Menús variados, racións pequenas… Consellos para non engordar en corentena

Calcúlase que as persoas incrementarán o seu peso en confinamento entre tres e cinco quilos

Os legumes teñen un tempo de almacenamento longo e unha boa achega nutricional.

Planificar os menús semanais e a realización de polo menos unha hora de actividade física en familia cada día son claves para tentar evitar o aumento de peso durante o período de confinamento no estado de alarma a causa do Covid-19. Así o indican desde a Sociedade Española de Obesidade (SEEDO-SSEO), que estima que durante este período o incremento de peso podería oscilar entre tres e cinco quilos de máis por persoa.

“Hoxe máis que nunca, pola nosa saúde, é necesario establecer un plan estruturado de orde de comidas, menús saudables e práctica de exercicio físico á que hai que sumar aos máis pequenos da casa, xa que os nenos son un dos colectivos que experimentan unha diminución máis brusca da súa actividade física debido ao confinamento. É fundamental, por tanto, evitar o sedentarismo extremo da poboación pediátrica”, afirma o presidente da sociedade, o  doctor Francisco Tinahones.

O obxectivo é, por tanto, manter o peso e evitar posibles cadros de alimentación deficientes durante o illamento. Para iso, desde a entidade achéganse unha serie de recomendacións para lograr unha rutina saudable durante o período de confinamento. Planificar os menús permitirá que sexan nutricionalmente saudables que deberán ser variados e en racións pequeñas, xa que o gasto  calórico non será excesivo durante o confinamento. Evitar compras compulsivas é outro dos consellos prácticos.

Recoméndase consumir polo menos dúas racións de verduras e hortalizas cada día, ben como prato principal ou como guarnición

Recoméndase consumir polo menos dúas racións de verduras e hortalizas cada día, ben como prato principal ou como guarnición, principalemente frescas pero tamén conxeladas, para evitar saír frecuentemente á rúa. Sen esquecer o consumo de legumes, xa que teñen un tempo de almacenamento longo (sexan na súa opción crúa ou precociñada) cunha boa achega nutricional, podendo inxerirse polo menos tres veces por semana como prato principal ou acompañamento.

Para os primeiros pratos lémbrase que o consumo de carne vermella debe limitarse a unha vez por semana, polo que o peixe e as carnes brancas son as mellores opcións. E para a sobremesa, optar pola froita, xa que a hai de tempada que aguanta períodos de almacenamento relativamente longos como a laranxa, as mandarinas, as mazás ou as peras. Sen esquecer a auga como bebida prioritaria, para manter un bo estado de  hidratación. Tamén é improtante utilizar métodos de cocción saudables como plancha, vapor, fervido e forno, con aceite de oliva extra virxe como graxa principal.

“Durante todo este tempo que deberemos permanecer nas nosas casas é fundamental tentar afastar a comida como método de distracción, e só o lograremos mantendo unha rutina de actividades. O sofá é o peor aliado para evitar a obesidade, xa que implica menos actividade física e moitas veces picoteo e consumo de produtos e bebidas pouco saudables”, explica Tinahones, quen sinala que manter a mente ocupada é o mellor remedio para non deixarse levar pola ansiedade que pode orixinar o illamento.

Actividade física

E nesta rutina de actividades é fundamental incluír polo menos unha hora de actividade física en familia cada día, adaptando os exercicios, repeticións, velocidade e descansos ás posibilidades de cada persoa. Pódese contemplar a opción de ximnasia para a familia poñendo vídeos, facer exercicios de forza con pesas ou utilizando o propio peso corporal, bailar ou, se se dispón da posibilidade, utilizar a bicicleta estática ou a cinta de correr. Pero sempre aplicando cada rutina de maneira estruturada e, na medida do posible, no mesmo horario todos os días.

Desde a SEEDO lémbrase tamén a importancia de que a poboación con exceso de peso (un 30% en España) extreme as medidas de protección, xa que as persoas con obesidade, xunto coas que padecen diabetes, hipertensión arterial, problemas de corazón ou cerebrovasculares son grupos de risco ante o Covid-19. Isto débese a que son pacientes que teñen unha resposta inmune deficitaria o que aumenta as súas probabilidades de desenvolver unha pneumonía vírica grave.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *