Bagaño: paso previo ao augardente

As pebidas da uva e do bagaño están sendo investigadas como fonte de compostos beneficiosos para a saúde

Espremendo uvas nun lagar e sacando o bagaño

Bagaño: substantivo masculino. Residuo de certos froitos como a uva ou a oliva, despois de espremelos e sacarlles o líquido. A augardente faise co bagaño da uva. Sinónimos: bagazo, bagullo e bullo.

En Galicia o bagaño das uvas utilízase para destilar augardente. Precisamente este tipo de bagaño está formado pola casca das uvas e as pebidas unha vez fermentado e prensado. Esta acción do prensado ten lugar no lagar ou na lagareta.

Para obter augardente o bagaño ten que estar totalmente fermentado, podendo ser despois destilado. Trala fermentación do viño na pía ou no barreño introdúcese este nos barrís, nas pipas ou nos bocois; o bagaño prénsase na lagareta para obter os litros que quedan de viño e finalmente o bagaño fermentado e ben prensado consérvase en bidóns de plástico que se pechan para destilalo posteriormente e obter augardente.

As pebidas da uva e do bagaño están sendo investigadas como fonte de compostos beneficiosos para a saúde, pola súa elevada concentración de proantocianidinas, que logo pasan ó viño, dependendo a súa concentración das técnicas de fermentación aplicadas. Actualmente investíganse os efectos antitumorais e antimetastásicos de distintas variedades de uva autoctona como as de mencía, albariño, caíño branco e loureiro.

Outra das liñas de estudo investigan sobre os compostos das pebidas para infusións e incluso liofilizados en produtos alimentarios. Os investigadores estudan os parámetros químicos, tanto no mosto como no bagaño e nas súas pebidas; o seus niveis de fibra e azucre, o seu contido en lípidos, proteínas e ácidos graxos omega. Por outra banda, investígase o efecto cardiosaudable das moléculas que conteñen as uvas.

O bagaño pódese obter doutros froitos como da cana do sucre (utilizado como combustible), da cervexa (alimento para ruminantes), da oliva (aceite de calidade inferior), e da mazá (para facer unha sidra feble).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *