Gastronomía, solidariedade e misterio: o regreso das catas clandestinas

O Pazo Revel de Vilalonga acolle a primeira edición de 2020 dun proxecto para amantes dos viños e a boa mesa

Unha das catas clandestinas, celebrada nun restaurante de O Grove.

Para acceder á profusión de gastronomía que se esconde tras a porta é necesario recitar o contrasinal. Como as ceas clandestinas que arrasan no medio mundo, as catas do Grove e Cambados reúnen a pequenos grupos de persoas, a miúdo descoñecidas entre si, pero unidas pola súa paixón pola boa comida, os viños de autor e a maridaxe. En apenas tres anos, as catas clandestinas consolidáronse como un evento indispensable da primavera do Salnés que este ano a crise sanitaria desprazou ao verán. Debutan este luns cun formato especial nos xardíns do Pazo Revel de Vilalonga, como anticipo do que este 2020 continuarase en setembro e outubro.

Será a deste 29 de xuño unha cata clandestina solidaria e especial, ao aire libre, limitada a 50 comensais e cun prezo de 15 euros a entrada, aínda que co compromiso de achegar un quilo de produtos non perecedoiros con destino ao Banco de Alimentos Rías Baixas do Salnés. O espírito será o de sempre: o de gozar da boa gastronomía, coñecer edicións limitadas de novos viños e colaborar con institucións de axuda aos sectores máis necesitados. Con distancia social garantida, pero vínculos máis especiais que nunca.

As catas naceron en Cambados en 2017 entre os electrodomésticos dunha tenda local

As catas clandestinas naceron en Cambados en 2017. Foron unha idea de Carlos Piñeiro, que quixo darlle un uso especial a un negocio tan afastado da gastronomía como unha tenda de electrodomésticos. Ao caer a noite e baixar a persiana, un grupo de 25 persoas reuníanse entre lavadoras e televisións para probar viños curiosos de adegas pequenas. Sumouse rapidamente un restaurante do Grove, e xuntos, Catorce Electrodomésticos e Villa Rolendis, comezaron esa aventura de misterio, gastronomía e solidariedade que a pandemia non poderá deter.

As adegas que participan nesta cata tan especial son Eidosela de Arbo, Viña Roel de Barrantes, Cunqueiro de Ribeiro e Seixido de Cambados. Haberá tés ecolóxicos, e tamén viños espumosos especiais e edicións limitadas. As maridaxes nesta ocasión serán de Quinta de San Amaro (Meaño), Fran Jamardo (Vilagarcía),  Micoquetería (Caldas de Reis), A Artesa Saudable (Cambados), Rocío Cocina de mi Abuelo e Embutidos Bravo (Cambados). Ao evento súmase o Pazo Revel coa cesión de xardíns e instalacións.

Se ata o pasado ano as catas celebrábanse dous días á semana en maio e xuño —as noites dos luns no Grove e as dos xoves en Cambados—, neste 2020 tan pouco normal trasládanse aos meses de setembro e outubro, pero cunha planificación similar. Tamén serán as mesmas as asociacións ás que se doarán os fondos, aínda que coa novidade da recompilación de produtos non perecedoiros para o Banco de Alimentos. “Tentaremos xuntar un camión”, reta Piñeiro. Tamén haberá música en  direto, con polo menos a participación do músico cambadés Isi Vaamonde confirmada.

En cada cata, é norma que participe o representante dunha asociación benéfica á que se destine a recadación, que concreta ante os presentes os proxectos específicos aos que se destinarán os cartos. “É unha forma de comprobar de forma directa o impacto que teñen estas achegas a actuacións concretas, de ver que ese diñeiro non é algo abstracto ao que se lle perde a pista”, conta o responsable da tenda de electrodomésticos, responsable intelecutal destas catas clandestinas que xa cumpren catro edicións. Segundo os seus cálculos, este ano poderán superarse amplamente os 4.000 euros de 2019, unha cantidade que non parece nada menor cando se ten coñecemento do destino dos fondos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *