A pasada semana varios selos de calidade galegos, denominacións de orixe protexida e indicacións xeográficas protexidas, advertiron de erros desmesurados no sistema de etiquetaxe Nutriscore, polo que pediron ao Goberno que recapacitase e puxese en suspenso a súa implantación mentres se solucionan as deficiencias detectadas. Nun comunicado conxunto, os consellos reguladores das denominacións de orixe protexida (DOP) Arzúa-Ulloa, Mexillón de Galicia, Queixo Tetilla e os das indicacións xeográficas protexidas (IGP) Carne de Vacún de Galicia e Castaña de Galicia reivindicáronse fronte ao Nutriscore.
A nutrición galega apoia, aínda que con limitacións, as reclamacións dos produtores galegos contra o sistema de etiquetaxe Nutriscore, que prexudica a alimentos que, cun consumo moderado, poderiamos considerar saudables. O algoritmo ten en conta o azucre, o sal, a graxa, o colesterol… e saen mal parados alimentos que, consumidos de forma ocasional, teñen unha achega moi interesante, sen ter en conta os seus beneficios en cantidade de micronutrientes convenientes de vitaminas e minerais. Este sistema, desenvolvido en Francia, utiliza unha gradación de cores e letras para representar maior ou menor calidade nutricional no alimento. Desde a cor verde escura (letra A) para os alimentos máis saudables ata a cor vermella (letra E) para os menos saudables. A cor amarela (letra C) ocupa o lugar central.
Amil López, doutora en Nutrición, asegura con respecto a este sistema de puntuación nuticional que está medindo a calidade dun alimento pero “un alimento en si mesmo non é a dieta. Habería que facer un perfil de dieta, non de alimentos. Aí poderías ter os que son altos en sal ou en azucre, pero non criminalizar a outros, como sucede co aceite de oliva polo seu alto contido de graxa, ou as olivas, que son da dieta mediterránea, e logo por contra poñer ben a cola light ou a baixa en azucre, isto resulta unha incongruencia. Está ben crear unha cultura da etiquetaxe, pero non é a panacea”, comenta a autora da Dieta Coherente.

Exemplos da etiquetaxe de Nutriscore. Fonte: CIBEROBN.
Na mesma liña, Maika López, directora de Nutrisalud, admite que Nutriscore é unha ferramenta que dá lugar a moitos erros. “Nun inicio estaba deseñada para que a poboación entendese o que é unha etiquetaxe nutricional e para resumir un pouco as vantaxes e os incovenientes dos alimentos en canto a súa carga de graxas saturadas, azucres e demais. Como vantaxes desta ferramenta entendo que se lle facilita á poboación o entendemento da etiquetaxe nutricional. Hai estudos que nos indican que a cesta da compra, tomando como referenza só o semáforo nutricional, mellorou en canto á súa condición de saudable nun 10%”. Sen embargo, a pesar desa mellora houbo produtos que están a pagar unha penalización. “O que sucedeu é que determinados alimentos como as conservas, o aceite de oliva ou o salmón afumado, pola súa porcentaxe de graxa, teñen unha puntuación moi baixa e acaban dentro dunha categoría na que atopamos outro alimento cunha porcentaxe enorme de azucre. Aí empeza a controversia”.
Con respecto ás reclamacións concretas dos selos galegos, Amil López incide en que eses produtos deben formar parte dun estilo de vida saudable. “O que eles propoñen de que os inclúan como un produto protexido tampouco ten unha eficacia 100%, porque tamén inflúe a frecuencia de consumo e a ración que inxires. Non por ser dunha denominación protexida podes ter un consumo libre. Se comes dúas latas de castañas en caldo de azucre, pois mal, pero se tomas un lacón con grelos e castañas, é boa cousa”.
A creadora da Dieta Coherente, autora de numerosas publicacións nutricionais, recorda que os mexillóns, un dos produtos galegos que Nutriscore pon en dúbida, achegan un ferro moi asimilable. “É inxusto que polo seu contido en sal, no caso dos que son en escabeche por exemplo, por isto sexan castigados na puntuación Nutriscore. O queixo, consumido con moderación, ten moitos máis beneficios que prexuízos. Está demostrado que a graxa do queixo non sobe o colesterol. Non se pode meter todo no mesmo saco. Non é o mesmo a graxa saturada do queixo de tetilla cá do chourizo. A do chourizo obstrúe as arterias, pero a do queixo non, e achega vitamina D e calcio”.
Maika López, tamén neste sentido, recorda que “a castaña ten unha porcentaxe de hidratos de carbono moi alta e a meten na mesma categoría que produtos ultraprocesados ou snacks. O mesmo sucede co aceite de oliva ou o xamón ibérico, pola súa porcentaxe de graxa, e aínda que esta sexa saúdable, non se fai excepción”.
A industria alimentaria xoga coa puntuación
Segundo as expertas consultadas, Nutriscore é unha ferramenta útil, pero da que se está correndo o risco de facer un mal uso. “Falta a letra pequena, e ao final para o consumidor todo é branco ou negro. Eu son partidiaria de crear un comité de expertos e aqueles alimentos que son saudables pero saen mal parados deberían ser eliminados desta valoración, e o mesmo con aqueles que son pouco saudables e teñen unha boa puntuación Nutriscore. Para estes casos eu buscaría outro código, unha etiquetaxe alternativa. Iso por exemplo debería suceder co aceite de oliva, que se faga un Real Decreto no que se regularicen estes alimentos”, puntualiza Amil López.
Desde o proxecto sinazucar.org fan numerosas críticas de produtos que teñen unha valoración A ou B, que é a mellor puntuación, con respecto a outros que están encadrados máis preto da E, que sería a peor puntuación en canto a ser saudable. “Unhas galletas nunca poderían ter un Nutriscore favorable, e hai algunhas que o teñen, cando conteñen azucre e moito hidrato, e iso confunde. Tamén sucede cos pans de molde, que levan moitísimo azucre. Logo está o tema do contido por 100 gramos e a ración. Non é o mesmo comer unhas galletas cun 70% de azucre que botar unha cullerada ao leite. Hai anos atopabamos galletas avaladas pola Sociedade Española de Pediatría e iso non tiña sentido”, afirma a autora da Dieta Coherente.
A directora de Nutrisalud tamén observa estas anomalías polas que unhas galletas son penalizadas pola porcentaxe de azucre, pero como a industria xa o sabe, simplemente diminuíndo uns miligramos dun tipo de azucre que inclúen nas galletas, poden variar a puntuación que lle da Nutriscore e parecer moito máis sas do que realmente son en comparación con outras galletas do seu mesmo grupo. “Os cereais con azucre ou cubertos de mel teñen unha valoración superior a un chocolate sen máis pola porcentaxe de cereal incluído. Canta máis fibra teña un alimento, máis preto estará da calificación A. Os batidos de chocolate, que teñen moitísimo azucre, a pesar diso conseguen unha boa valoración, cando non non se trata dun alimento recomendable, sobre todo pensando nos nenos. Por iso é fundamental comparar alimentos do mesmo grupo. Que poidas saber, dentro dunhas galletas de chocolate, cales son as máis favorables”.
Alternativas a esta etiquetaxe
Noutros países europeos, como Italia, están a utilizar outro sistema de valoración nutricional diferente. Para Maika López está claro que Nutriscore non é unha ferramenta que nutricionalmente eduque á poboación, porque ao final os cidadáns vanse guiar comprando alimentos do tipo A, B ou C, cando en realidade as marcas buscan redistribuír a composición dos seus produtos para entrar nesa calificación. “A diferenza entre o alimento acondicionado e o anterior será moi pequena. Ao final, os grandes prexudicados son alimentos sans que polo seu contido en graxa son penalizados. Un alimento, aínda que sexa san, non converte en sá unha alimentación completa. O aceite de oliva, ou o aguacate son sans, pero depende da cantidade que tomes”.
Por isto Amil López achega unha solución posible que poida remediar os danos que causa a puntuación de Nutriscore, e dos que se queixan moitos produtores galegos. “Quizais o que se podería facer é que nos produtos nos que poida existir dúbida, poñer a pirámide alimenticia e facer ver que ese é un alimento que debe ter un consumo ocasional. Non todo vale. Hai que facer un perfil de dieta, e cada persoa é un mundo, por iso debemos elaborar unha pirámide adaptada ás necesidades nutricionais de cada individuo”, conclúe a experta nutricional.
Deixa unha resposta