Cheesecake actualizada (premio do xurado) e Maremoto (premio do público) son os nomes dos petiscos que resultaron gañadores da sexta edición do certame Mellor cociñeiro de tapas por Galicia, que tivo lugar o martes en Santiago, con presenza de representantes de establecementos gastronómicos das sete grandes cidades galegas. Todas as propostas gañaran concursos celebrados en cada unha das cidades galegas nos últimos meses. A calidade e a orixinalidade das tapas presentadas foi moi eloxiada polos asistentes.
O evento consistiu na elaboración en vivo das tapas por cada un dos cociñeiros participantes e a degustación por parte do público e do xurado dos petiscos. A orixinalidade da proposta, a técnica empregada e a presentación foron algúns dos aspectos que tiveron en conta os membros do xurado, formado por expertos en gastronomía e turismo entre os que se encontraba, por exemplo, o chef do restaurante Auga e Sal de Santiago, Axel Smyth, recentemente recoñecido cunha Estrella Michelin.
A proposta de Jorge Gago (A Maceta de Santiago) foi a gañadora do premio do xurado. Foi a única receita doce da velada, unha Cheesecake actualizada a base de puré de framboesa e cereixa endurecido con pectina, sobre o que se deposita, nun molde, a crema da torta de queixo do Cebreiro con pemento, nata e azucre.
Un pequeno anaco de océano
Pola súa banda, o premio do público foi para a proposta de Rubén González Vallejo, de El Cafetín (Pontevedra), consistente nunha homenaxe ao mar. Mare Nostrum semella un pequeno anaco de océano contido nunha mínima peixeira. Baséase no mexillón e o berberecho, acompañados por unha selección de algas e herbas mariñas.
Ao longo da gala o público e o xurado tiveron a oportunidade de comprobar a diversidade de petiscos de calidade que poden ofrecer algúns dos cociñeiros máis destacados das sete cidades galegas. O sabor do mar estivo moi presente no evento con propostas como as dos cociñeiros Daniel Bastos (El Italiano Feo de Vigo), José Luis Pardo (El Boni de Lugo), ou Pablo Fuentes (La Bodega de Estrella de Ferrol). Pero tamén houbo espazo para petiscos elaborados con carne (Gabi Conde-Corbal de Portovello de Ourense) ou vexetais (Álvaro Victoriano de Intenso Cocina Peculiar da Coruña).
O público asistente tivo a oportunidade de comprobar no evento, celebrado no hotel-monumento San Francisco de Santiago, a habilidade dos cociñeiros galegos para elaborar no tempo récord de cinco minutos cada un dos petiscos a concurso. En total, tiñan que preparar sete tapas para os membros do xurado, entre os que se atopaba a crítica Ana Prieto, especialista en fotografía gastronómica e responsable, xunto a Marco Soriano de Tejada, do blog La Cocina es Vida, mellor blog desta temática en 2019 segundo Canal Cocina. Cando as tapas para os xurados estaban listas tamén se servían ao público asistente un total de 100 unidades de cada un dos petiscos.
A xornalista María Solar foi a encargada de conducir o acto, ao que asistiron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor. “Podemos presumir de grandes chefs e grandes produtos”, dixo no peche do evento Nava Castro, destacandao a creatividade dos cociñeiros de Galicia. “Temos estrelas Michelin, Soles Repsol e, sobre todo, xente que sabe combinar a cociña tradicional e a innovación”. “Síntome orgullosa cando vou fóra de Galicia de presentar as propostas destes grandes profesionais que viven as 24 horas mimando a nosa gastronomía”, concluíu.
Promover a creatividade gastronómica
O concurso De Tapas por Galicia busca promover a creatividade gastronómica, especialmente a presentada en pequeno formato, como elemento dinamizador do turismo urbano, no que cada vez máis os visitantes buscan un achegamento á cultura, ás tradicións e á innovación dos seus destinos tamén a través do padal. Os camiños de Santiago foron o fío condutor da gala. A noite tivo os seus momentos emotivos, como a presenza entre o público da avoa do gañador do premio do xurado e as palabras de agradecemento do equipo de A Maceta por un premio que chega nun momento de dificultade persoal para o chef autor da proposta, Jorge Gago, que non puido asistir á gala.
Deixa unha resposta