Polbo de piscifactoría en 2023? Chegan os bisnetos de Lourditas

A cuarta xeración de polbo de acuicultura crece forte e apunta á súa comercialización en dous anos

A femia de polbo Lourditas, primeira na historia capaz de reproducirse en catividade.

Lourditas foi na acuicultura o que a ovella Dolly na clonación animal. Esta femia de polbo nacida nun acuario foi quen de ser a primeira na historia capaz de reproducirse en catividade como parte dun proxecto experimental en acuicultura. Superou con nota este primeiro fito científico e aínda máis; Lourditas, como se deu en chamar polo seu carácter casemilagreiro, puido sobrevivir a primeira posta, cando tanto a femia como o macho de polbo adoitan morrer nunha sorte de paternidade extenuante. Logrou recuperar o peso e manterse en forma todo un ano e medio despois de dar vida a miles de larvas que agora son a esperanza deste proxecto pioneiro que acubilla Pescanova Biomarine Center, desde as instalacións que ten no barrio de Chapela.

Hoxe, son os bisnetos de Lourditas, a cuarta xeracion de polbos de acuicultura, os que se manteñen a flote e camiñan con paso firme cara o 2023, a data na que estiman que será viable saír ao mercado. En Pescanova Biomarine, como xa quedou de manifesto en varios foros específicos na acuicultura, non disimulan os eu orgullo máximo polo que teñen acadado neste campo. “O 2023 está aí. É viable e traballamos día e noite con ese horizonte’, apuntan fontes próximas ao proxecto.

Tres logros ao tempo

Desde o punto de vista científico, en Lourditas, unha femia de polbo común (octopus vulgaris) coinciden tres logros superpostos: lograr que unha femia criase en catividade, que sobrevivise a posta e que duplicase a vida media dun cefalópodo en liberdade. Para calquera polbo, a paternidade é mortal. Literalmente. Fican agotados e deixanse de alimentar, explican os investigadores. Por iso, o caso de Lourditas foi tan singular.

Logo de criar, perdeu seis quilos que os seus coidadores lograron que recuperase até retornar os dez iniciais. ‘Nesta recuperación”, sinalan,  “está a clave para dar o salto a escala industrial, xa que a nivel experimental todo está medido e controlado pero non sería posible facelo con milleiros de Lourditas no futuro. Apostamos pola nutrición e o benestar animal ao máximo porque a realidade ten probado que a todos os efectos, a mellores coidados, o nivel de supervivencia é maior”. Como na escala humana, eliminar o estrés da ecuación dos polbos na acuicultura, cunha intelixencia que poucas outras especies animais teñen tan acreditada, fainos máis lonxevos e felices. 

Comeza a conta atrás: catro anos para o polbo de acuicultura

Lourditas fica como nome propio na historia da acuicultura galega como exemplo global, xa que foi a a primeira vez que unha equipa de investigación —de Pescanova e comandada por Ricardo Tur— foi quen de pechar por primeira vez o ciclo de reprodución do polbo, unha especia que escasea no medio mariño pola sobreexplotación pero cada vez máis demandada en todo o mundo pola súa singularidade gastronómica.

Os polbos alevíns nacidos de Lourditas, en 2019 nas instalacións de Chapela. / Fonte: Pescanova

Os polbos alevíns nacidos de Lourditas, en 2019 nas instalacións de Chapela. / Fonte: Pescanova

 Esta investigación pioneira alumeouse man a man co Centro Oceanográfico de Vigo e una vez adquirida a patente, Nueva Pescanova avanzou o proxecto co obxectivo de responder á alta demanda que vén experimentando o polbo nos últimos anos.

O cultivo de polbos segue a ser unha das principais liñas de estudo no novo Pescanova Biomarine Center, que acuñou un dos centros privados de I+D+i de acuicultura do mundo. A cría do polbo en acuicultura a escala industrial suporía garantir unha maior sustentabilidade desta especie ao abrirse a oportunidade comercial de cubrir a demanda sen afectar as existencia de polbo salvaxe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *