A maridaxe de dous referentes: así é a alianza de Estrella Galicia e Nove

A cerveceira e o grupo de chefs suman forzas pola gastronomía sostible que priorice o producto local e o respecto ambiental

Presentación da colaboración entre os chefs e Estrella Galicia.

Indisolubles, como o bo comer e o bo beber. Dúas marcas referentes da innovación hostaleira e gastronómica galega reeditan a súa alianza e volven sumar forzas cun obxectivo ben definido: que Galicia sexa o referente da gastronomía sostible facendo do producto autóctono e de tempada o mellor ingrediente.

A filosofía é a que xa veñen aplicando Estrella Galicia e o Grupo Nove, os noivos desta voda: triunfar globalmente apostando localmente con Galicia como prato principal. Con este propósito, que pasar por poñer en valor o local —tanto o produto como aos produtores—, presentáronse este luns as dúas partes desta alianza. Foi nunha presentación no museo Mega de Estrella Galicia que logrou reunir case ao completo aos integrantes do selecto grupo de chefs galegos.

“É un convenio cociñado man a man”, manifestou Manel Pérez Piñón, director de Trade Marketing de Hijos de Rivera. “Buscamos o impacto positivo: protexer a orixe, coidar o planeta e das persoas buscando, xunto ao Grupo Nove, novas solucións para unha cultura gastronómica máis sostible”.

“Buscamos novas metas, como as que nos levaron a asociarnos no Grupo Nove para promocionar o talento novo e facer ruído”, sinalou Dani Guzmán, actual presidente deste grupo de pioneiros da cociña galega, quen puxo o acento en facer compatibles coa gastronomía e a hostalería galega conceptos imprescindibles nun contexto de cambio climático como “o respecto á terra, ao produto, a acción social, a educación,…”.

“Existía e existe unha ampla coincidencia entre os decálogos de Estrela Galicia e do Grupo Nove, así que o mellor era asociarnos nos obxectivos. Cómpre pór en valor o local e proxectarse ao mundo coa nosa personalidade, xerando sinerxias o máis preto posible e con especial atención á terra e tamén ao mar, á preservación das nosas contornas marítimas”, engadiu Guzmán.

Pepe Vieira“Galicia está rodeada de mar. Para nós, esta despensa é fundamental”.

Do mar, da Galicia mariñeira falou con especial afectación Pepe Vieira, ao lamentar que cada vez é máis complicado ir á lonxa e atopar algunhas especies e recursos. “Galicia está rodeada de mar. Para nós, esta despensa é fundamental”.

Na preservación do medio mariño irán encamiñadas moitas das accións conxuntas planificadas con Estrella Galicia. “Compartimos territorio e lazos de forza para buscar a autenticidade”, resumiu Roberto Filgueira. “Apostamos pola unión nun escenario postpandémico para ofrecer un produto aos clientes que prioricen a sustentabilidade no consumo fronte ás présas que nos impón o noso ritmo de vida”.

E como logralo? Explícao Beatriz Sotelo, de Nove. A receita é sinxela. Pasa por potenciar o produto de tempada e fomentar a relación cos produtores autóctonos. Nesta dirección irán algúns dos eventos conxuntos planificados por Estrela e o Grupo Nove o primeiro dos cales será, previsiblemente, en maio. Será o primeiro dos proxectos deseñados neste marco de colaboración na aposta pola cociña social, saudable e sostible na protección da biodiversidade en tres liñas de traballo: educación e concienciación na hostalería -(obtención do ISO ambiental 14001); aposta polo local e accións gastronómicas de proximidade organizadas pola empresa cervexeira. Eventos, charlas e formacións tanto telemáticas como presenciais son parte dos ingredientes desde convenio de colaboración entre a empresa Hijos de Rivera e o Grupo Nove na aposta pola hostalería galega do futuro co sustrato dos sabores de sempre.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *