O queixo de Arzúa reivindícase tras a crise da queixería pechada por Sanidade

Maís de medio centenar de fabricantes de queixo galego acoden a 45ª edición da festa co propósito de amosar ao mundo a súa calidade

Festa do Queixo de Arzúa

Quince días despois da crise aberta polo peche por Sanidade da queixería Casa Macán, chega a 45ª edición da festa do queixo en Arzúa. Esta feira na que se reúnen as queixerías galegas servirá para reivindicar a calidade dos queixos galegos e da Arzúa-Ulloa DOP e Tetilla en particular. Nese momento, ante algunha confusión detectada, desde o Consello Regulador da DOP Arzúa-Ulloa quixeron aclarar que a alerta publicada pola Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición para os produtos elaborados por Lácteos Casa Macán non afectaba a ningunha outra queixería rexistrada, nin a ningún outro queixo Arzúa-Ulloa.

Juan Carlos Barral, xerente da Queixería Barral, admite que esta noticia afectou moi negativamente ás empresas galegas do sector. Considera que puideron influír varios factores. “Por unha parte, os queixeiros galegos non temos unha marca potente, e o que queda na retina son os nomes das denominacións de orixe Arzúa-Ulloa ou Tetilla. Iso é o que se coñece fóra. De súpeto hai un titular e todos os distribuidores, e gran parte dos consumidores finais que compran os queixos, pensan que hai unha alerta sanitaria no produto, non nos queixos de Casa Macán, ou doutra fábrica que incumprise, pensan que hai unha alerta sanitaria no sector”.

Por esta razón, o esforzo que tiveron que facer nestes días admite que foi complicado de xestionar e de explicar, porque entenden tamén que unha gran superficie ten que trasladar a credibilidade aos consumidores, que tiñan a crenza de que hai unha alerta sanitaria sobre o Arzúa-Ulloa e o Tetilla. “Recibimos moitas chamadas de preocupación. Desmentiuse rápido que o problema afectaba aos queixos da denominación de orixe, non eran estes os que estaban afectados, senón un caso puntual. Pero a pesar disto a repercusión foi negativa. Nós tiñamos accións en curso que estiveron a piques de caer dos andeis das grandes superficies, houbo que explicalo moi ben”, recoñen desde esta queixería arzuá.

A repercusión do peche foi moi negativa e nestas semanas tiveron que traballar por limpar a imaxe dos queixos da DOP Arzúa-Ulloa

Sandro Castro, responsable de márketing da Queixería Barral, apunta que as medidas que se viron obrigados a tomar implicaron unha capacidade de reacción que tivo que ser instantánea. “Os organismos que representan ás denominacións de orixe deben desmentir, porque non ten o mesmo peso Arzúa-Ulloa DOP que unha queixería de forma individual. Tamén particularmente fixemos un envío masivo de mails e comunicacións aos nosos clientes para chegar canto antes ao consumidor. Estamos moi por riba das medidas sanitarias necesarias, porque nolo esixen para curar en saúde, pero hai que demostralo e comunicar moi ben o que fas dentro da túa casa. Aquí non se recepciona un litro de leite sen que pase un control súper exhaustivo. Se iso non se cumpre, a cisterna directamente dá a volta. Levámolo facendo así 30 anos”.

Por esta razón, a festa do queixo de Arzúa deste ano cobra aínda máis importancia. Os queixeiros consideran que debe ser unha forma de visibilizar e reivindicar a calidade do queixo galego, e de que obteñan moita máis presenza. “Somos moi descoñecidos de Ponferrada para abaixo. Contamos co mellor leite a nivel nacional. Temos un grupo de cociñeiros galegos que están a facer un labor de envaxelización espectacular e que están ensinando o ben que se pode comer con este queixo unha lubina, un solombo ou un bacallau, e non hai que ir para isto a un queixo de importación ou a un manchego”, comenta Juan Carlos Barral.

A Queixería Barral xoga na casa

Precisamente, a Queixería Barral é a única ubicada en Arzúa que elabora Arzúa-Ulloa e admiten que estar presentes nunha festa tan consolidada como a de Arzúa é para eles un escaparate brutal de cara ao mundo. “Cada vez máis xente estranxeira acode a esta festa a ver que é isto da feira do queixo. A parte boa é que xogamos en casa, e a mala que somos o referente”, asegura o xerente. Cada ano a Queixería Barral sorprende nesta festa con mega esculturas en queixo, por exemplo representando o mapa de Galicia. Para este ano non hai sorpresas, porque agardan que no 2021, ano do Xacobeo, farán unha presentación por todo o alto.

O ano pasado a Queixería Barral fixo o mapa de Galicia en queixo

O ano pasado a Queixería Barral fixo o mapa de Galicia en queixo

A Queixería Barral transforma entre 20 e 28 mil litros diarios de leite en queixo. As previsións de crecemento falan de que incluso poderían superalo. Agora mesmo teñen presenza en todo o territorio nacional e exportan a Alemaña e Portugal. Levan varios anos conseguindo medallas no campionato mundial dos queixos, o World Cheese, dúas de bronce no 2019. “Semella que ninguén é profeta na súa terra. Aquí este tipo de queixo é máis común, pero cando saímos fóra e presentamos os queixos a un público obxectivo, valoran moito o que se está a facer en Galicia. O World Cheese ten un xurado composto por afinadores e catadores de todo o mundo que están dando unha puntuación a un queixo anónimo. Se conseguimos seguir renovando medallas ano tras ano, indicará que estamos a facer ben as cousas. Nesta temporada tamén agardamos un recoñecemento, pero no noso día a día o que importa son os clientes”, conclúe Juan Carlos Barral.

Un total de 78 expositores, dos cales 53 serán queixerías

A 45ª Festa do Queixo de Arzúa, que se celebra desde este venres ata o domingo, contará por primeira vez co recinto feiral cheo, cun total de 78 expositores, dos cales 53 serán queixerías. O alcalde de Arzúa, José Luis García López, destacou que esta edición marcará un “antes e un despois” para a festa, con novidades a nivel ambiental como o uso de vasos de plástico biodegradable no festival e melloras en seguridade coa incorporación dun punto violeta. Así mesmo, explicou que no recinto feiral non hai ningún queixo que non teña o seu correspondente rexistro sanitario nin a súa etiquetaxe, e subliñou que a presenza de queixerías doutras comunidades e internacionais está “a incrementar todos os anos”.

José Luís García tamén recalcou a programación infantil, que contará coa 4ª edición do festival ‘ Pequequeixo’, a 2ª edición do torneo de xadrez ‘Chess and Cheese’ e diversos talleres do queixo. Ademais, este ano farán unha acción coa colaboración da Casa Grande de Xanceda que consistirá en poñer un sinal e un panel cun paso de vaca para “reivindicar o rural”. O alcalde lembrou tamén que a pregoeira deste ano será a actriz Benedicta Sánchez.

Por outra parte, haberá un concurso de petiscos este venres, coa participación de 21 establecementos que están a traballar nun roteiro do queixo que queren chamar ‘Vos camiños do queixo’, para que a xente coñeza a través do produto o patrimonio dos municipios.

Actuacións musicais

A programación musical do Festival do Queixo é sempre moi agardada, e terá lugar no Campo da Feira baixo carpa e con entrada libre. O primeiro día, o sábado 29, abrirá coa actuación de El Capitán Elefante, seguida de Tequila, que dará o seu último concerto en Galicia antes de despedirse dos escenarios, Novedades Carminha e o dúo catalán Ladilla Rusa. O domingo, a sesión vermú contará coa estrea do novo disco da artista de Arzúa MJ Pérez ás 12,30 horas. O festival continuará ás 18,00 horas coa actuación de Luar na Lubre, que presentará o inicio do seu novo traballo ‘Vieiras e vieiros. Historias de Peregrinos’, e pecharase co concerto de Baiuca.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *