Comer mal fainos máis vulnerables á Covid-19

Os estudos con doentes de Covid-19 demostraron a enorme importancia do estado nutricional na enfermidade e a súa evolución

The Conversation

The Conversation é unha fonte de noticias e análises escritos pola comunidade académica e investigadora e dirixida directamente á sociedade.

The ConversationNestes días nos que o número de contaxios de Covid-19 aumenta contínuamente e o temor a volver a un novo confinamento é cada vez maior, parece que a única solución reside no desenvolvemento dunha vacina efectiva. A pesar de que, evidentemente, isto axudaría a facer fronte á pandemia, os diferentes estudos que se levaron a cabo ata a data con pacientes de Covid-19 demostraron a enorme importancia que ten o estado nutricional na aparición da enfermidade e a súa evolución.

Neste sentido, observouse que a desnutrición (calórica e/ou proteica) é un factor de risco para a Covid-19, que afecta a distintos niveis. Por unha banda, o sistema inmune de pacientes con desnutrición non funciona correctamente, o que aumenta a susceptibilidade á enfermidade. Doutra banda, observouse que a desnutrición pode producir cadros máis severos da enfermidade, así como dificultar a recuperación dos pacientes.

A este respecto cabe destacar que as estancias hospitalarias prolongadas, onde a mobilidade do paciente é reducida e/ou se require de respiración asistida (como ocorre en pacientes con Covid-19), producen unha perda de masa muscular nos pacientes que pode agravar a desnutrición. Non hai que esquecer, ademais, que a desnutrición adoita ser máis frecuente en persoas maiores, colectivo que sufriu especialmente os efectos da pandemia.

Cada vez son máis os expertos que apuntan á necesidade de protocolos nutricionais específicos

Por iso, cada vez son máis os expertos que apuntan á necesidade de protocolos nutricionais específicos para pacientes hospitalizados con Covid-19. Todo indica que unha valoración temperá do estado nutricional permitiría deseñar un plan personalizado que axudaría a cubrir as súas necesidades de enerxía e nutrientes. Como consecuencia, melloraríase a situación xeral do paciente Covid-19 (cadros clínicos de menor severidade) e diminuiríase o tempo de hospitalización .

No caso de persoas non hospitalizadas, manter unha dieta equilibrada que asegure unha inxesta adecuada de enerxía e nutrientes, así como manter un estilo de vida activo e saudable é a mellor opción para evitar a desnutrición e os problemas derivados.

Parece indiscutible que deseñar e implantar intervencións para evitar a desnutrición en colectivos concretos debería ser unha estratexia para ter en conta, máis aínda se se aplica a colectivos considerados de risco (como o das persoas de idade avanzada).

A obesidade e os patróns dietéticos inadecuados poden influír negativamente na Covid-19

Pero a  malnutrición non acaba na desnutrición. De feito, observouse que a obesidade e os patróns dietéticos inadecuados poden influír negativamente na Covid-19. Á fin e ao cabo, a obesidade caracterízase por xerar un estado  inflamatorio crónico de baixo grao.

A este respecto, propúxose que un tecido adiposo “reinflamado” (como o que aparece en persoas con obesidade) pode aumentar a resposta inmune á infección,  amplificando a produción de  citoquinas proinflamatorias e agravando así o cadro xeral. Como consecuencia, a resposta  inflamatoria derivada da Covid-19 é maior e o risco de mortalidade aumenta.

A isto súmase que a obesidade adoita estar relacionada con diversas enfermidades crónicas non transmisibles (como a diabetes tipo 2, hipertensión arterial ou enfermidades cardiovasculares, entre outras) que poden contribuír ao desenvolvemento dunha inflamación sistémica que á súa vez podería agravar a severidade da infección.

O exceso de graxas é malo para os pulmóns

No caso de patróns dietéticos inadecuados, estudos realizados en modelos animais (roedores) demostraron que o consumo de dietas ricas en graxa (especialmente saturada) promove a infiltración de  macrófagos no tecido pulmonar (concretamente nos alvéolos). Este feito é especialmente relevante no caso de pacientes enfermos de Covid-19, dado que a infección do epitelio alveolar adoita ser bastante común.

Do mesmo xeito, a inxesta de  hidratos de carbono refinados/simples asociouse co aumento das concentracións plasmáticas de marcadores proinflamatorios.

Por tanto, e aínda que aínda non dispoñemos dunha cura para a Covid-19, asegurar unha dieta equilibrada (tanto enerxética como  nutricionalmente) e variada, baseada en alimentos frescos e de tempada, así como seguir un estilo de vida activo serán claves para evitar o desenvolvemento da obesidade e os efectos derivados. A este respecto, a educación nutricional (xa desde idade escolar), así como programas que aseguren este tipo de alimentación aos colectivos con menos recursos parecen ser estratexias a ter en conta de fronte ao futuro.

========================================

Artigo firmado por Iñaki Milton Laskibar (investigador, doutor en Nutrición Humana e Dietética, Universidade do País Vasco / Euskal Herriko Unibertsitatea), Alfredo Fernández-Quintela (profesor de Nutrición e Investigador do CIBERobn, Universidade do País Vasco/Euskal Herriko Unibertsitatea) e Maria Puy Portillo (catedrática de Nutrición, Universidade do País Vasco/Euskal Herriko Unibertsitatea)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *