E de sobremesa… iogur de toxos!

Larsa, marca líder certificada por Galicia Calidade, volve a sorprender na aposta polos lácteos con flores dos pastos que están na base da súa filosofía

Galicia non se entendería sen a flor amarela do toxo que é patrimonio común a toda a xeografía galaica. Así o entendeu tamén Larsa. Nunha mostra máis da súa decidida aposta pola innovación gastronómica, que vén sendo marca da casa desde os seus inicios en 1933, soubo transformar o toxo nunha sobremesa nutritiva a base de leite de pastoreo e as flores comestibles dos mesmos pastos.

O resultado: unha nova liña de produtos lanzada esta primavera que nos da a elixir entre tres variedades de iogures con flores: verbena e toxo, de violetas ou de sabugueiro.  Unha aposta, cando menos ousada, para mesturar nun vaso de postre leite con flores, nada máis e nada menos que do toxo, apoiadas nunha campaña publicitaria que recoñecía a extravagancia e retaba aos máis ousados a levar á boca un pedazo de Galicia.

Non é a primeira vez que Larsa camiña pola sorpresa do bocado tirando dos sabores maís evocadores nas mesas galegas: xa fixeran uns anos atrás co iogur de licor café que tiven tal éxito que desbordou a súa capacidade de produción, como a propia empresa recoñece, ao que sumaron o de mazá ao forno.

 

Larsa é bastante máis que unha marca icónica para moitas xeracións de galegos que devoraron e devoran os ben coñecidos iogures de vainilla. Raro, moi raro é o supermercado que non os oferte entre as sobremesas lácteas e a súa demanda é tan alta que nin as grandes cadeas que apostan as súas marcas brancas deixáronos fóra do catálogo.

Historia dunha marca icónica

Larsa leva 88 anos dando que falar e que comer. Naceu do impulso da familia Rodríguez López para elaborar queixo de Arzúa en barra de forma profesional na Granxa Arjeriz. Daquela primeira queixaría naceu, xa en 1947, o xerme de Lacto Agrícola Rodríguez, xa con varias plantas e bases en Chantada, Vigo e Vilagarcía.

Larsa, acrónimo do grupo que agora se integra na CAPSA (Corporación Alimentaria Peñasanta), xunto con Central Lechera Asturiana e ATO, é o primeiro grupo lácteo do Estado, con 1.300 empregados —e tamén a marca líder en Galicia no 2020—, segundo o Brand Footprint elaborado por Kantar Worldpanel, certificada por SGS e asociada a marca Galicia Calidade. Cada ano, segundo os datos que manexa o grupo, recollen 75 millóns de litros de leite de 425 explotacións que se alimentan dos pastos diseminadas por toda Galicia.

E neses pastos, o toxo é moito máis que unha flor amarela –chamada chorima- coroando un tronco verde espiñento e capaz de tecer mantos verdes infranqueables pola costa e os montes galegos. O toxo foi medicina, foi abono (estrume), foi cama e arroupe do gando e era, para o escritor, Manuel María, o sorriso da primavera.

O toxo non terminou de dar de si e segue tendo aplicacións farmacolóxicas como antinflamatorio, espirituosas en licores alcohólicos ou e retorna á terra como fertilizante. Larsa atreveuse a convertelo nun sabor máis á mesa. O tempo dirá se o converte nun iogur clásico como o seu irmán maior, o de vainilla, que tantas ledicias lle deu a marca.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *