A crise do grelo chega á conserva: desabastecemento no supermercado

A alta demanda e a perda de agricultores que o traballen vacía de grelo enlatado as estanterías das grandes superficies

Plantación de grelos.

O grelo galego está en perigo de extinción. Son moitas as causas que nos poden explicar esta situación que pon en risco de desaparición a unha planta que se leva cultivando en Galicia desde o ano 3.000 antes de Cristo. Os principais motivos deste preocupante proceso dun símbolo do campo galego son dous: un aumento notable do consumo e un descenso importante dos agricultores que o plantan.

O aumento do prezo do grelo en fresco de setembro de 2019 a febreiro de 2020 supuxo un incremento de case un 300%, estando o feixe de grelos a 2,50 euros de compra directa. Dun tempo a esta parte o desbastacemento xa non é só do grelo en fresco, e chega tamén ao grelo de conserva, o que fai que en moitos supermercados apareza baleiro o seu lugar nas estanterías. As conserveiras xa non son quen de cumprir o que o mercado está a demandar.

A conserveira vexetal con máis anos de existencia en Galicia é A Rosaleira. A historia desta empresa comeza en 1934. Foi entón cando se fundou baixo o nome de Conservas de Vexetais José Sánchez García, polo que fora alcalde e mestre de O Rosal. Durante moitos anos foi a única de conservas vexetais, e segue tendo a honra de ser a máis antiga de Galicia. Nos seus inicios dedicábase ao tomate, á fritada e ao mirabel. En 1967 tomaron a decisión de facer grelos en conserva e desde entón constitúen o seu produto estrela e supoñen o 70% da súa produción. Introduciu no mercado un produto pioneiro e único: os grelos envasados en fresco e listos para cociñar.

O seu xerente, Luis de Lorenzo, asegura que levan anos arrastrando o problema actual do grelo e “a cousa está indo cada vez a peor“. 2019 foi un ano de mala colleita e subiu moitísimo o prezo do grelo en fresco. Isto levou a que se producise un aumento do consumo do grelo en conserva. “Agora mesmo o grelo que fabricamos pola mañá, sae pola tarde, está no andel do supermercado mañá, e pasado xa está vendido. Non temos ningún tipo de stock de seguridade”.

Conservas A Rosaleira: “A cosua vai a peor, o que distribuimos hoxe, pasado está vendido”

A este elevado consumo hai que engadir o que desde as conserveiras consideran o principal motivo do desabastecemento, un cambio xeracional na xente que cultiva o grelo, está deixando de ser plantado. “Estamos buscando novos agricultores. Se non damos un cambio, cada vez haberá menos grelos. Para iso é necesario que os agricultores tomen conciencia do problema. A nosa oferta é que a colleita que sementen imos recollela seguro nós. Por poñer unha comparativa, o mercado do grelo fresco é como un investimento en bolsa, que pode saír moi ben, pero no que hai unha gran volatilidade. O noso é como unha renda fixa, menos beneficios para o agricultor, pero unha maior seguridade”, afirma Luis de Lorenzo. Durante moitos anos os grelos desta conserveira procedían dos arredores de Santiago e de Ordes. No momento actual tiveron que facer unha expansión por Galicia en zonas da provincia de Lugo, Silleda ou mesmo onde teñen a súa sede, por O Rosal.

O grelo era un cultivo de rotación que aportaba os nutrintes á terra que che quita a pataca ou un cereal. Pero esa rotación perdeuse. Plántase o grelo pero non se recolle, pasan o tractor por riba. Non o recollen porque segue a facerse a man e iso ten uns costes altos. Hai persoas que se dedican á recollida de grelos porque así completan a súa pensión. Non botan conta das horas que pasan apañando nas leiras. Hai pouca xente que se dedique á recollida de grelos profesionalmente. Isto é o que demandan nas conserveiras, xa que esta falta de agricultores provoca que se está a vender moito grelo en fresco en Galicia que non é galego. “Vén do norte de Portugal, grelo de Madrid, de Córdoba, de Badajoz. As grandes superficies queren unha continuidade e non poden caer no desabastacemento. Hai conserveiras galegas que están comprando fóra de Galicia porque lles sae máis rentable. No noso caso non podemos porque temos o IXP, e o noso grelo debe ser galego”, comenta o xerente da Rosaleira, que foi unha das fundadoras da Indicación Xeográfica Protexida.

Misión Biolóxica de Galicia

Ninguén come o grelo en cru, polo que os donos das conserveiras saben que o seu ten moitas vantaxes, xa que é abrilo, botalo ao caldo e xa está listo. Da outra forma tes que poñer os grelos a escaldar e iso leva o seu tempo. A conserva ten outra cousa boa: ten un prezo fixo durante todo o ano. Tradicionalmente, cando se fai no Entroido, os consumidores queren partir do fresco, porque así a casa vai ulindo a grelo e a festa empeza antes. Elena Cartea, a directora da Misión Biolóxica de Galicia, di que non sabe se podemos falar do grelo como un superalimento, pero do que si está segura a investigadora é de que “deberiamos consumilo máis, e telo moi presente nas nosas dietas, non só no Entroido para facer o lacón con grelos”.

2019 foi un annus horribilis para o grelo. As continuas chuvias unha vez que se fixeran as sementes a medidados de setembro e no mes de outubro deixaron os campos enchoupados. A eses meses de chuvia seguiulle un tempo de xeadas que provocaron que se estragasen a meirande parte das colleitas. Se o tempo axuda, a colleita deste 2020 pode ser bastante mellor, despois de botar as sementes o pasado mes de setembro e neste mes de outubro. “A entrada de nabizas está sendo boa e cada día imos a máis. Este foi un verán moi seco, polo que estamos indo cuns 15 días de retraso con respecto a outros anos. Quero ser optimista co futuro. O triste é que as superficies que xa están comprando o grelo fóra de Galicia non van volver, salvo que vexan un provedor serio, e iso depende dun importante cambio”, conclúe o xerente de A Rosaleira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *