Esa especie de Arca de Noé de que é o Banco de Xermoplasma do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) non para de dar froitos comerciais. O proceso de rexistro de especies que se conservan nas súas instalacións traduciuse xa na inscrición de case 70 variedades comerciais e de conservación dos principais cultivos de Galicia na Oficina Española de Variedades Vexetais (OEVV).
O proceso iniciado coa creación do banco de Mabegondo continuará co rexistro de máis dunha vintena de variedades máis, con xenética maioritariamente autóctona galega. Entre as variedades que rexistrou o CIAM destacan, por volume, as froiteiras, cun total de 24 tipos de maceiras rexistradas e 18 de perales.
No primeiro dos grupos inclúense as mazás Camoesa do Inverno, Castaña e Marafonsa, así como distintas clases de Repinaldos, Peros, Tres ou Tabardillas. Mentres, no segundo están as peras Negras de Inverno, as Cabazas, as Santiaguesas, as Sevillanas e distintos tipos de Manteca.
Pementos de Piñeira
No tocante ás especies de horta, están rexistradas xa un total de 17 variedades conservadas no Banco de Xermoplasma do CIAM, entre as que resaltan os pementos de Padrón, do Couto, de Mougán, de Oímbra e da Arnoia, así como os recentemente incorporados Couto grande e Piñeira.
Neste grupo atópase tamén o tomate Negro de Santiago, o repolo de Betanzos e as cebolas de Betanzos, Ribadeo e Vilagarcía.
As mesmo, outras 22 variedades de horta están co procedemento de inscrición iniciado, como os casos dos pementos de Guindilla da Angustia e Ourense Verde, o chícharo da Cova e as leitugas de Feáns, Lugo e Miño.
Atópanse en ensaio especes como o pemento de Seixalbo ou os tomates Amadeo Monforte, Convento ou de Corno
Tamén en trámite están os tomates de Avoa de Osedo, Olimpia Ourense, San Lázaro ou Taller de Lubre. Mentres, están pendentes de solicitude por atoparse en ensaio o pemento de Seixalbo ou os tomates Amadeo Monforte, Convento ou de Corno.
Ademais, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo ten rexistradas catro variedades de forraxes —o dactilo Ártabro, o trevo Maragato e os ryegrass Ciami e Pomba—, dúas variedades autóctonas de trigo —Callobre e Caaveiro—, e outras tres de millo —Amurrio CIAM, Ponteareas e Aranga—, mentres outras tres deste tipo de gramínea están co procedemento iniciado.
Neste último caso, rexistrouse tamén un cruzamento de liñas puras procedentes de xermoplasma de Galicia por liñas americanas, así como varios híbridos de millo con material de orixe galega cultivados por agricultores da comunidade.
No banco de xermoplasma do CIAM —dependente da Consellería do Medio Rural— almacénanse 692 variedades autóctonas de millo da Cornixa cantábrica (529 de Galicia, 77 de asturias, 52 do País Vasco e 24 de Cantabria); máis de 2.300 ecotipos pratenses; 11 clases de pementos, 18 de tomates, 20 de cebolas, 12 de repolos, 3 de leituga e 63 de xudías; 195 variedades de trigos; 95 de centeo; catro de aveas e 3 de cebadas. No que respecta a froiteiros, nas súas instalacións custódianse 331 clases de mazás, 131 de peras e 15 de cereixas.
Deixa unha resposta