O peche da queixería de Casa Macán continuará. A segunda inspección realizada por Sanidade este venres non modificou a decisión inicial tomada no arrinque desta semana. A Consellería de Sanidade explica que se mantén a paralización cautelar da produción desta queixería de Taboada (Lugo) tras levar a cabo esta segunda inspección a requirimento do titular.
A Inspección de Sanidade sinalou ata nove infraccións que provocaron o peche da queixería de Taboada. Hixiene, envasado e almacenaxe figuraban entre os problemas máis graves detectados, xunto a erros nas etiquetaxes e, sobre todo, problemas de temperatura por riba do normal nos procesos de elaboración dos queixos.
A consellería confirmou que na inspección deste venres constatou que algúns dos incumprimentos da normativa de saúde pública que ten que respectar a industria alimentaria e que foron detectados na primeira revisión foran emendados, pero outros non. Isto foi o que provocou que, polo momento, se manteña a decisión do peche.
Tras coñecerse a alerta sanitaria, o director xeral de Casa Macán, Eladio Rigueira, defendeu que “non hai ningún produto contaminado” nin “risco alimentario”. Estaban convencidos de que coas melloras realizadas ían conseguir que se levantar o peche e reanudar a súa producción pero non foi así.
A empresa cesou a súa actividade xa o pasado luns. Nese momento os inspectores de Sanidade comezaron cunha inspección que non chegou nin ás 48 horas xa que o martes pola tarde xa notificaron á empresa de Taboada o peche. As irregularidades que se atoparon levaron mesmo a requisar os queixos e manteigas que estaban elaborados e listos para entregar nos supermercados.
Casa Macán mantén un acordo coa cadea de supermercados Lidl á que fornece con manteigas e queixos en diferentes formatos, entre eles das denominacións de orixe ‘Tetilla’ e ‘Arzúa-Ulloa’.
O martes mesmo a Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN)) fixo pública unha alerta sanitaria sobre este caso e recomendaba aos consumidores que tivesen produtos desta marca que os devolvesen ás tendas.
Deixa unha resposta