A receita para mellorar o rendemento académico: un bo almorzo

Comparando e analizando datos do informe PISA pódese percibir unha influencia positiva no rédito das matemáticas e ciencias

Un estudo demostra que o almorzo está relacionado co rendemento académico.


*Un artigo de

“O almorzo é a comida máis importante do día”. Quen máis, quen menos, todos escoitamos nalgunha ocasión esta expresión. Aínda que non é certo que se demostrara cientificamente que sexa a comida máis importante de todas, é indubidable que almorzar ten numerosos beneficios, entre eles, a mellora do rendemento académico.

Esta última é unha das conclusións dunha recente investigación, a primeira que avalía a nivel internacional a relación entre almorzar e o rendemento académico utilizando datos do Programa para a Avaliación Internacional dos Estudantes (PISA). A nosa análise distingue, ademais, por competencias de aprendizaxe (lectura, matemáticas e ciencias).

Diferenzas no almorzo

En primeiro lugar, na investigación preséntanse –individualmente para cada un dos países participantes en PISA– as porcentaxes de estudantes de 15 anos (idade dos participantes na enquisa) que declararon non almorzar antes de ir á escola nos cuestionarios de contexto das probas PISA publicadas en 2015.

As cifras suxiren importantes diferenzas nos hábitos de almorzo. Nun extremo atópanse países como Austria, Eslovenia e Singapur, onde ao redor dun 35% dos estudantes indicaron non almorzar antes de ir ao seu centro educativo.

No outro extremo, atopamos países como China, Portugal e Xapón, onde só ao redor do 10% dos estudantes indicaron non almorzar antes de ir á escola. No caso de España, esta porcentaxe sitúase no 15,42%.

Porcentaxe de estudantes que non almorzan segundo o país.

Porcentaxe de estudantes que non almorzan segundo o país.

O impacto no rendemento

Tras comprobar que aínda existe un número importante de mozos que non incorporou o hábito do almorzo ao seu día a día, analizamos se aqueles alumnos que almorzan antes de ir á escola obteñen mellores ou peores resultados nas probas PISA que aqueles que non almorzan.

Utilizando métodos de análise estatística, atopamos que almorzar antes de ir á escola asóciase con puntuacións máis altas nas probas PISA nas competencias de matemáticas e ciencias (esta última competencia engloba preguntas das materias de Bioloxía–Xeoloxía, Física–Química e Tecnoloxía).

Contrariamente, non se atopa relación entre o hábito de almorzar e o rendemento académico na competencia lectora.

En canto á magnitude da relación, é especialmente relevante o caso de matemáticas: espérase que un alumno que almorce antes de ir á escola obteña 9,6 puntos máis (o equivalente a aproximadamente un trimestre de educación formal) na proba de matemáticas en comparación cun alumno idéntico que non almorza antes de ir á escola. No caso de ciencias a diferenza tamén é evidente pero de menor magnitude: 3,3 puntos.

Almorzar nos centros?

Comprobado que existe unha asociación positiva entre o almorzo e o rendemento académico en matemáticas e ciencias, resulta pertinente elaborar recomendacións para promover o hábito do almorzo entre os mozos.

Neste sentido, as recomendacións pasarían por implementar programas de almorzo nas escolas e desenvolver campañas (por exemplo nas redes sociais) para concienciar sobre a importancia do almorzo. Ademais, os centros educativos tamén poderían xogar un papel fundamental en materia de concienciación a través da acción dos titores.

Non só mellores notas

Aínda que esta investigación se centrou en analizar os beneficios de almorzar sobre o rendemento académico, as potenciais vantaxes de almorzar van máis aló do ámbito académico.

Outros estudos demostraron que almorzar ten unha importante influencia positiva sobre factores como a saúde, os estados de ánimo, a autorregulación e a autoestima.

Por tanto, as recomendacións derivadas dos resultados desta investigación non só permitirían mellorar o rendemento académico, senón que tamén terían outros efectos beneficiosos nos escolares.

Por iso é necesario desenvolver medidas dirixidas a facer do almorzo unha comida fundamental que ningún neno ou adolescente a salte antes de comezar a xornada escolar.


*Nerea Gómez Fernández e Juan Francisco Albert Moreno son profesores axudantes doutor no departamento de Economía Aplicada da Universitat de Valéncia.

Cláusula de divulgación: As persoas asinantes non son asalariadas, nin consultoras, nin posúen accións, nin reciben financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declararon carecer de vínculos relevantes máis alá do cargo académico citado anteriormente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *