A dieta cetoxénica moi baixa en calorías pode potenciar o sistema inmune

Un equipo de Santiago demostra que o patrón nutricional mellora aínda máis os efectos obtidos coa cirurxía bariátrica e a dieta hipocalórica

Á esquerda e abaixo, Ana Crujeiras xunto co resto do equipo participante na investigación sobre a dieta cetoxénica.

Unha dieta cetoxénica moi baixa en calorías, carbohidratos e graxas é capaz de potenciar o sistema inmune. Esa é a principal conclusión dun estudo publicado na revista Clinical Nutrition e realizado por investigadores do Hospital Clínico de Santiago de Compostela (CHUS). O equipo demostrou que este tratamento nutricional, en comparación coa cirurxía bariátrica e a dieta hipocalórica, mellora aínda máis a resposta inmune en pacientes con obesidade. “Levamos anos traballando con este patrón dietético e algúns pacientes conseguen adelgazar ata 20 quilos. Agora demostramos que ademais da forte baixada no peso mantense a masa muscular”, explica Ana Crujeiras, investigadora principal do estudo.

“Este resultado é moi importante. Cando unha persoa con obesidade baixa de peso tamén adoita diminuír a súa masa muscular, que desenvolve unha función crucial no noso organismo porque tamén nos protexe de padecer outras patoloxías”, continúa detallando a experta. De feito, Crujeiras pon en valor o achado, posto que se demostra que a dieta cetoxénica, fronte a outro tipo de patróns nutricionais, é capaz de manter os niveis de masa muscular e garantir, por tanto, que se manteñan as importantes funcións que desenvolve no organismo.

Unha trintena de marcadores

O equipo quixo dar un paso máis alá. Xa sabían que o exceso de graxa visceral —a que recobre a cintura e os principais órganos— promove un grao de inflamación característico. Pero con este estudo querían descubrir se ademais dese efecto na composición corporal había outro tipo de efectos a nivel interno. Para iso avaliaron unha trintena de marcadores inflamatorios —as citoquinas— e de estrés oxidativo. “Tamén comparamos os resultados cos efectos da dieta hipocalórica e os da cirurxía bariátrica e demostramos que a máis efectiva era a cetoxénica”, asegura Crujeiras, indicando que a avaliación se produciu nun período de seis meses.

Este patrón nutricional pode servir para combater a obesidade e outras enfermidades asociadas

“Tanto a cetoxénica como a cirurxía inducen unha importante perda de peso. A diferenza está nos corpos cetónicos, que produce a dieta cetoxénica, e no efecto beneficioso que teñen sobre a saúde. E que, ademais, deriva en potenciar o sistema inmune”, engade a investigadora do CHUS, resumindo a clave do seu estudo. Polo tanto, estes resultados poñen de manifesto que este tipo de estratexia nutricional podería servir non só para combater a obesidade, senón tamén as enfermidades que van asociadas. Por exemplo, o cancro e a covid-19. “A pandemia xa puxo de manifesto que as persoas con obesidade teñen máis risco de infectarse de SARS-CoV-2 e de padecer a covid máis severa”, apunta.

Amais disto, o estudo liderado polos investigadores do CHUS, tamén asociados á área de Fisiopatoloxía da Obesidade e da Nutrición do CiberOBN, é o primeiro en analizar exhaustivamente o efecto da dieta cetoxénica moi baixa en calorías nun estenso panel de biomarcadores inflamatorios e de estrés oxidativo. Por iso, ademais de participar persoas con normopeso, tamén houbo pacientes con sobrepeso e obesidade. A cada un deles asignóuselles ao azar un tipo de tratamento: cetoxénica, hipocalórica ou cirurxía. As evidencias obtidas demostran que tras unha intervención de perda de peso mediante o patrón cetoxénico, os pacientes experimentan unha mellora nas respostas inflamatorias e de inmunidade innata.

A obesidade está asociada a un proceso de inflamación crónica de baixo grao

Este estudo xorde ante a “evidente correlación” entre a obesidade e a inflamación. É dicir, xa está demostrado que a obesidade está asociada a un proceso de inflamación crónica de baixo grao e que o exceso de graxa visceral é unha fonte de citoquinas. Polo tanto, non é só que as persoas con obesidade teñan máis inflamación, senón que tamén están sometidas a maior estrés oxidativo. Isto, por tanto, promove certas comorbilidades asociadas á obesidade. Ante esta situación, os investigadores do CHUS quixeron probar ata que punto diferentes tipos de tratamentos nutricionais —con “probada eficacia” para reducir o peso croporal— actuaban de maneira diferente nos marcadores inflamatorios e oxidativos. Con este estudo non só se demostra que a dieta cetoxénica permiten unha rápida perda de peso mantendo a masa muscular, senón que teñen un efecto positivo na inflamación e na resolución de comorbilidades asociadas á obesidade.

Máis conciencia social

Agora, o obxectivo do equipo implicado na investigación é o de seguir traballando neste tipo de intervención nutricional. “Queremos ver os efectos beneficiosos máis alá dos cambios no corpo a longo prazo”, indica Crujeiras. A experta tamén quere matizar que o tipo de dieta empregada no seu estudo, baixa en hidratos e graxas, realizouse no contexto dun programa de intervención nutricional baixo prescrición médica. “A diferenza das dietas cetoxénicas que están de moda por aí e con baixo rigor científico, que son altas en graxas e sen regular a cantidade de proteína, o que pode ser prexudicial para a saúde”, insiste a investigadora.

“O noso reto, dende o punto de vista da sociedade científica, é o de reducir a obesidade“, di Crujeiras. E reclama máis accións por parte dos representantes políticos; máis esforzos para combater a enfermidade. “Agora mesmo estamos sen moitas ferramentas”, asegura. Segundo expón, a dieta cetoxénica podería ser unha alternativa pero as autoridades deberían facer “un pouco máis” para financiar os tratamentos. Ao parecer, ata hai pouco non existían fármacos para tratar esta doenza e os que hai, os novos, non entran pola Seguridade Social. “A única alternativa que está financiada é a cirurxía bariátrica pero non é accesible a todos os pacientes e a obesidade é unha enfermidade con elevada prevalencia”, insiste Crujeiras. É dicir: as autoridades non deberían esquecer que estamos ante un problema de saúde pública.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *