis que evidente despois de pasar máis de dúas décadas traballando de noite. “A calidade de vida é moi diferente. Gañaba máis cartos e traballaba menos polas noites, pero non me deitaba nunca antes das cinco e media da mañá. Iso influíu pero o que máis me empurrou foi a cantidade de impedimentos que tes en Santiago para poder ter un bar, e logo que cando montei A Reixa tiña vinte e poucos anos e agora xa era o tío dos rapaces”.
Martes, mércores, e xoves teñen actuacións musicais nocturnas para os seus clientes
O Flamingo xa cumpriu o seu primeiro ano. Grazas a tanto tempo na hostalaría por parte de Andrés no pub, e de Fran na tenda, xa tiñan un mercado de clientes feito que fixeron que non tiveran un tempo de rodaxe. Desde o principio a xente estaba no Flamingo. “Estamos nun barrio que necesitaba ter un local así e como eu vivía aquí e vin que non había nada pois decidimos montalo nós. O centro da cidade está un pouco saturado pero moita xente alucinaba da elección de zona que fixemos. Dicían que estabamos un pouco tolos pero é moi de nós ir contracorrente”, comenta Fran que se nega a chamalo restaurante porque lle resulta moi formal, quizais sexa máis unha “taberna porque o de taberneiro levámolo no sangue”. De feito non teñen nin sequera un vestiario de traballo aínda que están pensando niso.
O que si tiñan claro e que este tiña que ser un restaurante con música. “Cando abriu A Reixa na cidade só se escoitaba folk ou cantautores, foi cambiar todo o que había na zona vella. A ilusión nosa sería facer unha sala de concertos, pero mentres non hai iso pois o Flamingo tamén ten música aínda que debe ser acorde con que a xente estea ceando”. Fan ceas concertos con grupos de jazz, soul, rithman blues. Martes, mércores e xoves teñen actuacións. Como pechan os domingos non fan sesións vermú pero non as descartan no futuro. Entre mentres, a música seguirá soando só nas ceas do Flamingo.
Deixa unha resposta