A rotación de forraxes ecolóxicos incrementa a producción de leite e disminúe custos

Unha investigación do Centro de Mabegondo mellora a producción das vacas e reduce o gasto en alimentación

Granxa de vacas.

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) está a desenvolver un campo de demostración na comarca da Limia para avaliar o comportamento produtivo de rotacións de forraxes ecolóxicas para a produción de leite.

O obxectivo, informou a Consellería  do Medio Rural, do que depende o CIAM, é contribuír a unha maior sustentabilidade das explotacións ecolóxicas da zona, a través do incremento da produción e da redución de custos na alimentación das vacas.

En concreto, as terras dunha explotación láctea de Allariz están a albergar unha acción deste proxecto, que parte da necesidade de buscar novas forraxes máis sostibles e rendibles para ofrecer como alternativa en zonas de produción intensiva como son as parcelas de regadío da comarca ourensá.

O traballo busca forraxes sostibles e rendibles como alternativa en zonas de produción intensiva

Así as cousas, nas terras de regadío da Limia púidose avaliar o rendemento e o valor nutricional do cultivo ecolóxico de tres especies forraxeiras de verán —millo, sorgo, pasto do Sudán e un híbrido de sorgo con pasto do Sudán—, establecendo unha rotación con cultivos de inverno constituídos por unha mestura de trevos anuais con raigrás. A maiores, analizouse a implantación de pastos mixtos a base de  gramíneas e trevos cunha composición botánica diversa.

Tras dous anos de probas, non só se constatou “un incremento da cantidade e da calidade das forraxes“, se non tamén “un aumento da produción do leite por vaca”, á vez que se reduciu o custo da alimentación dos animais.

Para consolidar a iniciativa, os traballos seguen actualmente adiante co obxectivo de reafirmar unha alternativa de cultivos a catro anos nas parcelas de regadío que integran rotación con prados. Así mesmo, búscase facer un seguimento e mellorar os pastos en terreos de secaño, explorando a posibilidade de introducir  leguminosas mediante técnicas de sementa directa e en superficie.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *