Sanidade paraliza a actividade dunha fábrica de queixos galega

Seguridad Alimentaria recomenda non consumir seis produtos da marca lucense Casa Macán nos que detecta “incumprimentos graves”

Queixos de Casa Macán

A Comunidade Autónoma de Galicia informou á Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición, a través do Sistema Coordinado de Intercambio Rápido de Información (SCIRI), de que se realizou un control oficial realizado na empresa Casa Macán, e detectáronse incumprimentos graves que non poden garantir a seguridade dos productos elaborados nesta empresa do concello de Taboada.

Como consecuencia desta actuación as autoridades competentes de Galicia suspenderon preventivamente todas as actividades da industria e ordenaron a retirada de todos os produtos elaborados.

Están afectados por esta alerta todos os lotes dos seguintes produtos da marca:

  • Manteiga cocida de vaca
  • Queixo D.O. Arzúa Ulloa
  • Queixo D.O. Teto
  • Queixo D.O. Arzúa Ulloa curado
  • Queixo barra Costeño
  • Queixo galego en liscos

Segundo a información dispoñible ata o momento, os produtos foron distribuídos ás comunidades autónomas de Galicia, Cataluña e Castela-A Mancha.

Coa información dispoñible non se confirmou en España ningún caso asociado a esta alerta.

Esta información foi trasladada pola AESAN a todas as comunidades autónomas a través do SCIRI, co obxecto de que continúe a retirada dos produtos afectados das canles de comercialización.

Recoméndase ás persoas que teñan no seu domicilio produtos afectados por esta alerta abstéñanse de consumilos e devólvanos ao momento de compra.

Problemas económicos da empresa

Casa Macán é unha empresa láctea de Taboada, que comezou a súa andaina a principios deste século. Saíu da nada para converterse en interfornecedora de Mercadona para toda España. Aquela relación comercial coa cadea de supermercados extendeuse durante unha década. Tras finalizar a relación con Mercadona, Casa Macán viviu uns anos incertos, ata que en outono do 2015 xurdiulle unha nova oportunidade comercial con Central Leiteira Asturiana (Clas).

Ao pouco tempo, Casa Macán pechou con Clas do grupo Capsa Food un suposto acordo por 10 anos, prorrogable a outros tres, para traballar para a industria asturiana 24 horas ao día os 365 días do ano. Ese acordo levou a que Macán acometera no 2016 unha serie de investimentos na súa planta, así como a ampliación do seu cadro de persoal, que de 28 persoas pasou a 63, pero no outono do 2016 Clas decidiu desvincularse unilateralmente, e Macán viuse abocada a un concurso de acredores amais de abrir un litixio coa empresa asturiana.

O pasado mes de xaneiro, o xulgado do Mercantil de Lugo ditou unha sentenza relativa á reclamación de Lácteos Casa Macán contra Corporación Alimentaria Peñasanta (Capsa) pola que lle pedía 6.665.334,47 euros en concepto de danos e prexuízos pola resolución dun contrato. A xuíza determinou que a pretensión de Casa Macán non podía atenderse xa que o contrato xa estaba resolvido e que o único que procede é establecer o saldo que resulta das operacións levadas a cabo durante o período de vixencia do contrato marco, duns 27.000 euros. Lácteos Casa Macán, declarada en concurso voluntario en xuño de 2017, acudiu aos tribunais ante o que consideraba un suposto incumprimento de acordo comercial, xa que comezaran a colaborar en 2016. Alegaba que Capsa rompera unilateralmente o contrato.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *