Os tres soles Repsol de Culler de Pau: “Isto é unha historia de amor”

Javier Olleros iguala o galardón de Casa Solla nuns premios que distinguen a 24 restaurantes de Galicia

O cociñeiro Javier Olleros co seu premio da Guía Repsol

A Guía Repsol 2020 recoñeceu con tres soles, o seu máximo galardón, aos restaurantes Lles Cols, de Fina Puigdevall, en Olot (Xirona), e ao galego Culler de Pau, de Javier Olleros, no Grove (Pontevedra). Os galardoados afirmaron ser “convencidos defensores” dunha cociña sostible na que o territorio reflicte a “idiosincrasia” e os principios de quen o habita. A guía destaca que Olleros e Amaranta Rodríguez (socia e xefa de sala do restaurante) despregan a elegancia “intimista” da Galicia “máis intelectual” no seu restaurante do Grove.

O premio fixo que Javier Olleros expresara a súa felicidade polo galardón e deixou unha mensaxe de agradecemento pero tamén de cambio de rumbo na gastronomía. “O noso é unha historia de amor por un lugar e do amor dunha parella que nos levou a facer este proxecto que se chama Culler de Pau. Isto é posible grazas a toda a xente que está detrás, o equipazo, a toda esa familia que son os produtores, os comensais, que para eles vai dirixido o noso traballo. Isto débese traducir en que nos visiten, que veñan a nosa terra, e en que a historia se dirixa hacia Galicia”.

Os tres soles de Culler de Pau fan que Galicia teña agora dos espazos de restauración distinguidos co máximo galardón xa que iguala os tres que tiña e conserva Pepe Solla con Casa Solla. Ademais estréase con dous soles o restaurante A Tafona situado en Santiago de Compostela. A cociña de Lucía Freitas xa conta tamén cunha estrela Michelin.

Dez restaurantes galegos foron distinguidos con dous soles da guía gastronómica, e doce establecementos máis cun sol

Para ter unha idea do nivel que se require basta sinalar que con tres Soles Repsol só hai 39 restaurantes en toda España (en Galicia Casa Solla, de Poio, e Culler de Pau, en O Grove) e con dous Soles Repsol hai 154 máis. En Galicia son dez: A Tafona (Santiago de Compostela), Bido (A Coruña), D’Berto (O Grove), España (Lugo), Maruja Limón (Vigo), Pepe Vieira (Raxó-Poio), Retiro da Costiña (Santa Comba), Yayo Daporta (Cambados), Árbore da Veira (A Coruña) e Nito en Viveiro.

Estréanse cun sol guía repsol os restaurantes O´Pazo de Padrón, Ríos O Freixo e Salitre da Coruña, así como Eirado da Leña de Pontevedra e Silabario en Vigo. Coas novas incorporacións Galicia suma 24 restaurantes distinguidos na Guía Repsol: dous con tres soles, dez con dous, e doce cun sol.

Este ano a Guía Repsol distinguiu un total de 102 restaurantes, repartidos en dous con tres soles, 23 con dous soles e 77 que se estrean cun sol. Ademais, nesta edición o recoñecemento realizouse tras un cambio no sistema de cualificación, que se desenvolveu xunto co  Basque Culinary Center e que implicou valoracións de 50 inspectores, con máis de 1.300 restaurantes visitados en todo o país durante 2019.

Como parte do novo sistema de cualificación incorporáronse parámetros como a sustentabilidade, o quilómetro cero, a integración, a economía circular ou a esencia coherencia dos proxectos, que se reflicte tanto nas súas cociñas como na posta en escena e adega.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *