Dúas startups das dez finalistas do programa de aceleración de empresas de ViaGalicia, que impulsa Zona Franca de Vigo, están dirixidas ao sector gastronómico. Trátase de Sangría Republic e Tappear. A primeira é unha sangría feita por unha empresa viguesa dedicada só a isto, e a segunda unha aplicación para móbil enfocada ao sector da hostalería, que implica tanto a clientes como a negocios e a marcas. Con ela, unha persoa pode saber, en cada cidade, onde están os bares e que tapas ofrecen.
David Martínez leva moitos anos acumulados de experiencia no sector. No seu momento foi o creador do proxecto Paco&Lola de viño albariño. Levaba moitos anos traballando tamén para unha marca moi coñecida de cava catalán e tiña a sensación de que necesitaba un proxecto propio. Desde a súa experiencia viaxeira decatouse de que desde fóra de España existe ese ideal, en moitas partes, de que é o país do flamenco, a festa e a sangría. “Notamos que esa sangría que se bebía non era algo do que puideses estar orgulloso. Todo o mundo a coñece, pero non hai moi bo produto. Sen embargo, a nivel europeo só podes coller a denominación de sangría se está feita en España ou Portugal. Isto, con vistas ao mercado internacional, era moi interesante”.
Unha sangría galega soa estraño, pero non para o seu cofundador. “Cando fixen Paco&Lola e puxen lunares nun albariño dicían que estaba tolo. Unha empresa galega pode apostar por un produto como a sangría. Hai dez anos beber vermú era cousa dos nosos avós. Coa sangría pasa que non pensamos nela, que a deixamos só para os guiris. Non ten que existir unha limitación por sermos galegos. Somos unha empresa viguesa cun compromiso de galeguidade”.”
Segundo a opinión do creador de Sangría Republic, xunto a Pepa Formoso e Dominic Lombard, as regras do xogo xa mudaran noutros produtos do sector, como nas cervexas, cunha infinita variedade delas artesás, ou nas sidras, onde se pasou “dun gaiteiro a un ladrón de mazás”. A idea era adaptar as novas tendencias de consumo a un produto como a sangría, no que notaron que xa se deran pasos para intentar un cambio, pero faltaba aplicalos nas saborizacións.
“Decidimos facer unha sangría que sexa máis un refresco, facer sabores sen saír da normativa da sangría”
“O padal da miña xeración non é o mesmo que o dos que empezaron cando saíron as bebidas enerxéticas. Decidimos facer unha sangría que sexa máis un refresco. Os taninos do viño cando o empezas a beber, pois non gusta moito. Por iso apostamos por facer sabores sen saír do que é a normativa da sangría. Un 50% ten que ser produto vínico, só podes usar froitas cítricas e podes xogar coas especias. Non debes meter un pexego, pero si está permitido enriquecer con especias. Iso é o que nos diferenza do que hai, a capacidade de apostar por receitas e sabores”, di Martínez.
Sangría Republic elabora sangría con novas receitas patentadas en lata. Este formato individual considerouse o idóneo para evitar perder as burbullas que ten a súa sangría. Apta para celíacos, sen aditivos nin conservantes e creando distintas variedades: laranxa e canela; yuzu —a parte cítrica dun limón xaponés—, flor de Xamaica e vainilla; e pomelo, quinina e enebro. Ten 4,5 graos de alcol, que é o mínimo que pode ter para poder considerala sangría. De feito, pasa por ser a sangría con menos alcol do mercado.
Inverteron máis dun ano no desenvolvemento do produto e das fórmulas. Acadaron certificación de bebida ecolóxica e vegana. A comercialización da sangría comezou o pasado ano, e ademais de en España, venden en Reino Unido fundamentalmente, así como en Estados Unidos. Hai mercadoría lista para servir a Indonesia e a compañía está a ultimar flocos para fornecer a Australia e Tailandia.
Na busca das mellores tapas
Tappear é unha nova ferramenta para poder localizar sitios onde poder tomar algo preto de ti, brindando ao usuario a maior información posible. Trátase dunha aplicación participativa, na que tanto os usuarios como os donos dos locais poden subir fotos ou suxerir bares que aínda non estean dispoñibles. A idea é poder axudar ao tres actores implicados no proceso de ir tomar algo. Por unha banda, os usuarios poden atopar o mellor bar dunha forma rápida e sinxela, así como a través dos filtros facer buscas personalizadas. Para os bares supón unha ferramenta de captación e fidelización de clientes. Para as marcas tamén ofrece unha ferramenta de xeolocalización, o cal é moi útil para elas, porque o usuario pode saber, por exemplo, onde atopar a marca de cervexa que lle gusta.
Esta empresa galega, que traballa coa madrileña Quadram, encargada do funcionamento, comezou a súa andaina con Tappeargalicia no 2017. Nese proxecto xa estaba Nuria Domínguez, fundadora de Tappear xunto a Miguel Perille, un dos seus oito socios na actualidade. “Ocorréusenos a idea de facer unha aplicación para atopar eses sitios onde poñían tapas de balde ou de cortesía. Fixémolo case sen orzamento e sen coñecementos de programación. O resultado foi moi bo e así foi como desenvolvimos esta nova app e buscamos financiación para mellorala”, apunta Nuria Domínguez.
Na época da pandemia sofriron un revés coa hostalería pechada, pero decidiron coller un novo camiño, que foi enfocar a súa aplicación para que incluíse enlaces para os locais con servizo a domicilio. Iso foi o que lles permitiu manter usuarios nesta etapa. “Unha vez foi remitindo o confinamento foron os hostaleiros os que se empezaron a poñer en contacto con nós e viron que unha ferramenta como Tappear podía ser máis útil que nunca. Ao final, o que era unha desgraza converteuse nunha axuda”.
Os filtros permiten aotpar bares con tapa de balde, veganos, con doces, eventos deportivos ou terrazas
Os filtros ou tapps, como lle chaman nesta empresa galega, permiten que o usuario poida atopar a billa de cervexa que desexa nun bar. Logo teñen outros filtros como: tapa de balde, pet friendly —nos que che permiten levar a túa mascota—, opcións veggie —onde hai pratos veganos e vexetarianos—, bar doce —que son os de merendas ou almorzos—, partidos —daqueles bares onde poñen eventos deportivos—, cervexa artesá, terraza, sen glute, pago con tarxeta, wifi… E teñen pensado ampliar estas categorías proximamente. Ademais posúen unha sección de rutas para calcular cales son as que tes máis preto. As rutas son creadas polos propios usuarios de cada cidade.
As iconas que teñen para os filtros foron feitas por ReiZentolo. Así mesmo, o grupo de música Novedades Carminha permitiulles utilizar a súa canción ´Te quiero igual´ para o seu primeiro vídeo promocional.
Oportunidades da aceleradora
Entrar en ViaGalicia serviulles para interactuar con persoas doutros proxectos que estaban a facer cousas semellantes. Unha oportunidade para aprender e perfilar partes dos negocio nos que Nuria Domínguez recoñece que estaban máis verdes. Grazas a parte da aceleradora van poder facer unha serie de cambios na aplicación que sen esa financiación que recibiron non sería posible e que “serán moi importantes tanto para os usuarios como para os bares”.
Para poder levar a cabo o modelo de negocio que teñen en mente necesitan ter unha gran comunidade de usuarios. Tappear é unha aplicación que está presente en toda Galicia e que nas próximas semanas xa estará en funcionamento tamén en Asturias. Na actualidade levan máis de 20.000 descargas, teñen máis de 8.000 usuarios rexistrados e uns 2.400 usuarios activos ao mes, e máis de 1.000 bares dentro da plataforma só en Galicia. “A nosa idea é facer accións de marketing para, despois de Asturias, ir aumentando a toda a península. Empezaremos poras comunidades que teñen máis costume de tapear e así ata completar España”, conclúe Nuria Domíguez.
Deixa unha resposta