A Inspección de Sanidade sinala ata 9 infraccións que provocaron o peche da queixería Casa Macán. Hixiene, envasado e almacenaxe figurarían entre os problemas máis graves detectados, xunto a erros nas etiquetaxes e, sobre todo, problemas de temperatura por riba do normal nos procesos de elaboración dos queixos.
A falta de protección de elementos que son focos potenciais de contaminación en todas as fases da cadea de produción, e tamén a ausencia de garantías de trazabilidade do proceso de elaboración dos produtos que vende a empresa, foron outros dos motivos que levaron a Sanidade a tomar esta medida do peche e poñer en coñecemento da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) todas estas deficiencias.
Os servizos veterinarios do departamento de Saúde Pública da área de Lugo requisaron todo o material que estaba na fábrica listo para comercializar, e así mesmo foron retirados os lotes de ata 6 productos da marca afectados por esta alerta. Sen embargo este xoves Sanidade matizaba e aseguraba que afecta, única e exclusivamente, “a queixos e manteigas elaborados en Casa Macán, polo que os produtos do resto de marcas amparadas baixo as denominacións de orixe protexida “Queixo Tetilla” e “Arzúa-Ulloa” non están afectados”.
A Xunta de Galicia agradece o traballo que realizan os consellos reguladores de ambos selos de calidade, que vixían e controlan que os produtos se elaboren nas mellores condicións hixiénico-sanitarias e quede patentada a calidade dos mesmos.
A paralización da actividade desta empresa luguesa de Taboada está expensas segundas explicacións de Sanidade de que a queixería resolva as deficiencias detectadas. O Goberno galego insiste en que a retirada dos produtos de Casa Macán fíxose de forma cautelar e que só afecta a esta queixería.
Entre as irregularidades detectadas nesta fábrica hai incumprimentos que tamén teñen que ver cas condicións estruturais, de limpeza e mantemento, operacionais ou de hixiene dos procesos de produción. Segundo a consellería, os inspectores detectaron que non se cumprían as normas tampouco en outras materias que resultan importantes como a de almacenamento de materias primas e ingredientes, o que impide garantir que o seu consumo sexa inocuo.
Para que a empresa afectada poida retomar a actividade, a autoridade sanitaria terá que levantar a medida cautelar e, para iso, deberase realizar unha inspección completa do establecemento co obxecto de comprobar que se emendaron todas os incumprimentos detectados e que xa cumpre todas as condicións esixidas na normativa sanitaria de aplicación para producir alimentos seguros.
Deixa unha resposta