A canle de televisión Arte estrea un documental sobre a dieta de Narón

A cadea franco-xermana investiu dez días na gravación deste espazo no que destacan a perda de peso que se está a facer neste concello

A dieta de Narón segue espertando interese a nivel internacional

O reto de Narón deu un paso máis no seu recoñecemento a nivel internacional. A localidade galega quere promover hábitos saudables entre os seus veciños, así que en 2018 emprendeu o proxecto 100.000 Motivos de Peso, que pasa pola perda en dous anos dunha media de quilo e medio por cada un dos seus 39.000 habitantes. Recoñecido pola Asociación Europea para o Estudo da Obesidade ( EASO) como mellor proxecto de participación pública, o desafío tivo un notable impacto internacional: obxecto de análise por distintos medios de comunicación europeos, implantado en varios países e, agora, protagonista dun documental estreado onte pola canle franco-xermana Arte.

Arte (Asociación relativa ás televisoras europeas) é unha cadea de televisión que emite programas de calidade relacionados co mundo da arte e a cultura. Os seus estudos están en Estrasburgo, Francia (sede) e Baden-Baden, Alemaña, polo que os seus programas podían verse tanto en francés coma en alemán inicialmente aínda que agora xa está en catro idiomas máis: español, inglés, italiano e polaco. Neste caso o documental sobre a dieta de Narón foi realizado pola parte xermana da cadea e no idioma alemán, aínda que é de espera que teña traduccións nun futuro próximo.

A reportaxe está no idioma alemán aínda que se espera que poida ter outras traducións no futuro

Non é a primeira vez que a dieta de Narón esperta o interese de medios de comunicación internacionais. A BBC foi no seu día unha das televisións que desembarcaron na localidade da comarca de Ferrol para interesarse polo proxecto, que foi noticia nalgúns dos principais medios de comunicación de Europa. Desde Israel e Portugal tamén se puxeron en contacto co coordinador do proxecto o doutor Carlos Piñeiro, e son abundantes os municipios que queren adaptarse ao reto naronés. Un dos primeiros medios que detectou o carácter innovador do proxecto foi o semanario alemán ‘Der  Spiegel’, que quedou tan sorprendido coa iniciativa que lle dedicou unha ampla reportaxe a finais do 2018.

Grazas á súa innovadora iniciativa, os responsables de 100.000 Motivos de Peso recolleron en Viena o Premio Europeo da Obesidade ao Mellor Programa de Participación Pública e obtiveron o Constantes e Vitais por parte da Fundación Atresmedia. No 2019 sumaron ao seu palmarés o galardón ao Concello Saudable da Sociedade Española de Obesidade e a Federación de Municipios e Provincias.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *