Pío Baroja estaba persuadido de que comer carne facía medrar a pulsión sexual. Deixou plasmada esta crenza -amplamente dominante na mentalidade tradicional- na súa obra literaria. Examinemos a cuestión.
A doutrina católica definía a abstinencia de carne como a virtude, do xénero da templanza, que regula razoablemente a privación voluntaria de certos alimentos. Santo Tomás partía do principio de que toda actividade humana estaba acompañada dun gozo que, baixo a forma de apetito ou “concupiscencia” representaba un pulo providencial cara á acción que garantía a satisfacción das funcións esenciais da criatura humana. Estas eran basicamente dúas: a de conservación e a de propagación. Deste xeito, as necesidades radicais do home traducíanse nas dúas concupiscencias máis apremantes: o anceio da comida e da bebida, e o apetito sexual.
A templanza, que preside e regula estas actividades, tiña de ordenar a forza excepcional de ambas as dúas concupiscencias. A abstinencia presentábasenos así como a instancia rectificadora da concupiscencia da comida e a bebida, é dicir, como a virtude que presidía e regulaba a actividade de conservación, e a castidade como a virtude que ordenaba o desexo e o exercicio da actividade de propagación. Neste senso, o xaxún era o acto máis típico da virtude da abstinencia e, como contrapartida, o pecado da gula era o vicio que se lle opuña.
Quen se abstiña conservábase con maior facilidade casto, mentres que o intemperante en comidas e bebidas predispúñase así á luxuria
Neste esbozo de moral cristiá da nutrición que realizou “El Anxélico”, se establecía un nexo entre abstinencia e castidade. En efecto, na súa concepción, a abstinencia debería ordenar os actos humanos de cara á consecución da castidade. Profundizando o dominio da alma sobre os sentidos, a abstinencia aportaba unha maior enerxía que posuía virtualidades tamén no eido da sexualidade, posto que, quen se abstiña conservábase con maior facilidade casto, mentres que o intemperante en comidas e bebidas predispúñase así á luxuria. Se é que o desenfreo alimentario non era de seu un sutil sucedáneo dela, como ten apuntado algún teólogo, que exemplificaba esta interpretación aducindo o seguinte: “No en vano muchas aventuras sexuales han empezado tras una copa de champán, y ciertas orgías tras un suculento banquete”.
Establecíase unha clara relación entre a vixilia, a abstinencia e a continencia. En efecto, en principio, en Occidente, a vixilia levaba consigo outras prácticas espirituais ademais da abstención de carne, que en parte se referían ó dominio da moral sexual. Peter Burke precisaba que a doutrina eclesiástica prescribía a abstinencia de carne e ovos, ademais da renuncia ó teatro (aínda na película Los Farsantes, de Mario Camus, ambientada no ano 1953, atopámonos cuns actores que non podían actuar os vernes de coresma) e outras diversións e, por suposto tamén ás prácticas sexuais.
O viño deixou de ser obxecto de abstinencia xa na Idade Media
E aínda que isto o autor non o sinala, engadamos pola nosa banda que tamén o viño era materia de abstinencia. Pero co viño tiveron os nosos devanceiros maior fortuna que con outros artigos e, a pesar de ser considerado como un producto incuestionablemente quente, deixou de ser obxecto de abstinencia xa na Idade Media. Sendo pois lícito o seu consumo en todo tempo non poderá extranar que nin siquera fallase nas mesas das congregacións relixiosas, a dos monxes bernardos, por exemplo, nas que xa na Idade Moderna tomábase o viño nos días de abstinencia; e, por certo, que nunha cantidade similar ás restantes ocasións.
Agora ben, o tempo da Coresma tiña máis aristas, como temos suxerido. Un dos relatos máis suxestivos pola súa riqueza antropolóxica, producidos na cultura galega, As aventuras de Alberte Quiñoi, de García Barros, revelaba o significado xeral, a atmosfera vital, que tiña a Coresma vista dende a perspectiva dunha aldea estradense, á altura de 1880, e máis concretamente dun neno: “A Coresma siñificaba aúnos, vixílias, caldo con aceite, doutrina, confesón, longos rezos pola bulda, cousas todas elas que o non lle daban máis que tristura. Era ademais privación de todo adevertimento. Non se podía chifrar no pínfano, nin asubiar muiñeiras ou pateados ou calquer marcha daquelas que se prenderan ó oído indo tras das mascaradas”.
A explicación que daba apousaba na consideración da carne como algo que espertaba máis a sensualidade que outro tipo de alimentos
No século VII, Isidoro de Sevilla afirmaba que a vianda tiña uns efectos calorosos que encendían a luxuria e alimentaban todos os vicios. O Dictionnaire de théologie catholique, publicado en Francia a comezos do século actual, sinalaba que a prohibición da carne non era debida a unha aversión inxustificada verbo da vianda, nin a un respecto supersticioso polos animais, como no budismo e no brahmanismo. A explicación que daba apousaba na consideración da carne como algo que espertaba máis a sensualidade que outro tipo de alimentos.
Tamén os médicos e hixienistas participaban, aínda no século pasado, desta mentalidade. O moi reputado hixienista Monlau, por exemplo, sinalaba que a alimentación animal activa o conxunto das funcións e “dispone al amor, á la cólera y á las demás pasiones llamadas exaltantes”.
A privación da carne como penitencia corporal
González Alcantud ten reparado en que na Alta Idade Media quedou enraizado un ideal ascético herbívoro, en contraposición flagrante coa carne putrescible, metáfora da condición efémera da parte animal do ser humano. A privación de carne era considerada polo pensamento relixioso como unha penitencia corporal que o predispuña, deste xeito, para a penitencia do espírito, leitmotiv da Coresma. “Los Apóstoles instituyeron la Cuaresma, y la Iglesia ordenó muy luego los Ayunos -proclamaban as autoridades relixiosas ourensás- para templar los ardores de las pasiones” e compensar os excesos pecaminosos. A frase latina que invocaba a Igrexa: “Jejunium animabus corporibusque curandis salubriter institutum est” referíase, dende logo, ó saneamento do corpo, que se dicía buscar, ó propio tempo que o da alma, e tiña o sentido moral de purgalo das súas exaltacións.
Pero esta pretensión de cura ou saneamento só remotamente se pode considerar emparentada coa moderna concepción terapéutica, entendida como mellora ou optimización da saúde corporal. En efecto, todo parece indicar, ó cabo, que desde a óptica relixiosa o precepto da abstinencia de carne perseguía a saúde do espírito pero non consta que tomase en consideración tamén a consecución do saneamento do corpo: “Porque el Ayuno corporal se endereza al espiritual”, estipulaban as constitucións sinodais compostelás. A carne era considerada pola mentalidade común da que participaban as autoridades relixiosas como un alimento óptimo para a correcta nutrición do corpo, e estaba ben xantala abondosamente. O único problema era, en todo caso, dispor de recursos económicos para podelo facer.
Os hixienistas do século XIX sostiñan que a dieta cárnica era moi reparadora e substanciosa, aumentaba a tonicidade e facía medrar a forza física
A medicina oficial non difería da concepción que vimos de sinalar verbo da virtualidade nutritiva e vigorizadora da carne. En efecto, a doutrina dos hixienistas do século XIX sostiña que a dieta cárnica era moi reparadora e substanciosa, aumentaba a tonicidade e a firmeza das carnes, facía medrar a contractilidade dos tecidos e a forza física, activando todas as funcións. E tamén acreditaba nos efectos terapéuticos positivos da privación temporal de alimentos, en certas circunstancias, o que recibía a denominación de “xaxún natural”.
En consonancia con isto, estimábase que, en determinados casos, podía ser conveniente prescribir a supresión da carne en xeral, ou de certas clases como as vermellas, ou ben reducir a súa dose, na dieta dos doentes, en orde a non contrariar as peculiaridades fisiolóxicas de certos organismos febles ou debilitados por determinadas enfermidades. Deste xeito, podía ser desaconsellable para determinadas doenzas, que non parece que fosen moitas, por mor de que os organismos febles podían verse perturbados por un alimento demasiado vigoroso.
Os vellos e os traballos intelectuais
Así, as persoas que tivesen problemas dixestivos debían ter en conta que a carne era un alimento de dixestión ardua, xa que: “La carne de los mamíferos adultos tiene por base de composición la fibrina. El alimento fibrinoso es el que más estaciona en el tubo digestivo, el que más ejercita las fuerzas gástricas, el más trabajado por el canal digestivo, y el que deja menos heces”. E deberían ter tamén cautela os vellos e aqueles que realizaban traballos intelectuais, na súa suposta calidade de débiles de estómago: “El estómago, sin cesar distraido de sus operaciones por los trabajos de la inteligencia, rara vez tienen mucha energía en los literatos. Un estómago débil sigue a los doctos (se ha dicho) como la sombra al cuerpo”.
Así as cousas, semellaba claro que lles acaían mellor os alimentos lixeiros, peixes, legumes herbáceas e unicamente as carnes brancas ou de pluma. As persoas de natureza feble, ben fosen por causas estruturais ou circunstanciais, debían ser prudentes na inxestión de alimentos e bebidas, inclinados á abstinencia e ó xaxún: “Serán muy sobrios en el comer: la sobriedad es la madre del talento. Newton se puso al régimen exclusivo de pan y un sorbo de vino durante todo el tiempo que destinó á escribir su magnífico tratado de Óptica; y lord Byron solía purgarse, y ayunar, cuando quería dar forma humana á sus divinas inspiraciones”.
Esta sobriedade debería ir acompañada do repudio das paixóns, especialmente do coito desmedido e sobre todo do onanismo
E esta sobriedade debería ir acompañada do repudio das paixóns, especialmente do coito desmedido e sobre todo do onanismo, pois: “Tal es la importancia trascendental de la continencia, que los antiguos hacian derivar el nombre del héroe del de erôs, amor, como queriendo significar que sólo llegaba á héroe el que dominaba el erotismo”.
Todo isto se enmarca na moral terapéutica da moderación, a temperancia, na que se rexistra unha nidia asociación entre a templanza na dieta e a continencia sexual, ambas imprescindibles para a saúde do corpo e a performance intelectual e moral.
E outro tanto acontecía co xaxún. En efecto, seguindo os criterios hipocráticos (“Optimum medicamentum est cibus opportune datus”) o doutor Monlau opinaba que a abstinencia incompleta, ou de pouca duración, que era a verdadeira templanza, podía ser moi favorable á saúde. E a abstinencia máis ou menos completa, no estado de enfermidade, producía efectos case sempre vantaxosos: “La abstinencia deja descansar el aparato digestivo, y activa, por ejemplo, la absorcion intersticial; y hé ahí por qué la dieta, ó sea, la privacion de substancias nutritivas, favorece tanto la resolucion de las enfermedades, y sobre todo de las enfermedades agudas”.
Propiciadora de templanza
Polo demais, a alimentación que excluíse a carne, a vexetal, por exemplo, era máis propiciadora da templanza, posto que “es menos substanciosa y nutritiva que la animal” —proclamaba o discurso da medicina oficial— e, polo tanto, adoitábase considerar que facía ós homes máis doces, indulxentes e humanos, “pues no hay duda en que una abstinencia parcial y medianamente prolongada, una alimentación vegetal, la privacion de licores fermentados, etc., castran el aguijón de las pasiones”.
Pola súa banda, a dieta píscea (aínda que era considerada “algo calida e afrodisíaca”, pola opinión médica antiga, e isto é en certo modo un paradoxo) nutría sen excitar, polo que conviña as persoas que habían mester de reparación sen estímulo. Era considerada menos nutritiva que a cárnica e máis suculenta que a vexetal, “es un término medio que casi á nadie daña, y que se permite, hasta á los convalecientes”.
O predominio desta concepción explica a extraordinariamente rara meción do peixe nos antiguos documentos eclesiásticos
O predominio desta concepción pode ser un factor explicativo do feito de que fose extraordinariamente rara a mención do peixe nos antigos documentos eclesiásticos, o que induce ós investigadores a pensar que non estaba catalogado entre os alimentos prohibidos. Pola súa banda, santo Tomás xustificaba, na Summa theologica, a facultade de poder comer peixe sen cortapisas argüíndo que excitaba menos as paixóns que a carne. Hai que agardar ó século actual para atopar unha valoración diferente do peixe. Así, nun tratado científico sobre alimentación dos anos corenta, asinado por Gregorio Marañón, sinalábase que: “El valor calorígeno de la carne de pescado es, en su conjunto, comparable al de la carne de los carnívoros”.
En contraste, a medicina popular galega, pola súa banda, era rarísimo que suprimise a carne da dieta dos doentes como recurso terapéutico. Pola contra, neste tipo de medicina aparecen múltiples receitas nas que se recorría ó xaxún natural como propedéutica purificadora para efectuar determinados ritos curativos. Así por exemplo, para curar a ictericia, dábanlle ó doente en estado de xaxún unha infusión de estrugas e ruda durante nove días seguidos.
Deixa unha resposta