Na adaptación do grelo fixéronse cousas importantes nos últimos anos. De ser este un cultivo moi local, asociado á cultura galega, a colaboración entre investigadores do CSIC galegos e andaluces provocou que fosen quen de adaptar grelos procedentes de diferentes puntos de Galicia ás condicións climáticas de Córdoba ou de Alcalá la Real (Xaén).
Para isto fixeron estudos moi longos con diversas variedades, con distintas datas de sementa e tipos de cultivo, ata que conseguiron seleccionar aquelas variedades que eran idóneas para o clima cordobés e xienense, e conseguiron extrapolar o cultivo do grelo ao sur de España. En Córdoba xa hai agricultores que o están plantando de xeito ecolóxico, e tamén atopamos restauradores que o están a introducir como novo produto na oferta dos seus restaurantes.
Chámanlle grelo cordobés a esta variedade que ten orixes galegas. “Aínda que alí está adaptado ao clima, ás condicións do chan e a temperaturas moi extremas, porque en Córdoba vai moita calor pero tamén teñen invernos moi fríos, esas variedades son de procedencia galega. Independentemente de como o vendan, en orixe seguirá sendo grelo galego”, comenta Elena Cartea, directora da Misión Biolóxica de Galicia.
O investigador Antonio de Haro, do Instituto de Agricultura Sostible e membro do CSIC en Andalucía, fala deste grelo cordobés e das posibilidade que tamén atoparon na experiencia de Xaén. “Trátase dunha planta galega que se adaptou perfectamente ao noso clima. Pensamos que había que ampliar os cultivos mediterráneos, e no grelo atopamos unha planta moi interesante desde o punto de vista nutritivo e medicinal. Ten as mesmas propiedades que o grelo galego, que case se pode considerar como un superalimento.”
A calor de Córdoba e os seus fríos invernos non impediron o cultivo dos grelos como tampouco na provincia de Xaén
Desta forma está a facerse un primeiro estudo da adaptación de variedades de nabizas e grelos tamén na localidade xienense de Alcalá la Real. A primeira fase do ensaio está a permitir comprobar a resistencia do cultivo fronte ás xeadas, que foi maior nas variedades tardías que nas temperás. O primeiro ensaio fíxose sementando distintas variedades e con diferentes datas de sementa. A primeira data de sementa, en setembro de 2018, tivo un desenvolvemento “moi bo”, e estase analizando agora o seu comportamento fronte ás xeadas. Os resultados van determinar cambios a introducir en próximos ensaios con distintas variedades e datas de sementa.
Segundo explica Antonio de Haro, “cando xa hai resultados de traballos previos en Córdoba, onde se puxo en cultivo no Val do Guadalquivir, queriamos estudar agora como cultivalas en Alcalá la Real, cun clima máis frío”. O obxectivo é producir material hortícola e sementes de crucíferas que “sabemos que teñen propiedades de protección fronte ao cancro, como a semente de plantas de nabizas e grelos”. Ademais, búscase “cultivar produtos en Alcalá la Real e poder utilizalos como alimentos de proximidade para usalos en cociña”.
O cociñeiro Juanjo Ruiz introduciu na súa carta un prato típico cordobés, os maimones, empregando grelos en lugar de espinacas
Juanjo Ruiz, cociñeiro de La Casa de Manolete Bistró, é un dos chef cordobeses que xa adaptou na súa cociña o grelo cultivado en Andalucía. Para iso, por exemplo, preparou unha receita clásica da gastronomía andaluza e de orixe árabe como son os maimomes cordobeses, introducindo o grelo, cando tradicionalmente elabóranse con espinacas. No programa ‘Aquí la tierra’ de Televisión Española realizou unha variedade deste prato con grelos cordobeses.
Aínda que o grelo é un cultivo tipicamente galego, existen variedades semellantes noutras zonas do mundo. En Asia cultívase brassica rapa. En Sicilia e no sur de Italia chámanlle cima di rapa. Existe unha verdura parecida en Portugal, da familia brassica , pero non é igual. Podemos atopar distintas variedades por toda a zona atlántica, mais non son como o grelo.
Trátase de variedades semellantes ao grelo con outro hábitat. Sabemos que o grelo ten un hábitat de distribución bastante amplo. Adáptase moi ben ao clima galego, porque necesita frío pero non demasiado. O problema das xeadas moi fortes non son tanto as baixas temperaturas, senón que moitos días continuados de xeadas poden acabar matando a planta. Por este motivo, hoxe en día non é un cultivo que se adaptaría no norte de Europa, pero si que teñen unha adaptación moi boa a zonas do sur europeo, e por iso contan cunha distribución xeográfica moi ampla.
Neste século diversos científicos galegos realizaron investigacións sobre as propiedades dos grelos. Tamén estiveron involucrados nun proxecto europeo no que participaban Portugal, Italia, Suecia, Alemaña, Reino Unido e España. Neste caso fixeran un traballo que incluía a outras verduras, como o repolo, as verzas ou o brócoli, amais do grelo. “O que fixemos foi repartir en todos os países unha variedade na que traballar, e no caso de España traballamos co grelo pola experiencia que xa tiñamos”, conclúe Elena Cartea, xefa do grupo de mellora, xenética e bioquímicas das brásicas na Misión Biolóxica de Galicia.
Deixa unha resposta