Unha investigación internacional, na que participa o Instituto de Saúde Carlos III, concluíu que o consumo de catro ovos á semana é saudable para o corazón. O estudo, publicado na revista European Journal of Clinical Nutrition, foi levado a cabo por dez expertos de universidades de Italia, Polonia, Dinamarca, Holanda, Suíza e España. Entre eles, Miguel A. Martínez González e Estefanía Toledo, da Universidade de Navarra.
A investigación conclúe que non se atopan riscos para manter un consumo habitual de ata catro ovos á semana. Así mesmo, inxerir un ovo ao día de media non se asociou con maior risco de enfermidade cardiovascular, salvo para a insuficiencia cardíaca e só nos estudos que se realizaron en EE.UU. ou os que se realizaron entre quen xa eran previamente diabéticos. “Aos diabéticos deberíaselles recomendar que mantivesen consumos de ata catro ovos á semana, pero non máis”, explica Estefanía Toledo, investigadora do Ciberobn, o Centro de Investigación Biomédica en Rede de Fisiopatoloxía da Obesidade e Nutrición.
O estudo analiza toda a evidencia científica acumulada ata o momento sobre o ovo: en total, datos de 39 investigacións, cun total de 1,8 millóns de participantes. Trátase do estudo máis exhaustivo que se publicou ata a data sobre o consumo de ovo e a saúde cardiovascular.
Estefanía Toledo : “Savo entre os diabéticos, o consumo de ovo tende máis ben a ser protector que prexudicial”
“A conclusión final é que probablemente non exista ningún motivo científico serio para desaconsellar o consumo de ovo na poboación xeral”, explica Toledo. “Salvo a mencionada relación adversa —só presente en diabéticos e só en estadounidenses— para a insuficiencia cardíaca, para todos os demais aspectos da enfermidade cardiovascular (infartos, accidentes vasculares cerebrais, mortes cardiovasculares, enfermidade cardiovascular total), o consumo de ovo tende máis ben a ser protector que prexudicial”, subliña.
Estefanía Toledo matiza que estes resultados permiten defender que a maior parte da poboación pode manter un consumo de ata catro ovos á semana. “Especúlase que a controversia que puido producir no seu día algún estudo realizado en EE.UU. podería deberse a que o ovo se adoita acompañar alí doutros alimentos menos saudables como o beicon, especialmente no almorzo. Non está claro que vaia a ter estes efectos adversos cando se enmarca nun patrón de alimentación saudable como o patrón alimentario mediterráneo tradicional” .
A “mala fama” dos ovos pode deberse ao costume en certos países de acompañalos de alimentos menos saudables como o beicon
A experta engade que existen moitos aspectos positivos neste alimento, “fonte de proteínas de alta calidade e de moitos micronutrientes con efectos beneficiosos, como funcións antioxidantes e antimicrobianas. Ademais, ten outras vantaxes pola súa gran versatilidade culinaria e o seu prezo alcanzable”.
O CIBER é un organismo depende do Instituto de Saúde Carlos III –Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades– cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). O Ciberobn, pola súa banda, é un consorcio integrado por 33 grupos de traballo nacionais de contrastada excelencia científica, que centra o seu labor investigador no estudo da obesidade, a nutrición e o exercicio físico, a fin de xerar coñecemento útil para a práctica clínica, a industria alimentaria e a sociedade no seu conxunto. A institución traballa ademáis sobre os beneficios da dieta mediterránea, a prevención de alteracións metabólicas, a obesidade infantil e xuvenil, e a relación entre obesidade e o cáncer.
Deixa unha resposta