O ourizo de mar é xa un produto cunha demanda tan alta que cómpre unha busca de solucións. As confrarías están a desenvolver plans de explotación que aseguren a sustentabilidade deste recurso. Pasou de ser unha especie secundaria a ser unha referencia de consumo moi aprezada polo mercado nacional, que descubriu a intensidade do seu sabor. As elevadas taxas de exportación deste equinodermo, fixeron que o número de toneladas extraídas anualmente e o seu prezo en lonxa se disparase.
Neste contexto, tanto a comunidade investigadora como as propias confrarías apostaron por desenvolver plans de mellora do seu cultivo, tanto dende o punto de vista da reprodución como da repoboación dos bancos. Un dos últimos proxectos aprobados é Ocimer, unha iniciativa da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla para a optimización do cultivo integral do ourizo de mar Paracentrotus lividus (Lamarck, 1816). Con dous anos de duración e un orzamento total e 148.420€, o proxecto forma parte da convocatoria Pleamar, que impulsa a Fundación Biodiversidad, entidade que financia un 70% do total dos custes, grazas a fondos do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).
Un dos últimos proxectos aprobados é Ocimer, unha iniciativa da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla
Á fronte de Ocimer está o director da Ecimat, Jose Manuel García Estévez, xunto con Damián Costas, responsable da Unidade de Recursos Biolóxicos e Cultivos Mariños da Ecimat e Estefanía Paredes, investigadora do grupo EcoCost do CIM-UVigo e responsable do Servizo de Preservación Funcional de Organismos Mariños da Ecimat. Explica que a finalidade deste proxecto é a optimización do cultivo integral de ourizo de mar Paracentrotus lividus para fomentar a sostibilidade pesqueira e acuícola así como a conservación da biodiversidade. O proxecto traballará en tres eidos principalmente. Por unha banda, explica Paredes, unha das liñas de traballo está “orientada a criadeiro e repoboación en zonas de extracción pesqueira, para o que contamos como socio coa Confraría de Pescadores de San José de Cangas”.
Outro dos obxectivos é analizar as dietas e condicións de cultivo do ourizo para mellorar a calidade das gónadas co consecuente aumento do valor engadido no mercado. Finalmente, unha terceira pata que preocupa aos investigadores do proxecto é a conservación da biodiversidade de ourizos de mar na contorna do Parque Nacional das Illas Atlánticas e a ría de Vigo como área de influencia onde se van desenvolver protocolos de criopreservación para varias especies locais de ourizo que se almacenarán no biobanco da Ecimat.
Tres liñas de investigación
No que respecta á repoboación, o equipo do proxecto buscará os métodos máis eficaces e menos lesivos para os ourizos e realizará estudos previos sobre a composición natural que se vai repoboar e as interaccións entre as especies que forman parte dela, para así poder valorar as potenciais incidencias da repoboación sobre o ecosistema preexistente. Para desenvolver este proceso de repoboación, previamente o persoal científico tamén deseñará sistemas de marcaxe realizando probas con ourizos con diámetro de testa variables para determinar a talla óptima e a mellor metodoloxía de marcaxe. Dentro desta mesma liña de traballo tamén se analizarán as taxas de supervivencia e de recaptura, compilando datos dos ourizos marcados.
Outra das partes do proxecto centrarase no proceso de cría e preengorde. Así, por unha banda, o equipo investigador tratará de optimizar o proceso de produción de xuvenís de Paracentrotus lividus coa vista posta nos dous momentos máis críticos deste proceso de cultivo do ourizo de mar: a etapa de criadeiro e a de fixación-metamorfose. Outra parte do traballo nesta liña pasa pola creación dun biobanco de especies autóctonas. Como explica Estefanía Paredes, dende Pleamar preténdese “desenvolver protocolos de criopreservación de material biolóxico e reprodutivo de diferentes especies de ourizo de mar locais”, de modo que pasarán a ser parte do biobanco de organismos mariños co que xa conta a Ecimat e o Centro de Investigación Mariña. Para este estudo os investigadores centraranse en tres especies: Sphaerechinus granularis, Paracentrotus lividus e Echinocardium cordatum.
Realizarase unha análise sensorial das gónadas dos ourizos alimentados coas diferentes dietas para determinar cal é a mellor
Finalmente, a terceira liña de investigación pasa por deseñar dietas enerxéticas que melloren a condición, a textura e a cor das gónadas dos ourizo no medio natural antes da súa comercialización. Para isto, realizarase unha análise sensorial das gónadas dos ourizos alimentados coas diferentes dietas para determinar cal é a mellor.
Ao peche do proxecto, o equipo creará un manual integral de cultivo de Paracentrotus lividus e agardan publicar os resultados en revistas científicas internacionais. Todos os avances que se vaian realizando poderán seguirse a través das redes sociais en @ocimerUvigo.
Deixa unha resposta