O aceite de oliva é saudable? E os iogures azucrados? Estados Unidos cambia os criterios dos “alimentos sans”

A axencia nacional de alimentación cambia a clasificación de varios produtos e agora recomenda o consumo de salmón e descarta os cereais con azucre

O aceite de oliva non era considerado "saudable" segundo os criterios da FDA dos anos 90.

Consomes aceite de oliva con frecuencia? E salmón? Cres que son alimentos saudables? Depende. Segundo os últimos criterios establecidos pola Administración de Alimentos e Medicamentos dos Estados Unidos (FDA, polas súas siglas en inglés), si. Pero ata o de agora, a norma vixente consideraba que o salmón, o aceite de oliva e o aguacate, entre outros produtos, non se podía considerar “comida sá”. Con este cambio de regras, hai outros alimentos que tamén cambian de clasificación. Nas normas vixentes ata o momento, que databan de 1994, os cereais e iogures azucrados eran saudables. Con esta nova clasificación pasan a non selo.

O obxectivo da FDA é reducir a carga de enermidades crónicas e promover a saúde dos consumidores. Para iso establece un claro compromiso coa mellora da nutrición e dos patróns dietéticos, deixando de lado as normas vixentes nos 90 para actualizalas de acordo coa ciencia nutricional actual. A idea principal é que os alimentos conten cunha etiquetaxe do que é considerado saudable e do que non —algo semellante ao NutriScore español— que funcionen como unha guía de fácil comprensión para o consumidor. A mellora da alimentación nos Estados Unidos é especialmente apremiante: máis do 80% da poboación non cosome suficientes froitas, verduras nin lácteos. Pola contra, si se inxeren grandes cantidades de azucres engadidos e graxas saturadas.

Cales son as novas normas?

A definición de “saudable” que estableceu a FDA en 1994 está desfasada. A ciencia da nutrición cambiou moito nas últimas décadas. Os criterios dos 90 centrábanse en nutrientes individuais —como graxas saturadas, colesterol, sodio e algunhas vitaminas e minerais— establecendo cantidades máximas para algúns produtos e mínimas para outros. Dende aquela, os patróns dietéticos cambiaron e hai máis coñecemento sobre os efectos que producen na saúde. As persoas adoitan elaborar a súa dieta arredor dos alimentos, compostos por unha gran variedade de nutrientes, e non polos nutrientes dende o punto de vista individual. Por iso era tan necesario que a axencia estadounidense cambiase as súas directrices.

Con este obxectivo a FDA propón un novo concepto do que se considera “saudable” e que definirá a etiquetaxe dos produtos. O primeiro criterio establecido é que o alimento debe conter unha determinada cantidade dun grupo de alimentos, como froitas, verduras, cereais, proteínas e lácteos. A segunda regra é que dito produto non debe conter demasiadas graxas saturadas, sodio nin azucres engadidos. Amais disto, a nova etiqueta de información nutricional debe declarar que alimentos teñen azucres engadidos para que os consumidores poidan manter prácticas dietéticas saudables.

O resultado da nova clasificación

Coa aplicación dos novos criterios, hai alimentos que obteñen unha nova definición. É o caso do salmón, o aguacate e o aceite de oliva, que segundo as normas actuais son considerados “saudables”. Acontece o contrario cos cereais e os iogures azucrados que teñan unha cantidade de azucres engadidos superior á permitida. Pasarían a ser cualificados como “non saudables”, malia que si o eran seguindo a normativa dos anos 90. Finalmente, outra clasificación rechamante é a da auga, tanto con gas como sen el. Ata o de agora non era “saudable” pero os criterios actuais renovan a etiquetaxe para consideralo un produto san.

“As enfermidades crónicas relacionadas coa dieta, como as doenzas cardiovasculares e a diabetes tipo 2, son as principais causas de morte e discapacidade nos Estados Unidos”, di o doutor Robert M. Califf, da FDA. “Os novos criterios son un paso importante para lograr unha serie de prioridades relacionadas coa nutrición, que inclúen capacitar os consumidores con información para elixir alimentación máis saudable e establecer hábitos alimenticios saudables dende o principio”, valora o experto. Ademais de axudar os consumidores a seleccionar os alimentos, tamén pode servir para engadir máis alimentos saudables ao mercado se os fabricantes deciden reformular ou crear produtos que se axusten á nova definición.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *