Substituír a carne vermella por sardiñas previría ata 750.000 mortes prematuras en 2050

Un novo estudo propón que unha dieta baseada en pescados como os arenques e as anchoas tería beneficios nutricionais e ambientais

Unha lata de sardiñas, un dos alimentos que se propoñe para esta nova dieta. Foto: Karen Laårk Boshoff

Substituír o consumo de carne vermella por peixes como o arenque, as sardiñas e as anchoas, podería evitar entre 500.000 e 750.000 mortes prematuras no ano 2050. Así o avala un estudo publicado na revista BMJ Global Health, que destaca os beneficios que achegaría esta nova dieta á hora de reducir a prevalencia de enfermidades relacionadas coa alimentación, e que tamén axudaría a combater a crise climática.

Segundo os investigadores, adoptar este patrón alimentario sería especialmente útil para os países de ingresos baixos e medios, onde este peixe é barato e abundante, e onde o custo das enfermidades cardíacas, en particular, é alto. Cada vez hai máis probas que vinculan o consumo de carnes vermellas e procesadas con maiores riscos de enfermidades non transmisibles, que representaron ao redor do 70% de todas as mortes a nivel mundial en 2019. As enfermidades coronarias, os accidentes cerebrovasculares, a diabetes e o cancro de colon representaron case a metade (44%) desta cifra, e a enfermidade das arterias coronarias constituíu a maior parte.

A sardiña, o arenque o a xarda son “peixes graxos pequenos cun importante contido de DHA e EPA, dous ácidos graxos poliinsaturados omega 3 que demostraron producir efectos moi beneficiosos sobre o organismo”, explica Jesús Francisco García Galván, investigador do CIBERobn e do Instituto de Investigación Sanitaria Pere Virgili. A inxestión deste tipo de pescado pode axudar a previr enfermidades coronarias, ademais de ser alimentos ricos en calcio e vitamina B12.Segundo os investigadores do estudo, tamén posúen a pegada de carbono máis baixa de calquera outra fonte de alimento animal.

Un potencial desaproveitado

Actualmente, tres cuarto da captura deste tipo de peixes móense para obter fariña e aceite, produtos que se utilizan principalmente na piscicultura. García Galván explica que a meirande parte do mercado destas especies mariñas se destina á alimentación doutras especies animais. “Un consumo humano directo suporía non só unha mellora a nivel de saúde pública, senón que afectaría positivamente sobre algúns dos actuais problemas de sobreexplotación, cambio climático e desnutrición cun mínimo de esforzo aplicado sobre políticas comerciais, ambientais e nutricionais”, apunta o investigador do CIBERobn en declaracións recollidas no Science Media Centre (SMC) España.

Aínda non está claro ata que punto o consumo destes peixes podería reducir a carga mundial de enfermidades se se substitúe pola carne vermella, un alimento que procede principalmente do gando vacún e cuxo consumo favorece o desenvolvemento de enfermidades cardiovasculares e algúns tipos de cancro. Con todo, os investigadores sinalan en BMJ Global Health que a oferta de sardiñas, arenques e anchoas non é suficiente como para substituír o consumo de carne vermella. “A coordinación e a acción de políticas multisectoriais, como promover o uso de microalgas ricas en nutrientes como alimento para peixes, poderían axudar a abordar algunhas destas barreiras”, suxire a investigación.

“A aplicación de políticas a nivel nacional que favoreceran o consumo de pescado non só produciría unha mellora da saúde da poboación española, senón que diminuiría o gasto sanitario e potenciaría o seguimento da dieta mediterránea e da dieta atlántica”, continúa García-Gavilán. Estas dúas dietas son patróns alimentarios “en perigo de extinción” a pesar de ser mundialmente recoñecidos como efectivos na prevención de patoloxías.

Por outra banda, o investigador Adrián Carballo Costa, actualmente no Aging Research Center do Instituto Karolinska en Estocolmo (Suecia), cre que a principal limitación deste estudo está relacionado con como se modelaron os datos. “Non é posible determinar se os teóricos beneficios da substitución de carne vermella por peixe pequeno nun país determinado se poderían aplicar a unha persoa concreta dese mesmo país”, indica, tamén en declaracións recollidas polo SMC España.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *