O rei Xacobe I de Inglaterra e a súa corte bebían viño das Rías Baixas

Un libro revela que a monarquía británica consumía viño das Rías Baixas no século XVII, tamén popular entre sir Francis Bacon e o duque de Bristol

Retrato de Xacobe I por John de Critz (1604).

“Cierto que salió muy bueno el vino de Gondomar, y tiene ahora gran fama por acá”, escribía nunha carta en 1614 John Digby, I duque de Bristol e embaixador británico sobre a boa percepción dos  viños das Rías Baixas na corte do rei inglés Xacobe I. Esta e moitas outras novidades sobre o pasado global dos viños galegos –unha por cada denominación de orixe galega– son o contido do libro que presentou en Santiago o xornalista Luis Congil, baixo o título A marabillosa historia do viño en Galicia.

O da afección da realeza británica polos viños galegos é un dos aspectos máis chamativos da gran fama e difusión que acadaron os caldos de Galicia na súa primeira idade de ouro, pero non o único. O libro tamén aborda, en gran formato e con máis de 200 ilustracións a cor, temas inéditos como a conexión romana dos viños de Valdeorras, ou como o primeiro Ano Santo Compostelán, en 1428, promocionou os caldos galegos por toda Europa grazas aos fretes de peregrinos nas adegas dos barcos.

‘A marabillosa historia do viño en Galicia’, de Luis Congil, analiza tamén a conexión romana dos viños de Valdeorras

O traballo inclúe a desmitificación das antigas teorías sobre a chegada do viño a Galicia, á luz das modernas análises xenéticas, así como da procedencia das castes galegas máis coñecidas, coma o albariño. Revela como os descubrimentos máis recentes amosan a presencia temperá do albariño no Vigo romano do século I.

Tamén desvela como a adega máis antiga de América, Casa Madero, de Coahuila, México, un emporio con prantacións en varios países, obtivo a licencia baixo a administración do conde de Monterrei, Virrei da Nova España nado na súa fortaleza da comarca do Támega, e moitos e sorprendentes outros aspectos da viticultura galega.

Un dos exemplos máis significativos da penetración dos viños galegos en Europa é a que protagonizaron a Casa Real británica e o I conde de Gondomar, Diego Sarmiento de Acuña, no que o libro cualifica como unha verdadeira “diplomacia do viño”.

Posdata da carta de 1614 co texto de John Digby sobre os viños das Rías Baixas: “cierto que salió muy bueno el vino de “Gundamar” y tiene ahora gran fama por acá”. Biblioteca Nacional.

Segundo documentos que custodia a Biblioteca Nacional Española, que xa foran estudiados en 1974 polo diplomático Luis Tobío e que agora reproduce A marabillosa historia do viño en Galicia, a corte do rei inglés Xacobe I tiña aos viños do actual territorio das Rías Baixas entre os seus favoritos, grazas as frecuentes remesas que transportaba o embaixador español, o conde de Gondomar.

En varias ocasións, Diego Sarmiento de Acuña fretou flotas enteiras cargadas de viño das súas posesións no Val Miñor e doutras zonas da actual provincia de Pontevedra (Salvaterra e Soutomaior) ademais de con viños do Ribeiro, e recoñeceu na súa correspondencia que usaba os seus salvocondutos diplomáticos para introducir en Inglaterra “ata 30 toneis ao ano”.

O primeiro Ano Santo Compostelán, en 1428, promocionou os caldos galegos por toda Europa grazas aos fretes de peregrinos nas adegas dos barcos

Cos caldos galegos, o conde de Gondomar articulou unha verdadeira “diplomacia do viño”, destinada a incrementar a súa influencia sobre o monarca inglés e frear o poder de sir Thomas Raleigh (introdutor, pola súa banda, da pataca e do tabaco de América). E gañou a batalla: o outrora favorito da raíña Isabel I rematou executado.

Pero non foi o único persoeiro histórico en desfrutar dos viños que Gondomar regalaba profusamente na corte británica (os máis finos, posiblemente tostados do Ribeiro) “en cubetas de prata dourada” –segundo escribe o propio Diego Sarmiento de Acuña nunha misiva–. O Chanceller Maior do Reino, man dereita de Xacobe I e pai do método científico moderno, sir Francis Bacon, tamén foi obxecto dos regalos do conde de Gondomar en xeito de viño galego, e de feito, mantivo con el unha grande amizade.

Francis Bacon

Francis Bacon correspondeulle a esa amizade forxada a base de viño galego regalándolle un exemplar do Atlas de Saxton de 1579, a primeira representación moderna de Inglaterra, unha verdadeira xoia cartográfica. É moi probable que estes viños, especialmente os tostados, foran consumidos polo rei e por Francis Bacon a culleradas, excentricidade que se estendera pola corte inglesa nesa época.

Esta e moitas outras historias sorprendentes sobre a historia galega, narrada a través dos seus viños, son o obxecto dun libro en gran formato a toda cor, con máis de 200 ilustracións e reproducións de documentos e fotografías inéditas. Luis Congil é xornalista e divulgador do viño. Impartiu os módulos de Historia do Viño en Galicia no Máster de Enoloxía da Universidade de Vigo, e é autor de numerosos artigos e publicacións sobre a viticultura en Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *