Os 20 proxectos que chegan para resolver os retos da industria alimentaria

A aceleradora do clúster do sector aproba iniciativas innovadoras para dar resposta aos desafíos máis inmediatos

A aceleradora do sector alimentario de Galicia, promovida pola Xunta de Galicia e coordinada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), creou cinco  startups e dinamizou un investimento directo de máis de 400.000 euros na comunidade galega. A través de Business Factory Food (BFFood), na que participan empresas de referencia na industria alimentaria, xeráronse 29 novos postos de traballo relacionados coa transformación dixital e a industria 4.0 no sector alimentario, dos cales un 30% foron ocupados por mulleres.

Dos 20 proxectos que participaron ata o momento en BFFood, 14 fixérono no programa de aceleración e 6 no de consolidación. Estes programas de apoio da aceleradora ofreceron en total 128 horas de formación, 416 horas de coaching e 210 horas de  mentoría.

Foron máis de 120 as candidaturas recibidas, tanto a nivel nacional como internacional, ás dúas edicións realizadas ata o momento. Na actualidade, a aceleradora atópase á procura de novos proxectos innovadores de emprendemento para facer fronte aos retos do sector.

Aberta ata o 11 de xaneiro a III edición

As  startups, entidades e empresas que teñan unha idea innovadora con impacto no sector dos alimentos e as bebidas poden presentar as súas candidaturas á tercera edición do programa de aceleración e consolidación, a través da web bffood.gal ata o próximo 11 de xaneiro de 2021 ás 14 horas.

Os retos expostos nesta terceira edición aos que os proxectos deben dar resposta son: dixitalización e automatización; trazabilidade, calidade e seguridade alimentaria; loxística; sustentabilidade e packaging; desenvolvemento de novos produtos; innovación de procesos e comercialización; e solucións fronte á Covid-19.

Tamén, exponse un reto aberto para calquera proxecto aplicable á industria que supoña a introdución dalgún tipo de innovación ou mellora.

BFFood

A aceleradora ofrece aos proxectos seleccionados un completo programa de apoio para o seu impulso no sector alimentario en función do seu grao de desenvolvemento, de nove meses de duración para a fase de aceleración e de doce meses para a de consolidación. Así, terán acceso a formación, medios e servizos técnicos, coaching e  mentoría con expertos de empresas líderes na industria galega.

Empresas tractoras

Nesta terceira edición, son Bodegas Martín Códax, Cafés Candelas, Calvo, Clavo Food Factory, Congalsa, Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN), Gadis, Galacteum, Kiwi Atlántico, Larsa, Lence (Grupo Leche Río), Nueva Pescanova, Quescrem, Torre de Núñez e Viña Costeira as empresas tractoras que se encargarán deste proceso de mentoring.

Tamén, os proxectos seleccionados no programa de aceleración terán acceso a apoio económico por parte da Axencia Galega de Innovación (Gain) de 25.000 euros a fondo perdido e dun préstamo participativo, que podería conlevar unha opción de capitalización, de ata un máximo de 50.000 euros, a través de XesGalicia. Pola súa banda, no programa de aceleración poderán dispoñer dun préstamo participativo con opción de capitalización de ata un máximo de 250.000 euros por parte de XesGalicia.

Business Factory  Food é a aceleradora do sector alimentario de Galicia, impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia e empresas de referencia na industria alimentaria. Busca atraer e impulsar proxectos innovadores de emprendemento, tanto nacionais como internacionais, para facer fronte aos retos do sector nunha contorna global.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *