Fertilizante a partir o bagazo: a nova aposta de Terras Gauda para reducir o impacto ambiental

A adega galega lanza un proxecto de viticultura rexenerativa co obxectivo de xerar un produto de

O presidente, José María Fonseca Moretón, e o director enolóxico, Emilio Rodríguez Canas, supervisan o proceso de vermicompostaxe. Crédito: Terras Gauda

Como se pode preservar o legado vitivinícola ao tempo que se reduce ao máximo o impacto ambiental? Esa é a premisa da que parte a estratexia de innovación da adega Terras Gauda. A viticultura rexenerativa é súa nova aposta, cun proxecto de economía circular que ten como fin producir biofertilizante de alta calidade para o viñedo a partir do bagazo, que é sometido a un proceso de vermicompostaxe.

Para iso, conta cun vermireactor que procesa in situ este subproduto da vinificación transformándoo en vermicompost con propiedades bioestimulantes, biofertilizantes e biopraguicidas. Ao aplicalo no viñedo proporciona un amplo abano de efectos beneficiosos ao sistema solo-planta. Isto é debido ao seu elevado contido en nutrientes, facilmente asimilables polas cepas, a súa alta capacidade de retención de auga e a comunidade microbiana que xera.

Desde que hai pouco máis dun ano, Terras Gauda activou o seu propio modelo de vermireactor, valorizou máis de 50 toneladas de bagazo mediante un proceso coñecido como biooxidación, no que as miñocas de terra interactúan de forma intensa cos microorganismos deste subproduto da vinificación, que dá como resultado o biofertilizante de gran calidade.

A adega aposta por un proxecto que ten como fin producir biofertilizante de alta calidade para o viñedo a partir do bagazo

A adega xa comprobara co proxecto de investigación VITALVER os beneficios da utilización do vermicompost no viñedo, a vide e o viño. Agora incorporouno tanto en forma sólida como líquida e o equipo técnico está a observar unha resposta moi positiva nos viñedos, tanto a nivel da microbiota do chan e da mellora na estrutura e porosidade deste, como na saúde e a produtividade das cepas. Tamén ao aplicalo en vides novas, plantadas recentemente, cuns resultados excelentes.

Outros proxectos de investigación

Terras Gauda aborda outros retos en I+D+i e superou xa o ecuador do proxecto de cooperación internacional FlexiGrobots, que impulsan 16 empresas e 8 grupos científicos para utilizar a robótica, a intelixencia artificial e o big data en mellorar a xestión do viñedo e seguir progresando en sustentabilidade.

Un equipo de investigadores internacionais desprazouse recentemente ao viñedo da adega, seleccionado como campo piloto en España, para realizar novas probas ao completarse dous anos de estudo. Volveron a despregar robots terrestres e aéreos co fin de solicitar datos novos e facer un mapa dunha parte do terreo creando unha simulación dixital dos viñedos, que permite a identificación de posibles enfermidades na vide para intervir con inmediatez.

Ademais, Terras Gauda rexistrou tres patentes. En 2008, patentou co CSIC un fermento ecotípico exclusivo, extraído do propio viñedo, que reforzou o carácter varietal e os aromas froiteiros. A segunda rexistrouse en 2010 sobre un estudo da xeración de manoproteínas. A terceira patente chegou en 2012 desenvolvendo un proxecto internacional en cooperación co CSIC que consistiu en illar un microorganismo propio do Caíño Blanco, que foi certificado xeneticamente mediante test de ADN e garante a elaboración de viños únicos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *