Hai dous anos que en Narón comezaron a falar de poñer a vila a dieta. Tres mil persoas con obesidade e seis mil con sobrepeso eran demasiadas para a considerada como a oitava cidade galega, e facían imprescindible un proxecto global. Baixo o lema “cen mil motivos de peso”, iniciouse en xuño de 2018 un plan que pasaba por rescatar vellos pratos tradicionais, tirar man do mercado de proximidade, e apostar pola dieta ártabra -a versión local da dieta atlántica-, ademais, claro está, de reducir o que se comía.
Manter a persoa activa ou ter un descanso adecuado, son medidas que combaten o sedentarismo. O doutor Carlos Piñeiro forma parte da Asociación do estudo da obesidade en España, e colaborou durante moitos anos coa OMS. Este médico do centro de saúde naronés encabeza este proxecto que pretende combater esta problemática do peso, e as enfermidades que veñen asociadas a el. “O que estamos conseguindo é xa o 80% do obxectivo, xa que inicialmente falamos dunha perda global de 100.000 quilos”.
As case 5.000 persoas que se apuntaron a este proxecto desde o seu arrinque, fan unha dieta clásica de restricción con 1.200 kcal, cun obxectivo de baixar simplemente o 5% do peso global da persoa nun ano, seguindo as normas internacionais do 5% por ano, e un 10% en dous anos. “Ao ser un lugar pequeno, cun centro social en cada parroquia, no que facemos talleres específicos de alimentación, temos varias vantaxes. Por unha parte podemos facer un seguimento maior non só dos niveis antropométricos, senón tamén analíticos, e por outra, a motivación que atopamos nas persoas para baixar peso e gañar en saúde”, comenta o doutor Piñeiro.
A creación dun laboratorio de investigación co Centro Superior de Hostalería de Galicia é un anhelo do creador do proxecto
Ata catro centros educativos do municipio -1.200 alumnos- participan en “Cardioescolas”, o paraugas que, da man do Centro de Formación do profesorado de Ferrol, e dos propios mestres, agrupa as propostas destinadas a converter aos máis pequenos en axentes do cambio nas familias. “Os nenos son os investigadores da dieta. No traballo que estamos a facer nos colexios, isto é o que estamos notando. Tamén estamos formando ás familias, aínda queda moito camiño por recorrer”, asegura o médico.
Para este 2020 queren facer un seguimento a través dun sistema big data máis completo dos pacientes que se acollan a este programa de cambio de hábitos alimenticios. Este ano están traballando na creación, a través dp Centro Superior de Hostalería de Galicia, dunha división específica de investigación, coa que buscan instalar a dieta ártabra nos comedores escolares, recuperando pratos tradicionais. “O que nos interesa é que a xente xoven entenda as posibilidades da nosa dieta. E para iso, crear un laboratorio de investigación na escola de hostalería, sería dar un gran paso”, afirma o doutor Piñeiro.
Impacto mundial
No centro de saúde naronés estanse a facer varias teses doutorais en relación co proxecto da perda de peso de Narón. Todo este tema da dieta está supoñendo tamén un empurrón para os restaurantes que están traballando no proxecto, e que están a recibir un gran pulo grazas ao enorme impacto que está tendo a dieta ártabra nos medios de comunicación internacionais. Teñen calculado que poderiamos estar falando dun impacto da noticia da dieta de Narón que puido chegar a uns 50 países espallados por todo o mundo, e a máis de 160 millóns de persoas.
Deixa unha resposta