Os envases desenvolven un cometido fundamental na conservación dos alimentos e actúan como barreira física para protexer o produto dunha posible contaminación ambiental, ademais dos danos físicos ou doutros factores externos, como gases, cheiros, luz e humidade. A protección dos alimentos resulta imprescindible, pero o excesivo consumo de envases plástico non biodegradables e a súa complexa xestión de recuperación ou reciclaxe derivaron nunha acumulación incontrolada no medio ambiente, o que desencadea serios problemas ambientais.
Ante esta situación, a sociedade demanda o desenvolvemento de novas alternativas e materiais biodegradables que poidan substituír gradual, ou polo menos, parcialmente aos principais materiais plásticos utilizados no sector alimentario. A progresiva concienciación social respecto á redución do uso de plásticos tense traducido en diversas liñas e proxectos de I+D na Universidade de Santiago e nomeadamente no seu Campus de Lugo, tal e como é o caso da investigación de doutoramento que vén de presentar Patricia Cazón Díaz na Facultade de Ciencias baixo o título Development o environnmentally friendly composite films based on cellulose.
A investigadora Patricia Cazón desenvolveu como tese de doutoramento unha película axeitada para o sector da alimentación
A tese de doutoramento desenvolvida por esta titulada en Enxeñaría Química Industrial e Ciencia e Tecnoloxía de Alimentos baixo a dirección de Manuel Vázquez Vázquez, profesor do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía da USC, e de Gonzalo Velázquez de la Cruz, do Centro de Investigación en Ciencia Aplicada e Tecnoloxía Avanzada do Instituto Politécnico Nacional de Querétaro (México), avanza precisamente na procura solucións para acadar envases alimentarios biodegradables.
O labor de investigación desenvolvido por Patricia Cazón Díaz no marco da súa tese centrouse en gran medida en analizar e caracterizar as propiedades de películas ou films a base de celulosa, tanto de orixe vexetal como bacteriano, mesturadas con glicerol e alcohol. Esta investigadora luguesa estudou tamén polo miúdo a interacción entre os compoñentes que conforman a película ou envoltorio e o efecto de cada un deles nas propiedades finais do composto resultante.
Os resultados das pescudas realizadas apuntan que é factible desenvolver películas a base de celulosa con propiedades melloradas mediante un sinxelo método de combinación de alcohol polivinílico e glicerol. O novo material obtido presenta potenciais aplicacións como películas ou films axeitados para o recubrimento de alimentos, ademais de contar con idóneas propiedades de barreira contra la radiación ultravioleta (UV).
Ampla produción científica
Patricia Cazón Díaz acumula na realización da súa tese de doutoramento unha ampla produción de artigos científicos en revistas internacionais de impacto. De feito, esta investigadora luguesa deu conta dos diversos avances compilados agora na súa tese de doutoramento en sete artigos publicados en Food Hydrocolloids, Carbohydrate Polymers, Biomacromolecules, Food Packaging and Shelf Life, Cellulose. Alén desta ampla literatura científica, Cazón Díaz completou as pescudas de I+D desenvolvidas na sede universitaria luguesa con estadías de investigación no Centro de Investigación en Ciencia Aplicada e Tecnoloxía Avanzada do Instituto Politécnico Nacional en Querétaro (México) e no Middle Tennessee State University (USA), experiencias no estranxeiro que agora lle permiten optar ao título de doutor con mención internacional por compendio de publicacións.
Tribunal de tese e cualificación
O profesor do Departamento de Enxeñaría Química da Uvigo José Manuel Cruz Freire presidiu o tribunal en encargado de avaliar a tese de doturoamento presentada de xeito telemático por Patricia Cazón Díaz. O investigador de Tecnoloxía, Bioquímica e Química Alimentaria da Universidade de Aveiro (Portugal) e a catedrática da USC Ángeles Romero, completaron a composición dun xurado que deu a máxima cualificación de sobresaínte cum laude á tese de doutoramento defendida por esta investigadora.
Deixa unha resposta