Ala, pivote e pasteleiro, a mestura máis doce

O capitán do COB Ourense Kevin Van Wijk fóra das pistas adícase a repostaría e fai tortas ou biscoitos por encargo

Kevin Van Wijk, xogador Club Ourense Baloncesto. / Foto: Carlos Domarco

O mundo do baloncesto é moi diferente ao do fútbol. Atopar un xogador profesional cuxas preocupacións vaian máis aló do deporte que practica, é habitual. Quizais o que non sexa tan común é que esta ocupación extra vaia asociada coa gastronomía. Isto é o que sucede con Kevin Van Wijk (Haarlem, 1989). O capitán do COB Ourense, equipo que milita na LEB Ouro, a segunda categoría do baloncesto español, inviste as horas do seu tempo libre na repostaría e mesmo pensa en converterse xa en pasteleiro como forma de vida no futuro.

Kevin comezou a xogar a baloncesto no seu país natal seguindo os pasos do seu pai, Heck Van Wijk, tamén xogador de baloncesto profesional. Del tamén colleu a afección pola cociña, aínda que non polo doce, xa que ao pai non lle gustan as tortas. Con 17 anos o Gran Canaria puxo os seus ollos nel para formar parte das súas categorías inferiores. No seu primeiro ano como júnior do conxunto canario foi un dos xogadores máis destacados no Campionato de España, onde concluíu como máximo reboteador.

Tras dous anos máis na canteira do conxunto amarelo, no 2009 o ala pivote holandés incorpórase á prestixiosa Canary Basketball Academy, desde onde deu o salto á NCAA, enrolándose na Universidade de Valparaiso. É aí onde comezou a cociñar ao tempo que estudaba. “En Estados Unidos hai moito gusto polas tortas. Tiña moito tempo libre e empecei a practicar na casa. Facía sempre a sobremesa das ceas cos amigos. Eles dicían que estaban moi ricas pero non sabes se o din para que non che sente mal”, comenta con humor o holandés.

Cando deu o salto ao profesionalismo regresou a España. Entón aparcou a repostaría porque non sabía ben en que equipo estaría ao ano seguinte. Oviedo, Lugo, Melilla e Huesca foi o seu periplo, ata que no 2018 volve a Galicia para recalar no COB Ourense. O nacemento do seu primeiro fillo provocou que recuperase as súas maneiras na cociña. “Fixen unha torta do monstro das galletas para el, e quedou tan boa que recibín moitos parabéns. Voltei a facer biscoitos e tortas, e todo o mundo dicía que era o mellor que probara na súa vida”.

O xogador holandés Kevin Van Wijk prepara as súas tortas na casa

O xogador holandés Kevin Van Wijk prepara as súas tortas na casa

Así foi, grazas ao boca a boca, como apañou a decisión de tomalo máis en serio. Comezou a recibir encargos e a vender os seus doces a un prezo asequible, coa idea de que todo o mundo puidese probar as súas habilidades. Nas comidas cos compañeiros de equipo sempre é o encargado de levar a sobremesa. Sen abusar, porque o adestrador quere que coiden a dieta. Aínda que Kevin matiza entre risas que “é moi san, é todo caseiro”.

Cando deixe o baloncesto, Van Wijk non descarta a idea de poder vivir das súas habilidades reposteiras

Vendo o éxito que está tendo, baralla a posibilidade de converterse en autónomo no futuro, ou mesmo ver unha opción de venda online por se ten que seguir cambiando de equipo. En Ourense cumpre o seu segundo ano e todo apunta a que vai seguir cando menos outro máis. Sempre que manteña a diversión e que sexa compatible co baloncesto, non semella que Kevin volte a deixar xa este gusto pola pastelaría. “Outros prefiren pintar, ler, mentres eu cando leo ten que ver con repostaría. E algo que me gusta e que me relaxa moito entre partido e partido. Cando chego a casa é unha forma de desconectar do meu traballo”.

Entre as súas especialidades podemos atopar unha torta de cenoria, outra de chocolate, pero sobre todo a de mazá, que é moi típica de Holanda e que colleu dunha receita da súa nai. Facíaa sempre para o aniversario de Kevin. Fai biscoitos de coco, limón ou plátano. Trata de buscar doces que non se poden atopar nas pastelarías galegas. “Non tería sentido facer unha torta de améndoa, ou da avoa, que son típicas aquí. Busco algo que sorprenda”. Para iso tira da cociña holandesa e tamén do que aprendeu nos Estados Unidos en biscoitos.

O seu sistema é moito de proba erro. Vai sumando ou quitando ingredientes para conseguir a receita perfecta dos pasteis que realiza. Asegura que non ten ningún interese por programas como Masterchef, pero si nas lecturas dos grandes da repostaría mundial. No futuro pensa tamén en facer produtos sen glute ou sen lactosa. As sobremesas caseiras de Kevin agora son só unha afección pero non esconde que cando deixe o baloncesto isto podería converterse na súa forma de vida.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *