Este será o primeiro Nadal que celebre o Museo do Viño de Galicia, inaugurado o 19 de xullo deste ano, e quere celebralo con horarios especiais de apertura e actividades dirixidas ao público familiar. A Reitoral de Santo André de Camporredondo, en Ribadavia, sede do Museo do Viño de Galicia, amplía días e horarios de apertura. O horario habitual do museo é os xoves de 10:00 a 14:30 e os venres, sábados e domingos tamén pola tarde, de 16:00 a 19:30. Durante estas festividades abrirá tamén os xoves pola tarde e os luns 23 e 30 de decembro.
Ás visitas guiadas de balde que se veñen realizando para grupos e visitantes individuais súmanselle dúas novas actividades: a busca do tesouro “O Segredo de Santo André” e un taller familiar “Obradoiro de Cunquiñas”.
En menos dunha hora cada participante poderá levar unha cunca feita ao momento para casa
No primeiro caso trátase dunha maneira diferente de visitar o Museo do Viño de Galicia. Un xogo autoguiado dirixido ás familias para descubrir tódolos secretos que agocha a Reitoral de Santo André. A través dunha serie de pistas escondidas nas diferentes salas do museo, nenxs e adultxs poderán aprender curiosidades sobre o mundo do viño e realizar probas moi divertidas para atopar o tesouro final. A actividade ten unha duración aproximada de 45-50 minutos. Pódese facer en calquera momento durante o horario de apertura, ata unha hora antes do peche, e non é necesario reservar praza.
No Obradoiro de Cunquiñas farase unha pequena cunca ao xeito tradicional. Trátase dunha actividade para toda a familia ou para grupos escolares, a partir de 4 anos. O persoal especializado do Museo do Viño de Galicia aprende a técnica de modelado do barro sen torno. En menos dunha hora cada participante realizará un recipiente, que poderá levar para casa, seguindo os modelos da olería asociada á cultura do viño. Unha actividade tamén de balde para a que é necesario facer reserva chamando ao 988 783 075 ou enviando un correo electrónico a informacion-museodovinho.cultura@xunta.gal.
Deixa unha resposta