Patacas Bonilla volve facelo: aperitivo no vídeo do grupo k-pop de moda

Os mozos de TXT saborean no seu último clip o produto galego, que xa se promocionou no premiado filme ‘Parásitos’

Fíxoo con Parásitos e volveuno a facer con TXT, o grupo k-pop de moda. Corea non se lle resiste á marca coruñesa Bonilla a la vista. Se en xaneiro de 2020 conseguiu aparecer na película que arrasou nos premios Oscar, agora consegue coarse no último vídeo da boy-band de Seúl, que compite cos outros xigantes do xénero, os tamén coreanos BTS. Como ocorreu na longametraxe, a lata das apetitosas patacas incorpórase á narrativa do produto audiovisual, novamente nun de escala global, pero especialmente importante nun país, Corea, onde a empresa galega atópase plenamente consolidada.

A pandemia non afectou á capacidade de Bonilla para exercer a súa promoción a través do denominado  product placement, un traballo de mercadotecnia pagado no que a empresa contrata a presenza da súa marca en determinadas secuencias. Con Parásitos, a xogada resultou perfecta: a película acabaría gañando catro Oscars, entre eles o concedido á mellor película, e foi unha das grandes sensacións do ano. Nesta ocasión, fíxoo a través dun grupo emerxente cuxo vídeo, o do tema 0X1=LOVESONG (I Know I Love You), en colaboración con Seori, xa foi visto por máis de 20 millóns de persoas en apenas dúas semanas.

As patacas Bonilla chegan aos Oscar co filme coreano ‘Parasitos’

No primeiro videoclip do seu novo traballo discográfico, The Chaos Chapter: FREEZE, pódese ver claramente como un dos membros da banda entra na habitación cunha lata de Bonilla a la vista, a partir do minuto 2:30. A lata de patacas de Galica volve así a protagonizar uns segundos de metraxe nunha produción audiovisual coreana.

A pesar da variedade de formatos, como bolsas grandes e pequenas, no país asiático triunfan as famosas latas de medio quilo, distintivo da casa, segundo sinala César Bonilla, propietario da marca, coa mesma calidade pero con maior capacidade de conserva. É o formato no que aparece tanto en Parásitos como no vídeo de TXT.

Bonilla foi fundada en Ferrol en 1932 por Salvador Bonilla, pai de César Bonilla. Ten unha gran sona na cidade da Coruña, onde son unha referencia. A empresa leva case 90 anos dedicada á produción de churros con chocolate (conta con 6 locais propios na Coruña) e patacas fritas, o seu produto estrela, que logrou situarse como líder no mercado. Corea é o seu principal mercado exterior, onde a marca galega vende preto de 4.000 quilos de patacas fritas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *