A pataca cen por cen galega que triunfa en Alemaña

Unha empresa de Xinzo estrea un produto feito só con tubérculo que leva o selo da Indicación Xeográfica Protexida

As patacas Jaly´s levan un proceso artesán de selección no envasado

A pataca galega está de moda. Se hai pouco eran as ‘Bonilla a la vista’ as que aparecían na gañadora do Oscar a mellor película deste ano, ‘Parasitos’, e conseguían converterse nunha marca recoñecida en Corea do Sur, agora son as Jaly´s de Xinzo de Limia as que pretenden conquistar Alemaña e outros mercados europeos. O seu tirón comercial é ben simple: pataca de Galicia. Estas son as primeiras patacas fritas españolas elaboradas exclusivamente con tubérculo amparado polo selo de calidade da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pataca de Galicia.

Aceite de oliva virxe extra e sal mineral do val de Añana (que tamén ten a súa propia denominación de orixe) é todo o aderezo que levan. Ademais empregan unha bolsa que din é irrompible. Este tipo de envase lográrono despois dun longo proceso de investigación. Isto é o que lles permite garantir a frescura da pataca como se fose acabada de fritir durante seis meses. Con este tipo de envoltorio poden envialas en avión, o que beneficia a exportación do produto.

Desde hai tres semanas son a primeira empresa que elabora pataca frita con base de pataca galega. A diferenza da maior parte da pataca frita do mercado, esta é en base á variedade Kennebec, a única amparada polo consello regulador e non a agre, a máis frecuente para frituras. Esta variedade non é unha pataca propiamente destinada á industria, porque o seu rendemento de fritura é malo. Sen embargo, a súa calidade e sabor son espectaculares. “Por iso nós apostamos pola calidade e por diferenciarnos das outras empresas do sector e decidimos procesar pataca de Galicia”, comenta Pablo Fernández, que é o máximo responsable da empresa e do proxecto.

As tixolas nas que se friten as patacas levan 800 litros de aceite

As tixolas nas que se friten as patacas levan 800 litros de aceite cada una delas

Alemaña, Francia e Países Baixos son os primeiros mercados exteriores aos que esta empresa galega xa chegou. Pablo Fernández pasa estes días en Portugal abrindo tamén alí un novo mercado. En Alemaña está tendo un éxito rotundo en boa parte grazas ao bo número de emigrantes galegos que existen neste país. Agora mesmo teñen dous puntos de distribución alemáns, que son Berlín e Franckfort. Desde aí comeza a distribución por todo o país grazas a unha empresa xermana que tamén conta con raíces galegas. “Hai moito galego emigrante que está comprando as nosas patacas, pero tamén moito belga que se achega a Alemaña. Vendemos en tendas gourmet especializadas”.

Para poder triunfar neste mercado xermano, desde Jaly´s recoñecen que implica moita promoción e que este é sempre un proceso complexo. O seu gancho comercial está no feito de ser “unha pataca galega”. Non teñen aínda o tirón das Bonilla, pero admiten que o éxito da marca coruñesa tamén pode servir de estímulo para as patacas limiás. “Bonilla estivo no momento e no tempo adecuado. Iso a nós tamén nos beneficia, porque somos empresas galegas e significa un tirón de cara ao exterior”.

O bo número de emigrantes galegos que viven en Alemaña potencian o consumo desta pataca en terras xermanas

Este pataca ten pouco que ver coas que normalmente consomen os europeos. Case todas as patacas que hai en Europa teñen procesos moi industrializados. “No noso caso trátase dunha fritura cunha tixola como a da casa, pero en dimensións enormes, porque levan 800 litros de aceite cada unha delas. Teñen un sabor artesán, como pataca feita na casa, e o mercado grazas ao sabor ábrese só”, apunta o seu propietario.

Bolsa de patacas Jaly´s coa IXP de Pataca de Galicia

Bolsa de patacas Jaly´s coa IXP de Pataca de Galicia

A empresa de Xinzo é pioneira na comercialización de produtos con selo IXP transformados. Ata chegar aquí tivo que superar un longo proceso burocrático para conseguir os permisos de etiquetaxe e empaquetado do novo produto. «Empezamos hai nove meses e tivemos que salvar moitos controis. Os requisitos son moi severos, pero a acollida está a ser espectacular», conta o dono de Jaly´s. A previsión é sacar ao mercado unhas 500.000 bolsas de 150 gramos este 2020.

E o prezo? Avanza que é un pouco máis elevado cá media das bolsas de patacas, que andan polos 1,20 euros. Custan sobre 1,80-1,90 euros. «Son un pouco máis caras, pero tamén estamos a falar dunha pataca de moita máis calidade. A pataca de Galicia é un 20% máis cara que calquera outra pataca, o aceite de olive virxe extra e tres veces máis caro có de xirasol, o sal do val de Añana tres veces máis caro có sal convencional, e a bolsa plástica que leva de envase custa o dobre que unha habitual. Estamos a falar dun valor engadido moi forte», argumenta Pablo Fernández, que apunta que en España xa están á venda nos supermercados de grandes superficies, como Carrefour e Cuevas.

Seguen utilizando a chamada pataca ‘agre’ para a súa serie de aceite de xirasol. Isto constitúe o 80% da súa produción, que vai dirixida á hostalería e da que tamén venden en Alemaña. A comercialización de Jaly´s por ano está nos dous millóns e medio de bolsas. Os crecementos acumulados desde o seu arrinque en 2011 son enormes. O seu peor ano foi o 2019, e tiveron un 15% de crecemento.

Jaly´s consome un millón e medio de patacas crúas por ano das que o 99% son de Xinzo de Limia

A fábrica de patacas fritas é 100% de Xinzo de Limia. De alí é o seu propietario, todos os seus traballadores e de alí son o 99% dos provedores do tubérculo. «Ademais, o aceite comprámolo en Ourense. O cartón na Pobra do Caramiñal, as bolsas de plástico en Lugo e algunhas na Coruña. Son dunha familia de agricultores e dábame pena ver que todo o produto íase fóra sen que houbese aquí unha industria de transformación. Galicia é a nosa fonte de suministros e todo queda na nosa comarca», comenta o máximo responsable do proxecto.

O tubérculo cómprase directamente, sen intermediarios, a varios produtores da comarca da Limia, que se ven beneficiados por este proxecto. Agora mesmo Jaly´s consome un millón e medio de quilos de pataca crúa por ano. Pasaron das 100 toneladas dos inicios en 2011 ás 1.500 toneladas que compran agora.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *