“Máis de 2.000 millóns de persoas no mundo comen insectos”

Rubén Recamán, CEO de Galinsect e colaborador en Bioproinsect, explica as vantaxes de incluír ao T. mollitor na alimentación

O equipo de Galinsect, a empresa detrás do proxecto Bioproinsect.

Os insectos forman parte da alimentación de distintas culturas, especialmente no continente asiático. Aínda que en Europa existe todavía un certo rexeitamento, hai quen xa ve o seu potencial para os consumidores como grandes aportes de proteínas e graxas saudables. Falamos con Rubén Recamán Guisande, CEO de Galinsect, unha empresa especializada na cría e comercialización de insectos como fonte de alimentación, e colaborador no proxecto Bioproinsect xunto coa Universidade de Vigo (UVigo).

—A introdución de insectos na alimentación é algo que segue a causar rexeitamento.

—En Europa ata hai moi pouco tempo era algo que se saía do habitual, algo completamente novo. Entre 2007 e 2008, algúns países como Dinamarca, Reino Unido ou Francia comezaron a comercializalos e a lexislar sobre a cuestión. Agora, a Comisión da Unión Europea quere regular este mercado, entón hai un interese en lexislar e que exista un marco xurídico a todos os países. Pero por exemplo no caso da alimentación animal os insectos xa estaban presentes dende hai bastante tempo.

—É diferente ver insectos na granxa ou nos pensos que velo nun prato na mesa. 

—Claro. A primeira reacción humana a calquera alimento que proveña de insectos vai ser de rexeitamento. Pero isto é un tema totalmente cultural: en Asia forma parte da súa dieta tradicional. De feito, agora mesmo hai máis de 2.000 millóns de persoas que comen insectos en todo o mundo. Con todo, baixo o meu punto de vista, a globalización e tamén os movementos migratorios fan que intentemos ser máis interculturais e inclusive que teñamos o gusto por probar cousas novas. Isto dende logo axuda a que se asente unha conciencia de aceptar os alimentos feitos a base de insectos.

“Non queremos quedarnos na produción de insectos. Buscamos a innovación”

—Foi ese interese para lexislar este mercado o que puxo en marcha Bioproinsect?

—Si e non. A idea dun marco xurídico común en certo modo si que impulsou o proxecto, pero non foi o detonante. A Universidade de Vigo tiña interese en crealo e precisamente un dos investigadores que forman parte de Bioproinsect xa tivera a oportunidade de traballar nun proxecto con insectos en Portugal. Como ademais nós estamos localizados na provincia de Pontevedra, propuxéronnos a posibilidade de desenvolver esta iniciativa con nós. Reunímonos, puxemos en común tanto as capacidades deles como a súa experiencia e por outra banda as nosas necesidades e o potencial de mercado que nós puidemos ver. Baseándonos en todo iso foi como iniciamos o deseño do proxecto.

Rubén Recamán nunha xornada sobre proteínas alternativas celebrada en Lugo.

—O feito de producir fariñas en lugar de comercializar os insectos enteiros tamén pode axudar á súa aceptación nese mercado, non?

—Evidentemente ver o insecto enteiro provoca máis rexeitamento cando nos diriximos a un público humano e isto cadra moi ben coa nosa idea de desenvolver produtos que non teñan esa visualización por parte do consumidor. Aínda así, esta non é a motivación principal: o noso obxectivo é desenvolver produtos de maior valor engadido. Non queremos quedarnos unicamente no aspecto de gandaría e de produción de insectos, queremos levalo máis alá e darlle un punto de innovación. A idea é desenvolver produtos máis complexos que poidan satisfacer as necesidades específicas de mercados tamén moi concretos.

—Eses produtos serían as compoñentes separadas dos insectos: proteínas, graxas e quitina, non?

—Exacto. A nosa intención é separar estas compoñentes a través dun proceso con encimas derivados a partir dos propios subprodutos que xeramos coa nosa actividade, neste caso, o esterco e as deposicións dos insectos.

—Seguindo un pouco a filosofía da economía circular. 

—O proxecto está pensado completamente de forma circular. En primeiro lugar utilizamos subprodutos procedentes da industria agroalimentaria que fomos seleccionando para quedarnos con aqueles que mellor se poden adaptar aos requerimentos e necesidades alimenticias dos nosos insectos. Ao alimentalos así, é unha forma de revalorizar os subprodutos en forma de proteína e doutros compostos. Logo, os insectos medran e nós volvemos utilizar subprodutos, neste caso os derivados da nosa actividade, para obter os encimas necesarios para ese proceso de separación. Así ademais o que logramos son proteínas hidrolizadas, co cal podemos aplicalas en moitos máis segmentos de mercados.

“Organizamos un webinar para potenciais clientes, socios e colaboradores para presentar o proxecto e os resultados preliminares”

—Quizais o público estea máis familiarizado coas proteínas e as graxas, pero que é a quitina?

—É o exoesqueleto do insecto. É un produto que ten moito valor porque é empregado en multitude de industrias: farmacéutica, cosmética, química, nutracéutica. Tamén serve para desenvolver fertilizantes, para fabricar bolsas biodegradables ou para os recubrimentos de cápsulas e inclusive para consumo humano: hai produtos específicos de quitosano, que é un derivado da quitina, para temas de control de peso e dietéticos. Pensamos que son sectores que teñen un bo potencial de atracción para este tipo de produtos.

—Como foi o proceso de posta en marcha de Bioproinsect?

—Pola nosa parte, o proxecto iniciouse precisamente nesa selección de subprodutos para formar a alimentación dos insectos, principalmente restos de fariñas ou cereais e tamén de froitas e verduras que son descartadas e non entran nas canles comerciais. Unha vez que tiñamos identificados os subprodutos e os proveedores, probamos distintos tipos de dietas nos nosos insectos, seleccionando aqueles que melloraban o perfil nutricional e o desenvolvemento do animal. Unha vez que a dieta estaba definida, comezamos a fase de produción do insecto propiamente dita. O insecto é o T. mollitor que ten catro estadios: ovo, larva, pupa e escarabello. O que se comercializa é a larva, e o escarabello para nós ten un interese reprodutivo, xa que non ten valor na industria. Isto é así polo seu alto contido en quitina, que resulta intolerante para a maioría de especies animais, incluída a humana. Dende Bioproinsect buscamos extraer a quitina destes escarabellos para lograr a circularidade total: deixarían de utilizarse os cadáveres dos escarabellos como residuos porque poderíamos obter proteínas hidrolizadas e graxas libres de quitina, revalorizando o 100% do produto.

—O próximo 21 de xuño van organizar un webinar do proxecto. Sen adiantar moito, en que vai consistir?

—Está dirixido sobre todo a potenciais clientes e a potenciais socios ou colaboradores industriais polo que estaremos centrados en explicar que é o proxecto en si e os resultados preliminares que acadamos ata o momento. Entre eles, conseguimos a caracterización dos insectos nas súas fases de larva, pupa e escarabello, un paso necesario para comezar coa produción das fariñas. Isto foi o que nos permitiu enfocarnos cara a revalorización do escarabello. Agora, dende a Universidade de Vigo están traballando en conseguir os encimas necesarios para o proceso encimático a partir do abono derivado da actividade e probablemente tamén podamos presentalo ese día.


Formulario de inscrición do webinar, picando aquí.

O bioprocesado (galego) de insectos alcanza os seus primeiros obxectivos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *