O bioprocesado (galego) de insectos alcanza os seus primeiros obxectivos

Galinsect, UVigo e Feuga executan con fondos europeos un proxecto para extraer do 'T. molitor’ compostos de enorme potencial, non só no sector da alimentación

Granxa de cría de insectos.

Nos últimos anos incrementouse a demanda de alimentos de alto valor nutritivo. No caso concreto dos ingredientes proteicos, espérase que o mercado mundial, actualmente ao redor dos 40.000 millóns de dólares, creza cunha taxa do 9,7% até 2027. Isto provocou que o sector dirixa o seu punto de mira cara a novas fontes de proteínas que permitan satisfacer esa demanda. En concreto, os insectos, pola elevada porcentaxe de proteínas que conteñen.

A Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) publicou recentemente a súa primeira avaliación completa dun insecto como alimento para humanos, concluíndo que a larva do verme da fariña (Tenebrio molitor) non supón problemas de seguridade. Pouco despois, a Comisión Europea autorizou a comercialización de larvas de T. molitor desecadas como novo alimento. E espérase que isto vaia a máis.

A día de hoxe, os suplementos de proteína son un dos ingredientes máis caros e limitantes para a alimentación de animais de granxa e alimentación humana. O alto contido en proteína do insecto T. molitor, convérteo nun alimento cun gran potencial para poder substituír outras fontes cuxa produción é máis custosa e de maior impacto ambiental que a cría de insectos. Con todo, a proteína presente nestes insectos está unida a un compoñente estrutural, a quitina, que é considerado un antinutriente, debido a que provoca unha redución na dixestibilidade da proteína do insecto, limitando o seu potencial.

Obxectivo

Bioproinsect é un proxecto piloto galego liderado pola empresa Galinsect, cuxo obxectivo é extraer a quitina do resto de compoñentes do insecto. Mediante un innovador proceso encimático fraccionaranse as fariñas de insectos (T. molitor) en proteínas de alta calidade, ácidos graxos e derivados da quitina. Todos estes compostos presentan un enorme potencial, non só no sector da alimentación senón tamén, no caso das quitinas libres, en sectores como o cosmético, farmacéutico ou agrícola.

O proceso, comparable a unha biorrefinería, non xera ningún tipo de residuo nin causa dano algún ao medio ambiente

Ademais, este proceso, comparable a unha biorrefinería, está fortemente comprometido coa economía circular, posto que os subprodutos xerados da cría dos insectos serán reutilizados para a produción dos encimas necesarios. Así mesmo, non xera ningún tipo de residuo nin causa dano algún ao medio ambiente.

Fitos alcanzados

O proxecto, aprobado a mediados de 2021 e cunha duración de dous anos, xa está a alcanzar os seus primeiros resultados. O plan de traballo de Bioproinsect inclúe, na súa fase inicial, a optimización da cría dos insectos. Para iso, analizáronse por unha banda as condicións ambientais óptimas para o crecemento dos mesmos e, doutra banda, as condicións do alimento.

Posteriormente, levouse a cabo a produción das fariñas de T. molitor a partir das súas diferentes fases (larva, pupa e escaravello), co fin de avaliar o seu potencial nutritivo. Ademais, avaliouse o efecto dun tratamento de escaldado previo á produción das fariñas. A continuación, realizouse a caracterización das mesmas, unha etapa fundamental no desenvolvemento do proxecto, posto que permitirá axustar as variables do bioprocesado encimático segundo a composición e características que as fariñas posúan.

Ciclo produtivo de T. molitor.

As fariñas de T. molitor conteñen proteínas, lípidos e quitina, ademais de diversos minerais. A proteína é o principal nutriente dos insectos. É por este motivo que a cría de insectos comestibles é tan atractiva e ten tanto potencial como “alimento do futuro”. Para cuantificar o contido en proteína débese analizar a concentración de nitróxeno no insecto e multiplicalo por un factor de conversión para transformalo no valor de proteína. “Os resultados mostraron que a fariña de insecto procedente da pupa mostra un maior contido en proteína, do 52%, que a fariña de larva, de 47%, e a fariña de escaravello, tamén de 47%”, explica José Manuel Salgado, do grupo BiotecnIA da Universidade de Vigo.

O tratamento de escaldado ao que foi sometida a fariña de larva e a fariña de pupa provocou un importante descenso do contido en proteína nas fariñas, o cal se pode deber á desnaturalización das proteínas durante o tratamento térmico. No caso da fariña de pupa este descenso do contido en proteína non foi tan acusado, debido á protección do exoesqueleto, que xa presenta o insecto nesta fase.

Composición nutricional das fariñas de larva, pupa e escaravello adulto de T. molitor

Os lípidos son outros dos principais nutrientes que están presentes nos insectos. As análises revelaron que a fariña de pupa ten un maior contido en lípidos (27%) en comparación coa fariña de larva (23%) e de escaravello (13%). O tratamento de escaldado reduciu lixeiramente o contido en lípidos debido a unha posible extracción ou degradación dos lípidos ao aplicar altas temperaturas.

Os insectos caracterízanse por ter un importante contido en quitina, que vai aumentando coa idade polo desenvolvemento do exoesqueleto, constituído principalmente por quitina. A análise mostrou que a fariña de escaravello ten sete veces máis quitina que a fase larvaria e a de pupa. Este maior contido en quitina da fase adulta é precisamente o que limita o seu uso para fins alimentarios, xa que non pode ser dixerida (ou é dificilmente dixerida) por moitos animais nin polo ser humano. Ademais, atópase unida á proteína do insecto, o que dificulta a dixestibilidade das propias proteínas.

As fariñas das tres fases do ‘T. molitor’ mostraron un valor nutritivo elevado, pero a máis interesante é a de pupa

Os minerais son o cuarto compoñente en importancia. O contido total en minerais é calculado a partir da análise do contido en cinzas. A fariña de pupa mostrou tamén o maior contido de cinzas (7%). O potasio foi o mineral que se atopou en maior concentración en todas as fariñas, seguido do magnesio e o sodio. A fariña de pupa volveu mostrar un maior contido nestes minerais respecto das outras.

En conclusión, as fariñas das tres fases de crecemento do insecto T. molitor mostraron un valor nutritivo elevado. Con todo, nutricionalmente falando a máis interesante é a fariña de pupa, polo seu maior contido en proteínas, lípidos e minerais, e o seu baixo contido en quitina.

A seguinte fase do proxecto, actualmente en execución, é a produción a nivel piloto dos encimas necesarios para o bioprocesado que permitirá obter os seus compoñentes por separado. Os encimas obtéñense a partir dos propios subprodutos xerados na cría dos insectos, mediante unha fermentación en estado sólido dos mesmos. Así mesmo, prevese realizar unha optimización do proceso de recuperación dos encimas obtidos e un escalado do proceso.

Seguintes pasos

Con toda a información obtida nas etapas previas, comezarase, de cara á segunda metade deste ano, co bioprocesado dos insectos. O obxectivo é optimizar as condicións de tratamento encimático dos insectos e do proceso de recuperación dos produtos tras o tratamento.

Como última fase, realizarase unha análise tecnoeconómica e do ciclo de vida do proceso para asegurar a viabilidade da innovación desenvolvida.

Plan de traballo de Bioproinsect.

Impacto na sociedade

O potencial da solución a desarrollar en Bioproinsect é notable. Atalla de raíz un dos principais problemas que presenta a proteína dos insectos, un alimento cuxo potencial de crecemento nos próximos anos é moi elevado. A extracción da quitina permitirá obter fariñas de alto valor ricas en proteínas, lípidos e minerais cuxas aplicacións en alimentación humana e animal son innumerables.

O potasio é considerado un nutriente esencial na alimentación animal, e débese suplir na ración diaria xa que non se almacena nas reservas do animal, polo que a fariña de T. molitor obtida será unha boa fonte de minerais en alimentación animal. Ademais, a quitina, unha vez illada, ten gran potencial como biomaterial nas industrias farmacéutica, cosmética, papeleira ou agrícola porque é biodegradable, termoestable, biocompatible e non tóxica.

Bioproinsect busca modernizar o sector primario e reforzar a industria agroalimentaria galega como produtora de alimentos funcionais

Desta maneira, Bioproinsect busca modernizar o sector primario mediante o emprego da biotecnoloxía para o bioprocesado de insectos, en concordancia coa RIS3 (Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia). Así, a través da innovación, reforzarase a posición da industria agroalimentaria galega como produtora de alimentos funcionais á vez que, co coñecemento xerado, promóvese a diversificación do medio rural, tan necesaria na loita contra o despoboamento.

Bioproinsect conta tamén coa participación do Grupo BiotecnIA da Universidade de Vigo e da Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga). O proxecto está financiado pola convocatoria de axudas para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas nun 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. O seu orzamento total é de 181.468,56 euros, cunha subvención de 145.174,85.

A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega ao que lle corresponde propor e executar as directrices xerais no ámbito rural e engloba as competencias en materia de agricultura, gandaría, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes e prevención e defensa dos incendios forestais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *