Un forno con máis dun século recupera a Casa Naveira

Os irmáns Ares reformularon a súa empresa para sobrevivir grazas a un obradoiro artesán herdado dos seus avós

O forno de leña de Casa Naveira 1914

Hai cinco anos que os irmáns David e José Manuel Ares decidiron que tiñan que reinventar o negocio da súa granxa. A explotación gandeira que posúen de 130 vacas non daba cos prezos do leite como para poder vivir os dous dela, e foi entón cando pensaron en recuperar o vello forno de leña que había no pendello da casa familiar dos seus avós. A principios do século pasado este forno era empregado para cocer o pan, e tamén acudían a el os veciños do lugar de Costoia, na localidade coruñesa de Sobrado dos Monxes. Unha vez restaurado e acondicionado o vello forno ás normas de sanidade, naceu o obradoiro artesán de Casa Naveira 1914. Ao nicio adicábanse só a facer pan. O nome da marca une a denominación da vivenda rural dos avós con esa data gravada na pedra da propia casa.

Pasados tres anos desde que tomaran a iniciativa de abrir este obradoiro, aprezaron que tiñan un problema, xa que a pesar de que cada vez vendían máis, os clientes estaban máis lonxe. Plantexáronse se debían marchar a vivir a unha cidade ou pobo máis grande, pero entón deixarían de estar preto de Sobrado dos Monxes. Outra dificultade que atoparon foron as persoas maiores que ían vivir a residencias de anciáns, ou que directamente falecían. A perda de clientes facía imposible seguir coa empresa tal e como fora ideada. “Xa non saía a conta o que vendiamos. Co gasto de gasóleo que faciamos para poder levar aos clientes o pan, as contas non daban, e iso que tiñamos dúas furgonetas repartindo. A dez anos vista o noso negocio ía desaparecer”, comenta David Ares.

Contaron co apoio a empresas agroalimentarias que ofrece a Fundación Juana de Vega

Foi así como optaron por outra vía: envasar e facer dous doces tipícos galegos, como a bica e a torta de millo. Nesta fase cara a repostería tradicional, David participou no programa de apoio a empresas agroalimentarias co que conta a Fundación Juana de Vega. Conseguiron facer un produto artesán pero coa duración que lle reclamaba o mercado. Así, mentres a maior parte das bicas e tortas que se comercializan en fresco teñen unha caducidade de 15 días, eles lograron chegar aos 90 días. Para facelo deste xeito necesitaban a manteca do leite, que podían sacala da súa propia granxa.

Un ano despois decidiron ampliar o seu catálogo e comezaron ademais a facer unha empanada con cebola pochada, follado para a masa e esta rechea de peixe sapo con lagostinos, zamburiñas, berberechos, carne, atún ou zorza. Tamén unha especialidade da zona como é a bola de liscos. Todo isto conseguiuse a través dun proceso de ultraconxelado, e o mesmo fixeron co pan. Deste xeito o obradoiro puido dar un rendemento con moito máis alcance do que tiña.

Están rematando un produto novo que consistirá en racións individuais de empanada para peregrinos

A bica e a torta de millo están conseguindo vendela por paquetería en toda Galicia, e na zona de Lugo por un distribuidor. Fóra de Galicia venden en Madrid e Asturias. No obradoiro seguen vendendo directamente á xente da zona, e logo a catro ou cinco clientes que aínda teñen próximos. Non poden desenvolver a venda on line no momento actual, tendo en conta que están situados case no centro de Galicia e as dificultades que isto supón nos costes de transporte.

O Camiño Norte de Santiago pasa por Sobrado dos Monxes. Isto tamén foi tido en conta por Casa Naveira, que agora está ultimando a saída ao mercado dunha ración de empanada individual para o peregrino. Serían unhas racións de 350 gramos. “Hai moitos peregrinos que non paran a comer. Fan o almorzo forte, pero logo non se deteñen para chegar cedo e coller sitio nos albergues. Unha empanada en ración individual pensamos que pode ser un produto con moi boa acollida”. Despacharían estas racións tamén conxeladas, precisando tan só 15 minutos de forno para poder comelas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *