Casa Obdulia non é un restaurante calquera. É o negocio do chef Juan Manuel da Cruz, que tras pasar polas cociñas de seis Estrellas Michelin, volveu á casa de comidas da súa nai para ofrecer pratos de alto nivel a baixo prezo. Agora volve a sorpender cunha iniciativa solidaria: convidar a cear aos traballadores de locais de ocio nocturno da súa cidade. Nun momento de crise sen precedentes, no que moitos destes negocios están tendo que botar o peche definitivo das súas portas, ao chef ocorréseulle levantar os ánimos dos hostaleiros a través dun xantar. Xuntar nunha ou varias mesas (pola normativa actual) aos camareiros, encargados, porteiros, propietarios… A todos aqueles que dan vida a locais que son bandeira das noites de Vigo, desas que agora están mortas polo toque de queda.
Dicía hai uns anos o chef peruano Gastón Acurio que a alta cociña reúne estética e ética. Un dos xefes de cociña máis reputados do mundo remarca que os cociñeiros non deben reducir o traballo “a un acto meramente lúdico”, senón entender que existen “unha serie de responsabilidades que non pasan pola estética, senón pola ética”. Juan Manuel de la Cruz, Dela, bebeu deses valores no seu paso por tantos restaurantes con Estrela Michelín. Esa necesidade de construír unha sociedade tamén desde a cultura gastronómica explicaría o seu acto de xenerosidade.
De la Fuente: “É unha forma de dicirlles que nos acordamos deles, de reclamar que se lles permita abrir coas medidas necesarias”
Os hostaleiros do ocio nocturno de moitos locais de Vigo xa eran clientes asiduos de Casa Obdulia e moitos deles amigos. Por iso o seu propietario, preocupado por ver como todos están a pasar por un momento de anguria, decidiu dar un paso á fronte. “Entereime de que algúns estaban a pasar un estrés tremendo polo que están vivindo, con enormes dificultades económicas para moitos. E decidín que quería dar este paso. Para min é unha forma de saber que nos acordamos deles. De reclamar que se lles permita abrir coas medidas necesarias. De ter un aceno coa súa desesperación. A min gustaríame que se eu estou nesa situación fixesen o mesmo por min”, comenta o cociñeiro.
Estas son as ensinanzas de vida que el recibiu no seu paso por restaurantes como o de Martín Berasategui ou de Hilario Arbelaitz. As de facer a cociña de toda vida, e as de ter unha responsabilidade coa súa contorna. Din que se namora polo estómago. Nunha desas ceas, Dela preparou un menú degustación acabando cun arroz de temporada de coello e cogomelos. “Para min era unha forma de que tivesen un día de alegría e que lles levantase o ánimo. O máis importante era que estivesen todos os empregados de cada local, e que ese fose un día de sorrisos arredor dunha mesa e dunha comida. Foi adiantar a cea de Nadal e conseguir que esquecesen por un día o mal que o están a pasar polos seus traballos.
Xa pasaron por alí os traballadores da Fábrica de Chocolate, Radar ou La Iguana, e na lista están os de Tokyo ou Ferré
Xa pasaron por alí os traballadores de locais da zona de ocio nocturno de Vigo de Churruca, como a Fábrica de Chocolate, Radar, La Iguana ou Mondo, pero tamén pasarán doutra zona como é o Areal, e na lista de convidados aínda están o Tokyo, Ferré, Atlanta… Coas novas restricións, as complicacións para facer esta xuntanza aumentan. Pero Casa Obdulia asegura que espera ata que sexa posible. Ao mediodía o restaurante vigués está sempre repleto. E pola noite, cos novos horarios para o que se tarda en servir un menú degustación, vai resultar máis complicado. Pero Dela non pensa tirar a toalla no seu querer botar unha man.
“Neste tempo eu vendín moitas copas que sei que moitos clientes irían tomar aos seus locais despois de cear no meu restaurante. Para min era unha sensación de vergoña estar servindo bebidas que eran para o seu negocio. Pareceume de xustiza devolverlles cun agasallo o ben que se portaron sempre comigo”, recalca Juan Manuel de la Cruz.
Marcos Vázquez, un dos propietarios da sala de concertos a Fábrica de Chocolate, foi un dos primeiros que acudiu a unha desta ceas de balde, unha iniciativa que sentiron como un detalle inesquecible. “Os locais de ocio nocturno adoitamos elixir datas estrañas para celebrar as ceas de Nadal. Como medida de apoio, Dela propúxonos adiantar este encontro pagando el todo. É a primeira noticia en moito tempo para nós que non é un drama. Aínda que sexa un hostaleiro que tamén o está a pasar mal, é sentir que alguén coida de nós”.
Unha homenaxe emotiva
En canto ao que foi en si a cea, admite que saíron coa sensación de que fora unha homenaxe gastronómica, pero ademais estivo cargada de emotividade, xa que había moito tempo que non estaban xuntos todos os empregados. “A relación con Casa Obdulia xa era de fidelidade, porque todo o mundo sabe da calidade deste restaurante, e do nivel espectacular da súa cociña, pero con esta filosofía e o seu apoio, cando teñamos oportunidade sabemos onde mandaremos aos nosos artistas a comer e a cear. Isto non o imos esquecer”.
Casa Obdulia naceu como unha pensión e unha casa de comidas para obreiros hai case 40 anos. Esta acción solidaria recupera a súa esencia, a de cando os seus comensais eran os traballadores do naval, de Vulcano e Ríos. Agora que os xefes e oficinistas do centro da cidade convertéronse na clientela habitual deste restaurante de barrio, e que a alta cociña convive co menú do día e a comida a domicilio, apareceu un xesto do pupilo de Arbelaitz e Berasategui do que seguro os seus mestres poderán estar orgullosos.
Deixa unha resposta