Moitas cousas teñen mudado nestes meses pero quen chegou fiel a súa cita foi o Bonito de Burela, unha especie que dende hai anos xa se converteu nun habitual na nosa mesa nestes meses de verán. A pesca deste túnido desenvolvese entre os meses de xuño e outubro, aínda que nos últimos tempos a cota de captura xa se consume nos últimos días de agosto e este ano leva o mesmo camiño. Nestes días o verás moito nas lonxas e mercados de todo o país. Dende logo que o seu consumo é unha excelente opción neste tempo de verán e hai que aproveitar porque o resto do ano non é posible atopalo fresco.
Curiosamente aínda que Burela é o porto principal de descarga de bonito do país, só hai catro barcos boniteiros inscritos na súa confraría. En xeral, hai moi poucos barcos galegos que se dediquen á pesca desta especie e maioría dos que chegan nestas semanas para facer as súas descargas en Burela proceden das outras autonomías do Cantábrico. Burela é un dos portos preferidos polos boniteiros do norte porque ofrece bos servizos a un prezo moi axeitado, segundo explica o patrón maior da Confraría de Burela, Basilio Otero.
A campaña boniteira desta ano arrancou a principios de xuño e está previsto que se prolongue ata finais de agosto, como ven ocorrendo nestes últimos anos. Os boniteiros españois teñen unha cota de captura de 16.620 toneladas e no que levamos de campaña xa se consumiu o 60 por cento dela. En Burela cada ano se venden unhas 1.600 toneladas de bonito e se recadan máis de 6 millóns de euros polas ventas. Sen dúbida, é un recurso moi importante para o porto burelense e Otero explica que nos últimos tempos o bonito se está a converter nunha “pesqueira de refuxio” ante o recorte de capturas que están a sufrir outras especies.
“O prezo de venda en fresco está entre os 3,50 e os 3,90 euros o quilo e hai moita demanda de fóra de Galicia”
A pandemia do Covid-19 non afectou demasiado á campaña deste ano xa que comezou cando o peor período da crise xa pasara e non houbo unha caída pronunciada no consumo. “O prezo para a venda en fresco está entre os 3,50 e os 3,90 euros o quilo e hai moita demanda para consumo fóra de Galicia. A marca do Bonito de Burela xa está consolidada é a demanda é estable”, indica o patrón maior.
O bonito vive durante o inverno nas augas próximas ás Illas Azores e se despraza a finais da primavera ao mar Cantábrico. Durante esta migración é cando se inicia a campaña do bonito, chamada costeira. Dende hai séculos a pesca do Bonito do Norte realízase polo método do corrican (pesca con anzol), aínda que en ocasións tamén se realiza polo sistema de cebo vivo. As dúas artes utilizan a cana e o anzol e o bonito péscase un a un, o que permite a selección dos exemplares. Deste xeito, cada peza chega aos mercados coa máxima frescura.
No que se refire ás súas características alimentarias, o bonito é un peixe rico en Omega 3, axuda a reducir os niveis de colesterol e tamén é rico en proteínas e vitaminas A, B e D. Proporciona ao organismo minerais como o calcio, o iodo, o fósforo e o potasio, esenciais para o noso metabolismo.
E ademais de todo iso é un peixe moi saboroso que ofrece case infinitas posibilidades para a súa preparación. Para os que anden fartos de comer tanta carne á grella neste tempo, o bonito é unha excelente alternativa para preparalo deste xeito. Pero os que prefiran outras receitas máis elaboradas teñen todo un mundo por diante: escabeches, guisos, salsa de tomate, cebolas, etc. O bonito aguanta casi todo é a súa preparación é bastante sinxela, aínda que tamén está a ser moi utilizado na alta cocina porque ten moi diversas posibilidades de preparación e permite obter texturas e sabores refinados.
Por todo elo é tempo de bonito e de gozar dun dos manxares que nos ofrecen as nosas costas, aínda que sexa por un tempo moi limitado no ano.
Deixa unha resposta