Unha ferramenta para previr as enfermidades fúnxicas nas vides

O proxecto VITICAST reúne ao sector vitícola e a equipos de I+D para anticiparse a posibles infeccións e mellorar así a resposta fronte a este problema

Finca de Pazo de Toubes, de Viña Costeira, unha das empresas que participan no proxecto VITICAST.

O mildiu, a botrite ou o oídio son tres termos que están constantemente na cabeza das persoas que se dedican á viticultura. Estímase que as perdas de produción causadas por estas enfermidades fúnxicas poden chegar ata o 80% das colleitas nos peores casos e, ademais, o seu tratamento incrementa os custos de produción dos cultivos. Ao tempo, a necesidade de controlar e limitar o uso de fitosanitarios na produción do viño obriga a buscar alternativas que, da man da innovación, axuden en todo o proceso. Neste contexto naceu o proxecto VITICAST, un grupo operativo que desenvolveu unha ferramenta de aviso de posibles infeccións fúnxicas grazas á combinación de datos meteorolóxicos medidos a pé de parcela, a predición do estado fenolóxico da vide e a análise da concentración de esporas e inóculo, diversos factores que inflúen claramente na aparición destas patoloxías.

“A finalidade de VITICAST é optimizar os tratamentos fitosanitarios en viticultura de xeito que só se administren se hai un risco real e obxectivo de que exista unha infección”, explica Débora Franco, da empresa Monet Tecnología e Innovación, empresa que lidera o grupo operativo, no que tamén toman parte a Fundación Empresa-Universidad Galega (FEUGA), a Estación Fitopatolóxica Areeiro da Deputación de Pontevedra, a Universidade de Vigo, as bodegas Viña Costeira, Hacienda Monasterio e Matarromera. Tamén están presentes en VITICAST a Universidade de Santiago de Compostela, como entidade subcontratada, e a Plataforma Tecnolóxica do Viño, a asociación Colleiteiros do Ribeiro e a Asociación Galega de Viticultura, como membros colaboradores. A iniciativa desenvolveuse en parcelas pertencentes ás denominacións de orixe Rías Baixas, Ribeiro e Valdeorras, en Galicia; e Ribera del Duero, en Castilla y León.

 

Despois de iniciarse no ano 2019, cun financiamento de preto de 600.000 euros, (un 80% do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural da Unión Europea e un 20% achegado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no marco do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020) o proxecto afronta a súa recta final cun webinar que terá lugar o vindeiro luns 6 de setembro, as 16 horas, no que se presentarán os principais resultados do mesmo. Falarán como poñentes Débora Franco (Monet Tecnología e Innovación), Rosa Pérez (Estación Fitopatolóxica Areeiro), Javier Rajo (Universidade de Vigo), Carlos Alberte (Viña Costeira), Victor Vendrell (Bodega Matarromera), e Vicente Abete (Bodegas Hacienda Monasterio).

Grazas aos avances tecnolóxicos acadados por VITICAST, a nova ferramenta permitirá determinar os momentos nos que a planta é máis susceptible a infeccións fúnxicas e, deste xeito, mellorar a calidade dos viños, a rendibilidade e sustentabilidade das plantacións. Así, os froitos da iniciativa achegarán, entre outras vantaxes, modelos de predición da cantidade de esporas que son necesarias para a produción de infeccións, a determinación de limiares de risco e algoritmos específicos para cada Denominación de Orixe,  ou modelos de cálculo do aforro de custos anuais pola redución de fitosanitarios e da mellora na calidade do viño.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *