Xoel López versus Pepe Solla. Viva Suecia contra Vicky Sevilla. Mikel Erentxun versus Eneko Atxa de Larrabeztu o Lori Meyers contra Ángel León, do Aponiente do Puerto de Santa María e Coque Malla contra Oriol Balaguer.
En ningún festival como no PortAmérica, guitarras, baterías e amplificadores compiten contra sabores, tixolas e lume para que a música entre a bocados. Compiten e se complementan en Caldas de Reis para facer grande a un evento que naceu como un festival musical que tamén aspira “a democratizar e socializar a alta cociña”.
A conxunción dos sentidos ten unha nova dimensión no PortAmérica X de este 2022, onde a partires do xoves e durante a fin de semana (2, 3 e 4 de xuño) vanse dar cita gastronomía, música e natureza nunha nova edición —e xa van dez— dun festival ecléctico ique conxuga como ningún outro notas e pintxos.
O ShowRocking de PortAmérica, ademais dun gran valor diferencial dun festival que vai moito máis aló da música, é unha reivindicación da festa que pode ser a gastronomía integrada nun espazo natural e que este ano incorpora, como novidade, a tres pastelerías con bocados doces de alta gama para acabar de redondear un festival que agora se celebra na antiga azucreira de Portas.
Máis de trinta chefs dan forma con menús únicos e prezos populares ao ShowRocking que capitanea Pepe Solla
A idea que alumbrou Pepe Solla hai xa 11 anos xa se foi consolidando para dar pé a un cartel no que empatan música e cociña no que se deu en chamar ShowRocking, recoñecido como Mellor Zona Gastronómica en 2015, 2017 e 2018. Un total de trinta restaurantes e outros tantos profesionais das cociñas de México, Galicia, Cádiz, Huelva, Asturias, Valencia ou Barcelona danse cita nesta edición do PortAmérica para ofrecer novas composicións de alimentos: pintxos expresamente creados para o festival que fusionan ritmo e sabor a prezos populares como nunha romería musical 2.0 do século XXI.
O picoteo de alta gama deu un paso máis, explican desde a organización do Festival, e xa conta con menús especiais e específicos para esta décima edición —que se poden consultar e na propia web do Festival— a un prezo único de catro euros, un euro máis que na última edicións, tras non poder esquivar a inflación, sinala Olalla Camaño, coordinadora do evento.
Nunha fin de semana, unha persoa pode probar o mellor de trinta restaurantes de España e alén do mar e as delicias doces dalguna das tres mellores pastelerías —La Duquesita, de Oriol Balaguer; Las Cholas, de Valeria Olivari e Ms.Robinson, da viguesa Sara Pequeño—, que se incorporan este ano ao evento.
O programa incorpora como novidade a alta pastelería, da man de nomes propios como Oriol Balaguer, Valeria Olivari e Sara Pequeño
“As tapas doces van ter un espazo especial nesta edición e que vai parello á importancia da pastelería e da repostería na cociña actual”, sinala Camaño. Os participantes foron seleccionados con mimo entre a longuísima lista de restaurantes e nomes propios que aspiran a formar parte deste ShowRocking, que brinda a oportunidade de amosar en directo o seu traballo e interactuar co público en dúas quendas de cociña. Será de 19:30 a 21:30 e de 21:30 a 23:30, con cinco restaurantes por día e unha das pastelerías aberta para xoves, venres e sábado no recinto de Portas.
Para abrir boca e afinar as orellas, pensen nunha ostra con pesto de herbas mediterráneas e queso feta como propón unha novísima Vicky Sevilla (Arrels) ou este clásico das festas reversionado como delicatessen: un perrito quente de txistorra con ketchup de pementos asados que elabora David García (El Corral de la Morería). Catro euros, sí. Todos. Prezos democráticos para o desfrute colectivo dun público interxeracional, que foron de mozos nas primeiras edicións en Nigrán e moitos repiten cos fillos sendo pais e nais.
Novos talentos culinarios como Benito Gómez e veterans ben coñecidos poo público galego como Javi Olleros, Dani López (O Camiño do Inglés); La Molinera (Lalín) ou Lucía Freitas (A Tafona) darán o seu propio recital, xunto a nomes comos os de Francisco Paniego e Oriol Balaguer, de La Duquesita, un revolucionario da pastelería curtido nas cociñas de El Bulli, e referenciado como un dos mellores no seu campo. Capaz de desencaixar o noso padal reformulando os postres clásicos con novas texturas co agarimo sublime das materias primas.
Deixa unha resposta