Dous galegos describen unha encima coa que se pode facer leite sen lactosa

O científico do CNIO Rafael Fernández Leiro lidera un estudo no que tamén participa Samuel Míguez, e que analiza a estutura da β-galactosidasa

Samuel Míguez (esquerda) e Rafael Fernández Leiro, (dereita) con dúas compañeiras do grupo de investigación do CNIO. Foto: CNIO.

Máis da metade da poboación mundial padece intolerancia á lactosa, aínda que as porcentaxes varían nas diferentes rexións do planeta, por unha cconfluencia de factores históricos e xenéticos. Este problema débese á carencia no intestino da encima lactasa, que  ‘dixire’ a lactosa e que, cando non está, provoca síntomas como sensación de inchazón, gases, diarrea ou náuseas. É por iso que a xente ten que tomar ás veces leite “sen lactosa”, que non é tal, senón que a este produto se lle engadiu previamente lactasa para descompoñela, obtendo glucosa e galactosa. A ciencia leva tempo buscando alternativas para o sector alimentario, e agora, dous investigadores galegos asinan un traballo que podería ofrecer un novo camiño.

A revista ACS Chemical Biology publica un artigo dirixido por Rafael Fernández Leiro, líder do grupo de Integridade do Xenoma e Bioloxía Estrutural no Centro Nacional de Investigacións Oncológicas (CNIO), no que tamén traballa o investigador galego Samuel Míguez, atoparon mediante criomicroscopía electrónica a estrutura molecular dunha encima, a β-galactosidasa, capaz de hidrolizar ou descompoñer a lactosa. Os resultados do traballo supoñen un avance na procura de novas formas de obter leite e derivados lácteos sen lactosa.

Hidrólise da lactosa

Segundo explica, Fernández-Leiro, “empregamos a técnica de criomicroscopía electrónica ou Cryo EM, que se converteu nunha alternativa á difracción de raios X tradicionalmente empregada para resolver a estrutura de macromoléculas a alta resolución. A estrutura da encima TmLac intentouse resolver anteriormente sen éxito. Grazas á Cryo EM puidemos resolver a súa estrutura cunha resolución de dous ángstroms, unha das máis altas resolucións conseguidas ata a data empregando esta técnica e que nos permiten ver en detalle a estrutura atómica desta encima”.

“A intolerancia á lactosa é un trastorno dixestivo común que afecta a unha gran proporción da poboación humana adulta. A gravidade dos síntomas varía de persoa a persoa, e depende da susceptibilidade ao azucre e a cantidade inxerida. Por esa razón, no campo da biotecnoloxía adquiriu gran importancia o estudo de enzimas que se poden usar para a produción de leite e derivados lácteos sen lactosa, como é a β-galactosidasa da bacteria Thermotoga maritima ou TmLac” explica Jullo Polaina, investigador do CSIC no Instituto de Agroquímica e Tecnoloxía de Alimentos.

Pola súa parte, outra das autoras do traballo, Julia Sanz Aparicio, explica: “A nosa innovación supón unha importante contribución á saúde e benestar da extensa poboación que presenta distintos grados de intolerancia á lactosa. Un seguinte paso é o deseño de enzimas híbridas que poidan unirse de xeito eficiente a diferentes soportes sólidos e así empregarse para distintas aplicacións”, conclúe.

Rafael Fernández Leiro é graduado en Bioloxía pola Universidade da Coruña, e desde 2017 dirixe o equipo do CNIO despois de traballar no Laboratorio de Bioloxía Molecular de Cambridge (Reino Unido). Pola súa parte, Samuel Míguez realiza o seu doutoramento neste equipo despois de formarse na Universidade de Santiago de Compostela, onde traballou no grupo de DNA Repair dirixido por Miguel González no CiMUS.


ReferenciaThe cryo-EM Structure of Thermotoga maritima β-Galactosidase: Quaternary Structure Guides Protein Engineering (Publicado en ACS Chemical Biology). 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *