Os refrixerios son claves contra o sobrepeso: o videoconsello de Amil López

Os aperitivos deben incluír hidratos de carbono de baixa carga glucémica, proteína de alta calidade e graxa favorable

Tomar un aperitivo é moi importante porque nos axuda a prolongar a nosa xornada laboral ata que chegamos á hora de comer na nosa casa ou fóra dela. A doutora en Nutrición Amil López, considera que ademais permite que teñamos un equilibrio hormonal, en concreto da hormona insulina, que cando se altera por estar en xaxún demasiado tempo, baixa moito o noso rendemento intelectual, a memoria ou a nosa concentración. Ese xaxún prolongado tamén favorece o aumento de graxa corporal e o sobrepeso.

Na sección Xantar Coherente ofrécenos a fórmula para realizar un aperitivo saudable. Se pasas tempo sen comer, tes máis tendencia a engordar e tamén a enfermar. Como se pode facer un aperitivo saudable? Pois igual que sucede cos almorzos, temos que incluír hidratos de carbono de baixa carga glucémica, proteína de alta calidade e graxa favorable.

A autora da Dieta Coherente asegura que isto podemos facelo cun bocadillo pequeno que leve friame magro, salmón afumado, un vexetal de atún, vexetal con tortilla, ou unha barriña enerxética que teña tamén alto contido en proteína.

E que sucede cando estamos de aperitivo fóra da casa, tomando un vermú ou unha cervexa cos amigos? Aí é importante introducir proteína no refrixerio, que pode ser por exemplo a través dunha táboa de ibéricos ou duns queixos semi curados. Desta forma restablecemos a enerxía, equilibramos as nosas hormonas, e imos gozar dunha maior saúde, memoria, concentración, así como facer fronte ao sobrepeso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *