A alarmante desaparición do polbo galego: 2020 será o peor ano da historia

Científicos e pescadores discrepan sobre as causas dunha redución de capturas que ameaza con superar o 50%

En 2015 ou 2016 en Galicia pescaronse por riba das 500 toneladas de polbo. Este 2020 vai pasar a historia como o peor que se recorda desde que hai datos. Aínda que restan meses con alto volume de capturas como son outubro a marzo, con apenas 40 toneladas de recollidas de polbo ata ao final do verán no conxunto das lonxas galegas, os indicadores están nuns niveis alarmantes. Estes datos contrastan coas 406 toneladas (tres millóns de euros) alcanzadas no 2019, as 420 toneladas (4,5 millóns de euros) de 2018, as 338 toneladas (case tres millóns de euros) de 2017 e, desde logo, coas 533 toneladas poxadas no verán de 2016, por valor de 3,2 millóns de euros.

Na costa galega o ciclo vital do polbo é de aproximadamente dous anos. O principal período reprodutivo sucede na primavera, e como consecuencia diso a época de recrutamento (individuos de ata 300 gramos de peso) é na primavera-verán do ano seguinte. A frota que traballa con nasa para polbo explota basicamente unha única cohorte anual. Desde o ano 1992 na pesqueira do polbo en Galicia utilizouse, na maioría dos anos, a veda nos meses de maio e xuño, como unha medida técnica para protexer a reprodución da especie e contribuír a que a explotación fose máis sostible. Por tanto, co fin de axustar a xestión pesqueira ao ciclo de vida da especie, considerouse por parte da Consellería de Pesca razoable que cada campaña comezase despois da veda e finalizase no inicio do período de veda seguinte.

Rafael Bañón é técnico da Xunta, licenciado en Ciencias Biolóxicas e especializado en Zooloxía Mariña. Ten feito innumerables estudos ecollidos polo CSIC, como un de historiografía do polbo en Galicia. As descargas de polbo nos portos galegos sitúanse ao redor das 2.000-4.000 toneladas ao ano desde comezos do século pasado, excepto desde mediados dos anos 50 ata finais dos 70, cando se alcanzaban as 16.000 toneladas ao ano, atribuíbles a barcos de arrastre que faenaban no Banco Canario-Sahariano. Os científicos destacan que existe unha diminución do esforzo pesqueiro desde a década do ano 2000.

Confraría de Bueu: “É incomprensible o de este ano, cando regresamos en xullo había menos cantidade que antes do parón”

En 2016 existía xa unha preocupación grande porque as capturas de polbo baixaran e para evitar que a caída da produción de polbo continuase nos próximos anos, era preciso incluír no Plan Experimental para a xestión do polbo novas medidas técnicas que evitasen tanto a sobrepesca da especie, como a saturación dos mercados nos inicios de campaña, mellorando a rendibilidade da actividade pesqueira. Para a elaboración do plan experimental para a xestión do polbo en 2016 recibíronse propostas das confrarías galegas que propoñían que a veda fóra dun mes de duración. Pola contra, o tempo estimado pola consellería para a recuperación do recurso era de 60 días. Da discusión das medidas técnicas co sector, e co fin de aproveitar a boa evolución, constatada por aquel entón con datos estatísticos, da mellora das capturas nos últimos meses e a boa evolución dos prezos, acordouse entón establecer un período de veda de 45 días. Este ano cos impedimentos orixinados pola Covid-19 e o confinamento, as confrarías solicitaron que a veda fose só dun mes, animados polas elevadas capturas dos anos anteriores. O resultado semella polo que se está ver no 2020, que pode ser catastrófico non só para agora se non tamén para o próximo ano.

As causas da escaseza de polbo seguen sendo un auténtico misterio. Rosas asegura que o mar é como a terra, noa que hai colleitas mellores e peores. A recollida de polbo en 2015 e 2016 foi estraordinaria, sem embargo “este ano é o máis malo que recordo, e levo pescando polbo desde os 15 anos e teño 63. É certo que o recurso está sofrindo unha embestida moi significativa por parte do sector pero non é atribuible a unha porcentaxe de descenso tan alta como a que se está a dar nas capturas, podes dar unha porcentaxe, pero despois serán outros factores de tipo biolóxico, climático ou medio ambientais os que sumen tamén. Por iso necesitamos un estudo fiable”, recalca o patrón maior de Bueu.José Manuel Rosas, é o patrón maior da Confraría de Bueu, a máis importante en Galicia xunto á de Ribeira na pesca do polbo. Desde a súa perspectiva é necesario un novo estudo que permita arranxar este grave problema no que se ven inmersos. “Se tivese idea de cales son os motivos concretos xa estaría traballando nun gabinete de adiviños. Resulta incomprensible o que está pasando este ano. Parouse de pescar no mes de xuño e cando regresamos en xullo aínda había menos cantidade que antes do parón. En xullo tivemos reunións coa Consellería para tratar de buscar respostas e a partir de aí atopar solucións. Pode que as vedas non sexan o suficintemente longas, ou que o tempo no que as facemos non sexa o adecuado. O que procede é que deberíamos ter un estudo fiable para que isto se poida arranxar. Levamos con subas e baixas desde que se empezou cos plans de pesca do polbo e cada ano se comparta mellor ou peor”.

Sobre este estudo que reclaman o patrón maior de Bueu, Rafael Bañón admite que o único que se está a facer neste momento é o seguimento das pesquerías por parte da Xunta no que se recollen tamaños, distrubicións, unidades de esforzo, pero este ano polo tema da Covid-19 non hai datos recollidos salvo os que se ofrecen nas lonxas. “O pico da abundancia do polbo é de outubro a marzo, así que aínda podemos esperar unha recuperación. No século XV só se pescaba nese época. O problema de agora pode estar relacionado con que se pescase durante once meses. No verán o polbo que hai é pequeno e aos pescadores non lles compensa tanto. Se o ano é malo, coa veda, a pesar dese parón biolóxico, o ano vai seguir sendo malo.

Que sucede entón?

A desaparición do polbo das nosas augas pode depender de varios factores. Por unha parte un problema oceanográfico que teña que ver co cambio climático, ou cun exceso de salinidade, ou mesmo cunha ausencia de plancton, de alimento do polbo nas nosas augas. Tamén hai traballos científicos que falan dos afloramentos e a influencia dos ventos para que se produza unha diminución de larvas do polbo. Pero por outra parte hai quen di desde a parte científica que simplemente o que provoca esta situación é a sobreexplotación do recurso, o que podería explicar o declive dun produto tan importante para a economía galega.

Manuel E. Garci: “Nas Cíes ves sempre os mesmos barcos machacando as mesmas zonas”

A opinión científica é ben diferente a dos pescadores. Manuel E. Garci é biólogo e membro do CSIC ademais dun amplo coñecedor como buceador das augas da ría de Vigo. Ao seu entender non é admisible unha explicación oceanográfica e sinala a sobrepesca como o motivo principal deste descenso do polbo e tamén asociado a isto o furtivismo. “Adoito ir traballar ás illas Cíes e ves sempre os mesmos barcos machacando as mesmas zonas.Galicia non ten espazos onde non se poida pescar polbo. É certo que esta é unha especie que fluctúa moito dun ano a outro pero o deste ano é o nunca visto”.

Garci, camarógrafo submariño recoñecido con importantes premios polos seus documentais nas profundidades do mar, asegura que o mar está nunha situación estraordinamente boa que contrasta co que sucede co polbo. “Hai baleas azuis, moitísimo atún, pero polbo non hai. O normal é ver nas Illas Cíes unhas quince ou vinte femias en posta de ovos nesta temporada de reprodución, este ano só puiden ver unha. O resto de covas onde se agochan a desovar estaban todas baleiras”.

Por isto, Garci insiste na necesidade de que se respecten cando menos as zonas de pesca. “Se perdes os reprodutores, acobouse a especie. Hai zonas onde non se debería tirar nin unha nasa. Esta é unha especie moi prolífica xa que producen medio millón de ovos, dos que só sobreviven uns poucos. Se hai bastante reproductor a especie se recuperará pero se non sucede isto só pode ir a peor”.

A sobrepesca no punto de mira

Segunda opinión de Rosas todo son especulacións, xa que ninguén sabe de certo que está a pasar. “Este animal é moi difícil de estudar é os seus comportamentos son moi difíciles de determinar. A día de hoxe non temos nada. Algúns estamos entonando o mea culpa. É certo que o sector pesqueiro necesita cambiar hábitos porque somos os que máis imos perder con isto pero tamén a outros niveis necesitamos un estudo para tomar decisión a corto, medio ou longo prazo. Os técnicos terán algo que dicir pero tamén houbo estudos da sardiña e da caballa que ao final tiveron que recoñecer que erraran nas súas predicións. Hai unha parte impredecible do recurso que hai que contar con ela”, sinala José Manuel Rosas.

A economía de vilas como Bueu e Ribeira veuse moi tocada este ano pola redución da pesca de polbo

A economía de vilas como Bueu e Ribeira veuse moi tocada este ano por esta redución da pesca do polbo. En Galicia hai máis de 2.000 embarcacións que teñen no seu permiso recollida a pesca deste cefalópodo. Bueu e Ribeira son os portos referencia da pesca de polbo nesta comunidade. “Para confrarías como a de Bueu é catastrófico pero ao final é para todos. Cando unha pesquería que ten tantas unidades se ve nesta situación, bascula cara a outras artes, co cal arrastra a outras especies a ter o mesmo problema, e o equilibrio relativo que se estaba mantendo, así se vai rachar”, afirma o representante dos pescadores de Bueu.

O polbo ten unha importancia fundamental no ecosistema mariño. Sen el no mar, hai unha especie que vai saír beneficiada como son as centolas xa que o polbo é depredador de centolas. Tamén a súa ausencia beneficia a outras especies que están facendo dano nas rías galegas. “Hai un desequilibrio que están agora mesmo a estudar investigadores da Universidade da Coruña. Hai efectos económicos pero o sector pesqueiro pensa que o mar é so deles, e o mar é de todos. Provocar estes cambios no ecosistema mariño pode resultar moi perigoso para as especies das nosas rías”, conclúe Manuel E. Garci.

2 Comments

  1. AvatarXosé Marcelo Romeu Herbón Reply

    Masificación das rías con bateas, posterior seputamento dos fondos mariños coa merda das bateas, decenas de miles de mexadas e cagadas todos os días, na ouriña e nos exrementos van restos de fármacos, como os das pastillas anticonceptivas, que “afemina” aos machos e perden capacidade reprodutiva, o “esganamento” das rías, coa construción de recheos e portos comerciais e náuticos, freando ou alterando as correntes mariñas…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *